![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
Audio-texto
Cómpre destacar o valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e o necesario respecto por estes.
Marco legal e normalización
En 1978 apróbase a Constitución: cooficialidade de galego e castelán en Galicia. En 1981 o Estatuto de Autonomía: “a lingua propia de Galicia é o galego”. En 1983 a Lei de Normalización Lingüística: regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.
O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica, da Xunta de Galicia. O seu ensino é obrigatorio en Primaria e Secundaria, e algunhas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego, que non se chegaron a desenvolver. O actual marco legal senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
a) Acción institucional do poder político.
Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
b) Acción colectiva non institucional.
Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego ...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
c) Acción individual.
Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.
Prexuízos e estereotipos
A función esencial dunha lingua é a de servir como medio de comunicación entre os membros dunha comunidade e pode concretarse (ou non) noutras máis específicas: función de identidade, familiar, laboral, local, institucional, cultural e internacional. Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: unha das linguas -a dominante- vai ocupando progresivamente os ámbitos da outra -a dominada- e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle tamén lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante.
O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria que é só cuantitativo (cantos a usan?). Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística, ou pode que non.
Un dos moitos obstáculos no camiño da normalización do galego (facer normal o seu uso na sociedade) é a vixencia de determinados estereotipos e prexuízos lingüísticos que pretenden transmitir a idea de que a lingua minorizada (o galego no noso caso) non é tan válida para o desenvolvemento como a hexemónica, polo que non ten futuro:
-o galego
é propio do mundo rural
-o galego non serve para as matemáticas ou a informática
-o galego non serve para nada fóra do territorio galego
-o que hai que aprender é inglés e non galego
-o galego só o falan os nacionalistas
-o galego normativo é “inventado”
-o galego non ten sentido no mundo actual globalizado e con Internet
Que son falsas verdades e tamén se aplican noutros casos de linguas minorizadas.
Vexamos:
-o galego
é unha lingua tan válida na cidade coma na aldea
-o galego serve para calquera ámbito: a Facultade de Matemáticas foi moito tempo das máis galeguizadas
-o galego ponnos en contacto con toda a comunidade de fala galego-portuguesa
-aprender o inglés non ten que ver con falar galego, non se opoñen, ademais os falantes bilingües aprenden mellor unha terceira lingua
-hai moita xente que non é nacionalista e fala galego
-o galego estándar está baseado na historia e nos idiomas latinos irmáns
-no mundo globalizado cómpre ter unha identidade propia e a Internet axuda á difusión do galego
Se non existisen estes prexuízos poderiamos falar dun bilingüismo harmónico entre as dúas linguas, unha convivencia pacífica na que cada quen fale o que lle apeteza e domine ben os dous idiomas. Esta solución pode hoxe darse en determinados falantes mais aínda semella utópica no conxunto da sociedade na que seguen vixentes os citados prexuízos lingüísticos. Para entendermos que se trata dunha cuestión de prestixio, vemos que o castelán, que en Galicia é a lingua de prestixio fronte ao galego, en moitos lugares dos EE.UU é a lingua minorizada fronte ao inglés.
Na actualidade hai xa un amplo coñecemento e uso do galego escrito, sobre todo nas aulas, mais a transmisión xeracional do idioma (de pais a fillos) nunca foi tan baixa. Que pensan os galegos? Nas enquisas unha maioría é favorable ao uso do galego e veo positivamente, consideran que é "a nosa lingua", que hai que promover o seu uso en todos os niveis, que é un valor engadido que nos sitúa no mundo dándonos unha identidade e achegándonos á comunidade de fala galego-portuguesa. Mais outros consideran o galego unha lingua de segunda, sen interese para o futuro -para que sirve el gallego?-, non paga a pena promover o seu uso.
Así que poderiamos concluír que a conciencia lingüística na actualidade en Galicia é moi diversa. Para uns a situación da lingua é óptima, as autoridades apoian a normalización clara e suficientemente. Para outros o futuro é moi escuro, non hai interese real pola normalización. Hai moita xente que manifesta amar o galego e ten preocupación pola súa desaparición pero opina que non se debe impoñer o seu uso.
Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) referidos ao coñecemento e uso do galego en 2023 sinalan:
-falan en galego sempre o 24,37
-falan máis galego ca castelán o 21,86
-falan máis castelán ca galego o 24,11
-falan só en castelán o 29,66
46,23% falan maioritariamente galego fronte ao 53,77 que falan maioritariamente castelán, por primeira vez na historia os falantes de castelán superan os de galego. A situación é preocupante para o galego.
Cualitativamente o galego está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Cada vez un maior número de profesionais liberais o utiliza normalmente. Neste século XXI temos que ter en conta o seu uso na internet pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos tradutores, correctores ortográficos en galego, ademais de Android, Windows, Facebook, Twitter... As compañías de telefonía móbil ofertan algúns terminais en galego. En 2022 o galego ocupaba por número de falantes o posto 160 entre as linguas do mundo, o 59 por uso na Internet, o 53 por páxinas na Wikipedia e o 37 por peso a nivel mundial! Está claro que se queremos, podemos, malia as dificultades!
Máis aínda: falar varios idiomas retrasa o envellecemento acelerado.
Conclusión
Defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos.
-Vídeo de Rosalía Fernández sobre a lingua

Foto: Bernardo Penabade, escritor e amigo de ogalego.gal
ogalego.gal - ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel // Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados |
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |