Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Poema comentado para alumnado de secundaria


1.- Lectura do poema

Podemos acompañar co recitado do texto

Ramón Cabanillas

¡En pé!

   ¡Irmáns! En pé sereos
a limpa fronte erguida,
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,
   o corazón aberto
   a toda verba amiga
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
   ¡cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!

   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.
   Comestas polo tempo
   xa afrouxan as cadeas...
   ¡Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!

   ¡Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
   berremos alto e forte:
   “A nosa terra é nosa”.

Da terra asoballada
1917

E podemos escoitar a versión do cantante Juan Pardo:

 


2. Agora probamos a recitar nós o poema facendo unha gravación, escoitando logo e mellorando se cómpre.

Se hai máis xente na casa podemos convidalos/las a compartir a experiencia dándolles algún verso para que participen


3.- Comenario do poema para alumnado de literatura:

En pé!: Poema lírico de tema social-patriótico publicado por Ramón Cabanillas en Da terra asoballada, 1917.

Todo o poema é un berro, unha chamada de atención, por iso a abundancia de signos de admiración para reforzar o ton apostrófico.
En pé!
Título breve pero forte, chamada que logo irá glosando nas estrofas. Non se pode seguir igual, hai que cambiar a situación

A Luís Porteiro
Dedicado a Luís Porteiro Garea (1889-1918) galeguista, un dos fundadores das Irmandades da Fala. Como veremos o poema estará moi relacionado coa súa ideoloxía.

   Irmáns! En pé sereos
No 1.º verso vemos que o suxeito poético apela, chama aos Irmáns, os galeguistas (Irmandades da Fala) para que se ergan con serenidade, con firmeza
a limpa fronte erguida,
somos xente de ben, positiva, honrada, sen nada que ocultar; erguidos, reforzo de en pé.
   envoltos na brancura
   da luz que cae de riba,

bañados pola luz do sol (positiva, branca), á luz do día, sen medo, con determinación
encabalgamento, que se repetirá na segunda estrofa, cunha unidade rítmica de dous versos
   o corazón aberto
   a toda verba amiga

dispostos a escoitar a mensaxe, as palabras amigas, con total recptividade
   e nunha man a fouce
   e noutra man a oliva,

versos paralelísticos para as dúas formas de loita. A violenta (fouce, logo símbolo do marxismo) e a pacífica (a oliva símbolo da paz)
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,

de novo dous versos paralelísticos e anafóricos para a bandeira de Galicia, aquilo que une a todos os galegos. Nas tres estrofas os dous versos hendecasílabos están dedicados á bandeira común dos galegos
  cantémo-lo dereito
   á libre nova vida!

Suxeito poético nós, polo que a chamada é para todos os galegos. O hipérbato do último verso marca a palabra máis importante: libre. A estrofa conclúe reforzando a chamada a liberar Galicia, unha nova Galicia.
Así remata a primeira parte, a introdución: presente, chamada a loitar por Galicia.
10 versos heptasílabos e 2 hendecasílabos con rima nos pares.

   Validos de traidores
   a noite de Frouseira
   á patria escravizaron
   uns reises de Castela.

Valéndose de traidores os Reis Católicos conseguiron rematar coa rebeldía de Pero Pardo de Cela e entraren no ben defendido castelo da Frouxeira. Coa súa morte comeza a doma e castración de Galicia, os tempos escuros da Terra.
   Comestas polo tempo (comidas polo tempo)
   xa afrouxan as cadeas...
mais o século XV xa queda lonxe, xa estamos noutros tempos, nos tempos das Irmandades: o tempo comeu as cadeas da escravitude
   Irmáns asoballados
   de xentes estranxeiras,

irmáns oprimidos, escravizados, por xente de fóra, alleos a Galicia
ergámo-la bandeira azul e branca!
E ó pé da enseña da nación galega

levanemos a bandeira común, e xunto á insignia do nosa nación (Cabanillas xa non fala de alma rexional coma en Acción Gallega, agora xa é nación). De novo os versos longos para a bandeira. Antes era arredor dela, agora xa a erguemos, un paso máis
   cantémo-lo dereito
   á libertá da Terra!

repetición do mesmo penúltimo verso da estrofa, porque é un dereito adquirido polos galegos
de novo coclúe coa petición de liberdade, na 1ª da vida, agora da Terra (maiúscula, porque é Galicia, así era o nome que se lle daba habitualmente)
Fin da segunda parte do poema: referencia histórica á época negra de Galicia, cando perdeu a súa liberdade e nova conclusión de chamada á loita.

   Irmáns no amor a Suevia
   de lexendaria historia,

O Reino Suevo foi unha época gloriosa nos séculos V-VI, lendaria, o maior explendor do reino de Galicia; por iso debe servir de exemplo positivo
   ¡en pé! ¡En pé dispostos
   a non morrer sen loita!

repetición das palabras do título dúas veces para reforzar a idea
loita ata o final, ata a mesma morte
   ¡O día do Medulio
   con sangue quente e roxa

coa resistencia aos romanos no monte Medulio no S. I aC (antes mortos ca escravos, o suicidio antes ca entregarse)
obsérvese que os exemplos míticos da historia positiva son anteriores no tempo aos negativos da segundo estrofa
   mercámo-lo dereito
   á libre, honrada chouza!

os devanceiros heroes co seu exemplo xa nos mercaron o dereito á libertar a terra
novo hipérbato para reforzar a idea de liberdade
Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
xa, presente, novos tempos, os das Irmandades, dos novos galeguistas. Agora só un verso para a bandeira que xa ondea (gradación: arredor, erguemos, ondea)
A oliva nunha man, a fouce noutra,
volven aparecer a oliva e a fouce, agora no mesmo verso e primando a oliva: antes a loita pacífica
   berremos alto e forte:
no remate temos que berrar (xa non só cantar) e facelo alto e forte, que escoiten todos. Berrar xa é alto e forte, inclúense os adxectivos para reforzar o berro
   “A nosa terra é nosa”!
entre comiñas, a consigna dos galeguistas, como a nosa terra pertencía a xentes alleas (Castelao: a nosa terra non é nosa, rapaces), temos que conseguir que sexa nosa
Así remata este poema nacionalista e galeguista, un dos máis importantes e repetidos da literatura galega. Publicado no libro Da terra asoballada, o título do libro tamén está en consonancia co do poema. Mesmo se chegou a falar de que daría un bo himno galego, mais xa estaba o de Pondal.

Foron tres estrofas iguais, de 12 versos con rima nos pares. Heptasílabos e hendecasílabos (a bandeira), con unidades rítmicas de dous versos en varias ocasións.

Ramón Cabanillas, homenaxe de ogalego.eu
qr
Foto Ramón Cabanillas, autor do poema
Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.