Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. PAU. A lingua e os seus falantes.

Variedades dialectais do galego.



-Selección de anacos de Ben Falado: falas galegas 


-Exercicios prácticos en ogalego.gal


Audio-texto

 

Hai localismos léxicos, palabras propias dunha zona que non se usan noutras pero que son admitidas na lingua estándar: golpe (raposo). E hai variantes dialectais, dialectalismos, que non son recollidas na lingua normativa. O dicionario da RAG define dialectalismo como "Vocábulo, construción sintáctica etc., propia dun dialecto, que se arreda do código considerado estándar".

Malia ser o galego unha lingua sen case variante culta durante moitos séculos, mantívose unha grande unidade en todo o territorio sen que en ningún momento os falantes teñan conciencia de falaren linguas diferentes. A baixa consideración dos galegos pola súa lingua levou a que ninguén considerase a súa como o mellor galego, sempre se pensaba que o mellor galego era o doutros lugares (de Lugo, da montaña, das rías...). O mesmo pasaba coas características dialectais, o seseo e a gheada tiñan pouca consideración social e eran corrixidos nas escolas cando se "escapaba" algunha palabra en galego.

Mais todas as variantes locais do galego son unha riqueza que debemos conservar, a variabilidade é unha fonte de riqueza do diasistema. Aínda que non se recollan na escrita ou na variedade culta hai que recuperalas e mantelas na lingua falada. Cadaquén debe falar de acordo coas características da súa zona e estar fachendoso delas, mesmo se poden recoller na creación literaria, como fan as poetas María Lado ou Lucía Aldao.

As variedades dialectais son tamén un reflexo dos trazos socioculturais e identitarios do territorio no que se falan e teñen moita importancia na conformación da lingua estándar.

Se nos fixamos nos trazos que citamos máis abaixo vemos que a lingua estándar reflicte os plurais das palabras rematadas en -l (animais) do bloque oriental, o non seseo nin gheada do bloque central, o sufixo -án/áns do bloque occidental. A lingua estándar "bebe" das variantes dialectais.

Son dialectalismos fonéticos:

- O seseo: sapato, lus, por zapato, luz
- A gheada ghato, reghalo, por gato, regalo
- O ditongo -uipor -oi-: truita, muito, por troita, moito 
- As formas en cua ou gua: cuando, guardar por cando, gardar

Son dialectalismos morfosintácticos:

- Os plurais de formas con –ns na lingua estándar: cas-caes/cais ou ladrós - ladrois para cans, ladróns 
- As formas en -ao, -án (-án, -á): o irmao / irmau, a irmán, fronte ao normativo o irmán - a irmá 

- Os demostrativos: iste, ise, aquil, eso, fronte a este, ese, aquel, iso 

- As terminacións verbais: andais, andandes, andás, por andades; colliu por colleu, sigueu por seguiu

Malia a grande unidade do galego falado acostuman diferenciarse tres grandes bloques dialectais baseándose nunhas poucas isoglosas (liñas que marcan unha forma diferente de dicir algo no territorio). Dentro dos bloques poden sinalarse tamén áreas máis pequenas.

1.-Bloque oriental:

- Plural -is (ns): cais (cans), pantalois (pantalóns), ladrois (ladróns)
- Sufixo -in (-iño): camín (camiño), paxarín (paxariño) , vecín (veciño)
- Grupo -ua-: cuatro (catro), cuando (cando), guardar (gardar)
- Baxo
 (baixo), caxa (caixa)

Exemplos: gústanme esas canciois // O gato é moi bonitín // O meu vecín ten cuatro cais // Mira aí, ta guardado na caxa

Áreas do bloque oriental:

- Asturiana: artigo el/l´avolo (avó), mulin (muíño) Ex. l´avolo ta n´el mulín
- Ancaresa:
vogais nasais
- Zamorana
: collí (collín), partí (partín)

2. Bloque central:

- Non seseo: luz, dez, empezar, dicir
- Sufixo -ao: mao, irmao, chao (man, irmán, chan)
- Plural -s (ns): cas (cans), leós (leóns), ladrós (ladróns), calcetís (calcetíns)
- Algunha gheada

Exemplos: a meu irmao caeulle a tixola ao chao // Vin pasar por alí unhos camiós negros // Mercou dous cas de palleiro

Áreas do bloque central:

- Mindoniense: cimo (grelo), golpe (raposo)
- Lucu-auriense: come (cume), bibe (bebe), il (el)

3. Bloque occidental:

- Gheada: logho (logo), amigha (amiga), Lugho (Lugo)
- Seseo total: disir (dicir), cosiña (cociña), des (dez) ou seseo só final de sílaba: lus (luz) mais facer
- Sufixo -an: man, irmán, castelán, chan
- Plural n: uns, algúns, leóns, calcetíns

Exemplos: asende a lus da cosiña // Os tighres non son curmáns dos leóns // Ese xa caeu des veces ao chan

Áreas do bloque occidental:

- Fisterrá: cheísmo (só che pronome, non te), muito (moito), nuite (noite), colliu (colleu)
- Bergantiñá: colliu (colleu), non cheísmo
- Baixo Miño (teísmo, só te, non che)

 

Dialectos

 

- Consello da Cultura Galega: documento interactivo

-Na páxina do Arquivo Sonoro de Galicia pódense escoitar ou descargar textos dialectais

Ana Acuña
Foto: Ana Acuña, investigadora e ensaísta galega, amiga de ogalego.gal
Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.