Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Preguntas de sociolingüística nos últimos exames PAU



Proposta da Comisión para 2026

Opcion 1

3.1. Redacte un texto de opinión centrado na importancia do galego como lingua propia e no necesario rexeitamento dos prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 120 palabras. (1,25 puntos).

Criterios:
―Breve introdución: valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e necesario respecto por estes.
―Corpo de argumentación: importancia do galego como realidade histórica e como idioma propio herdado. Consideración legal como lingua cooficial na nosa comunidade autónoma. Rexeitamento de calquera prexuízo ou estereotipo que pexe o galego, especialmente aqueles que alimentan a situación diglósica deste respecto do castelán.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos. (1)

Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,25)

Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,25)

Opción 2

3.2. Redacte un texto de opinión centrado na riqueza cultural, social, histórica e patrimonial que supón a diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 120 palabras. (1,25 puntos)

Criterios:
―Breve introdución: constatación da realidade plurilingüe da Península Ibérica e indicación dos idiomas nela existentes.
―Corpo de argumentación: riqueza do plurilingüísimo como vehículo de expresión cultural; necesaria preservación do legado histórico que os idiomas supoñen; valor patrimonial e inmaterial representado polas linguas propias; cumprimento das lexislacións estatais e autonómicas que referendan a convivencia e diversidade lingüísticas.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da diversidade lingüística na Península Ibérica. (1)

Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,25)

Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,25)



Xuño 2024.

4.1. Analice esta viñeta e explique por que existen diferentes actitudes na aprendizaxe segundo as linguas e cal é o papel dos neofalantes na normalización da lingua galega. *Extensión aproximada: 250 palabras. ( (2,5 puntos)

Socio imaxe


Criterios de avaliación:

Análise da viñeta (0,5 ptos): a partir da conversa entre as dúas rapazas da viñeta, o alumnado pode facer un comentario sobre o pretexto da rapaza castelán falante para non falar en galego e a resposta da outra moza, que pon de manifesto a incoherencia do argumento, derivada dos prexuízos lingüísticos.

O prestixio das linguas e os prexuízos (contextualización, 1 pto.).

As diferentes actitudes na aprendizaxe das linguas deriva do prestixio de cada unha delas: é diferente ante as linguas hexemónicas e ante as minorizadas. A vontade de aprender unha lingua estranxeira, coma o inglés, supera os reparos a falalo mal (o que ocorre sempre nos procesos de aprendizaxe lingüística). O mantemento dos prexuízos lingüísticos redunda na consideración de inferioridade da lingua galega por unha parte da poboación e no avance da substitución lingüística. Identifícase o prestixio co número de falantes, isto é, úsase de facto un criterio cuantitativo, non cualitativo. A sobrevaloración destas linguas conduce a desprestixiar por contraposición o galego.

A inseguridade sociolingüística de moitos mozos demostra, por unha parte, o papel do sistema educativo, incapaz de conseguir desterrar prexuízos antigos, e, por outro, que a lingua aprendida en espazos alleos ao núcleo familiar non garante o seu uso. Tamén reflicte o temor da xente nova a ser etiquetada dunha determinada maneira (política ou socialmente).

Os neofalantes e o seu papel na normalización lingüística (interpretación, 1 punto).

Calquera proceso de normalización ten como un dos seus principais obxectivos aumentar o número de falantes (amais de ampliar os ámbitos de uso). Unha das maneiras de facelo é que persoas que teñen o castelán como única ou predominante na familia e na socialización primaria se instalen parcial ou totalmente no galego ao longo da súa vida: os neofalantes. En Galicia a súa porcentaxe é aínda reducida a nivel cuantitativo, pero teñen grande importancia desde o punto de vista cualitativo e do prestixio lingüístico. Dada a mingua continua de falantes de lingua galega e a conseguinte aceleración do proceso de substitución lingüística, a figura do neofalante é primordial para asegurar o mantemento do galego como lingua do país.



Xullo 2024.

A partir da campaña #aquítaménsefala, reflexiona sobre as medidas de normalización lingüística: son necesarias? Para que serven? Exemplifica o teu comentario concretamente no eido do deporte. (Extensión aprox. 250 palabras). (2,5 puntos)

imaxe

imaxe

Criterios de avaliación:

A normalización ten como obxectivo a reversión das dinámicas de substitución lingüística: converter o galego como lingua de uso preferente da maior parte do país, en todos os ámbitos, situacións e relacións sociais. Para iso sérvese de moi variadas medidas (a instalación da lingua nas institucións, nos medios de comunicación, no sistema educativo…). E tamén campañas sectoriais.

O comentario pode enfocarse de varias formas:
• Situación da lingua: por que é necesaria unha política lingüística.
• Políticas lingüísticas deseñadas polas administracións en diversos ámbitos.
• Obstáculos: os prexuízos lingüísticos, a perda da cadea de transmisión interxeracional, ausencia dunha planificación lingüística por parte do goberno con obxectivos claros e explicados con precisión…
• Experiencias que coñezan de normalización (como #aquítaménsefala)

A normalización e o deporte: no exemplo móstrase o ámbito do fútbol, pero poden comentar calquera outro que coñezan, partindo da súa experiencia como usuarios ou como deportistas (os topónimos nos nomes dos clubs de fútbol, o idioma que se emprega na megafonía, o que utilizan os adestradores cos deportistas, o que os deportistas usan nos medios de comunicación…).

 


Proposta da comisión 2025

TEXTO

Non é a primeira vez. Hai cousa dun ano xa escoitei como Boyero se incomodaba co acento galego, e lembro que o locutor da radio se decataba do que o crítico viña de dicir e o avisaba para que recollese as súas palabras ou, cando menos, as matizase cunha rectificación en directo, pero el, con esa chulería lenta e un chisco macarrónica, teimaba no agravio amosando unha vez máis que non era quen de admitir esa complexidade que trae a diversidade lingüística, o mesmo que lle acontece cun certo tipo de cine exótico que moitos amamos e el despreza. Mais isto xa é cuestión de gustos. O acento non. Detrás do acento ferve en moita xente un complexo latente durante séculos e séculos de inxurias e sufrimento, e non só para os galegos, pero tamén hai unha liña de orgullo que nos ata con firmeza ao que somos, coma un primeiro lugar de pertenza. E aí é onde a ofensa a Luís Zahera se volve colectiva. Sería doado, mesmo comprensible, dicir que o actor non lle gusta por ser demasiado histriónico, por exemplo. Pero non. Para Boyero, se non hai humillación non hai diversión nin polémica. E el, aínda que non o saiba, arrastra os seus propios prexuízos, que mamou no franquismo e agora cospe con ese ton áspero de ruína melancólica. As palabras adoitan configurar os nosos desexos, e estas de Boyero non son palabras travestidas e inxenuas; son a expresión certa dun interese inconsciente para lles pechar a porta a eses galegos que non van servir a Madrid a señoritos coma el, intrusos que talvez non sofren o pracer vergonzoso dun acento no que se concentra todo o sentimento dun pobo. Non creo que o crítico rectifique e el seguirá a repetir sen piedade as súas opinións con ese acento un chisco cavernoso, cheo de estropallo e acidez, que, por moito que el pense, non é mellor ca o noso.

Antón Riveiro Coello, “Ofensa colectiva”, La Voz de Galicia, 11 de outubro de 2024

3.1. A partir do artigo de Antón Riveiro Coello, escriba un texto de opinión centrado nos prexuízos lingüísticos, especialmente aqueles que teñen que ver coa pronuncia e coa fonética. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Proposta da comisión para resposta:

Non se efectuou


Xuño 2023

Analice esta viñeta, utilizando os conceptos técnicos de estereotipo e prexuízo lingüístico. Explique como cambiaron os prexuízos cara ao galego a raíz do proceso de normalización lingüística. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

imaxe

Proposta da comisión:

1, 5 puntos: Cómpre que o alumnado defina os conceptos de estereotipo e prexuízo baseándose na viñeta:

1 punto: Se é quen de explicar a relación deste prexuízo co proceso de normalización lingüística.



Xullo 2023

4.1. Analice o prexuízo lingüístico que se denuncia na viñeta de Pepe Carreiro e sinale dous exemplos da historia da lingua galega que demostren as súas consecuencias na práctica. Indique se este prexuízo se mantén dalgún xeito na actualidade, argumentando a súa resposta tamén a través dalgún exemplo concreto. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Socio

Proposta da comisión:

1 punto por indicar e analizar o prexuízo lingüístico da viñeta.

Tratáse de restrinxir e reducir as posibilidades de uso dunha lingua a determinados ámbitos, debido a que esta lingua é percibida como menos prestixiosa e polo tanto indigna para ser empregada nestes usos “elevados”. No caso da viñeta, refírese en concreto a que unha lingua como o galego non se acepta para o estudo dunha ciencia como as matemáticas. Esta, polo tanto, só se podería levar a cabo a través da única lingua considerada válida para este fin: o castelán. En cambio, nestas situacións de desigualdade social, a lingua de menor prestixio si é admitida para certas funcións tamén prestixiosas, pero presentadas como inferiores ou de menor categoría, como pode ser o cultivo do xénero literario da poesía. De aí que, nos procesos de normalización lingüística, cando a lingua minorizada comeza a empregarse na escrita, sempre se inicia pola literatura e, dentro desta, pola lírica.

1 punto por sinalar dúas consecuencias derivadas deste prexuízo ao longo da historia.

A principal consecuencia é o afastamento dos usos públicos formais e escritos da lingua galega durante os séculos escuros, cando comeza o proceso de substitución lingüística do galego polo castelán, fronte ao que ocorría na Idade Media, onde o galego si se empregaba en todos os ámbitos, desde o literario ata os documentos notariais, de xeito que podemos afirmar que daquela era tanto a lingua do pobo como dos reis e a nobreza.

Outra posible consecuencia é a que observamos nos propios protagonistas do Rexurdimento, que reivindicaban a lingua galega, pero ao mesmo tempo levaban a cabo os seus discursos públicos formais en castelán (como o que realiza Manuel Murguía na inauguración da Real Academia Galega).

Do mesmo xeito, neste período os escritores e a escritora máis recoñecidos eran poetas, mentres que cómpre esperar ao primeiro terzo do século XX e ao Grupo Nós, para encontrar novela moderna en lingua galega.

0,5 puntos por explicar se se mantén ou non na actualidade e argumentar a resposta a través dun exemplo concreto.

Na actualidade aínda persisten claras consecuencias deste prexuízo, como o feito de que a maioría da prensa diaria escrita en papel sexa publicada en castelán ou que a maior parte das veces que consultamos a carteleira de cine non se ofreza nin unha soa película na nosa lingua, a pesar de que a cinematografía galega sexa de alta calidade. Do mesmo xeito, podemos observar pegadas deste prexuízo no escaso uso que se realiza da nosa lingua no ámbito por exemplo da xustiza. Por último, resulta moi revelador do mantemento deste prexuízo que, tras 40 anos desde que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, estea prohibido por lei (Decreto 79/2010), en Galicia, impartir a materia de matemáticas en galego na Educación Primaria e Secundaria.

Eva Mejuto
Foto: Eva Mejuto, escritora e amiga de ogalego.gal

ogalego.gal - ogalego.gal son Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados