Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2.º Bach. Propostas de exame para 2027



LINGUA GALEGA E LITERATURA II



O exame consta de 4 preguntas obrigatorias. Todas as preguntas, agás a primeira, teñen posibilidade de elección entre apartados. A cualificación das preguntas consigna unha puntuación específica para a adecuación, coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica das respostas e a observación da extensión recomendada dos textos.

TEXTO

A saúde mental infantil e adolescente experimentou nos últimos anos unha importante deterioración que lles preocupa cada vez máis ás familias e ao profesorado. Esta semana as consellerías de Educación e Sanidade poñían en marcha un protocolo contra o risco suicida na infancia.
O 98,5 % de adolescentes están polo menos nunha rede social e o 85 en tres ou máis. É o seu espazo de socialización. Pero xa desde os 10 anos moitos cativos fan un uso intensivo do teléfono sen supervisión.
Ao chegar aos 15, o móbil acada o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais, segundo explica Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social: "Ten problemas e implicacións a nivel de saúde: hai novas formas de adicción e un malestar emocional e ten problemas a nivel de convivencia. A OMS o que di claramente é que un uso maior e máis intensivo a idades máis temperás implica maiores taxas de ciberacoso e implica multiplicar por 5 as taxas de depresión e mesmo de ideación suicida".
O acoso dixital é máis silente, pode darse a calquera hora e todos os días da semana. Rial advirte de que hai dous problemas fundamentais: o uso intensivo e sen supervisión da tecnoloxía a idades moi temperás e a educación, porque os espazos de convivencia que teñen as familias hoxe en día son escasos e impiden que se perciba o acoso desde o seu inicio. (...)
Insisten en que todos estes signos aparecen antes da baixada do rendemento académico, que é cando moitas familias se decatan do problema. E que o fenómeno é global, polo que calquera pode ser vítima e tamén agresor.

Fonte: www.g24.gal/-/a-saude-mental-na-infancia-e-adolescencia-empeora-co-mal-uso-das-tecnoloxias


PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (3,25+0,75=4 puntos)

Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:
1.1. Realice un resumo do texto, destaque as ideas principais e indique a estrutura. Evite parafrasear o texto, exprésese coas súas palabras. Extensión aproximada: 90 palabras. (1,75 puntos).
1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,5 puntos)

Criterios de corrección da pregunta 1

1.1. 1,75 puntos

-1,5 puntos:

Resumir o contido do texto:
―A saúde na infancia e na adolescencia agravouse nos últimos anos e este feito preocupa a familias e docentes.
―As consellerías de Educación e Sanidade estableceron un protocolo contra o risco suicida nas persoas menores.
―O alto emprego das redes sociais, de internet e dos móbiles favorece, segundo o experto Antonio Rial, a adicción dos adolescentes a estas realidades, o que provoca graves problemas emocionais e de convivencia, entre eles o ciberacoso.
―Segundo a OMS, o ciberacoso quintuplica as taxas de depresión e suicidio entre a mocidade.
―Rial advirte de dous problemas fundamentais: o emprego intensivo e sen supervisión da tecnoloxía en idades moi temperás e a falta dunha educación responsable no seu uso.
―Estas problemáticas adoitan ser detectadas polas familias só cando os menores baixan o seu rendemento escolar.
―En materia de ciberacoso calquera pode ser vítima e tamén agresor.

Identificar as ideas principais que presenta:
―O ciberacoso medrou nos últimos anos entre as persoas máis novas, provocando un significativo aumento de depresións e suicidios.
―As consellerías de Educación e Sanidade estableceron un protocolo para prever estas problemáticas.
―É preciso un uso moderado e responsable das novas tecnoloxías e unha educación dixital axeitada para a mellora da situación.

Indicar a súa estrutura:
―Introdución ou primeira parte: correspóndese co primeiro parágrafo, onde se anuncia a temática a tratar e se dá noticia da medida tomada polas consellerías.
―Corpo de argumentación ou segunda parte: correspóndese co núcleo argumentativo do texto, que iría dende o segundo parágrafo ata o penúltimo, onde se ofrecen datos e testemuños que defenden as teses sobre o tema tratado.
―Conclusión ou terceira parte: correspóndese co último parágrafo, no que se dá remate ao texto cunha idea forza conclusiva: o tema tratado é un fenómeno global no que calquera pode chegar a estar implicado.

-0,25 puntos

Evitar na redacción a paráfrase excesiva do texto e o abuso da reiteración textual das secuencias do mesmo.

1.2. 1,5 puntos

-0,75 puntos

Identificar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito: é un texto expositivo-argumentativo, pois a súa principal finalidade é convencer das tese que expón mediante o emprego de diversos argumentos.

-0,75 puntos

Xustificar a adscrición á tipoloxía textual servíndose de, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto: conectores explicativos, terminoloxía específica, modalidade enunciativa, argumentos causa-efecto, substantivos abstractos…

-0,75 puntos

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.


PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (1,25+0,25=1,5 puntos)

Responda un dos dous apartados seguintes:

2.1. Sinale se o grafema ˂n˃ das seguintes palabras que aparecen no texto en letra grosa se corresponde cun fonema nasal alveolar ou un fonema nasal velar: unha, menos, novas, impiden, antes. Escriba un antónimo de cada unha das palabras. (1,25 puntos).

2.2. Indique a función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración estas cinco unidades que aparecen subliñadas no texto: as consellerías de Educación e Sanidade; sen supervisión; o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais; máis silente; de que hai dous problemas fundamentais. (1,25 puntos).

Criterios de corrección da pregunta 2

2.1. 1,25 puntos

-0,75 puntos

Determinar a que fonema corresponde (nasal alveolar ou nasal velar) o grafema ˂n˃ das palabras que aparecen no texto en letra grosa: unha (velar); menos (alveolar); novas (alveolar); impiden (nasal); antes (alveolar).

-0,5 puntos

Engadir un antónimo de cada unha das palabras: unha ≠ ningunha; menos ≠ máis; novas ≠ vellas; impiden ≠ favorecen; antes ≠ despois.

2.2. 1,25 puntos

-1,25 puntos

Identificar función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración as cinco unidades que aparecen subliñadas no texto: as consellerías de Educación e Sanidade (suxeito); sen supervisión (complemento circunstancial de modo); o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais (complemento ou obxecto directo); máis silente (atributo); de que hai dous problemas fundamentais (complemento suplemento ou de réxime).

2.1. e 2.2. 0,25 puntos

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.


PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (1,25+0,25=1,5 puntos)

Responda un dos dous apartados seguintes:

3.1. Redacte un texto de opinión centrado na importancia do galego como lingua propia e no necesario rexeitamento dos prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 120 palabras. (1,25 puntos).

3.2. Redacte un texto de opinión centrado na riqueza cultural, social, histórica e patrimonial que supón a diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 120 palabras. (1,25 puntos)

Criterios de corrección da pregunta 3

3.1. 1,25 puntos

-1 punto

Redactar un texto de opinión centrado na importancia do galego como lingua propia e no necesario rexeitamento dos prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración:
―Breve introdución: valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e necesario respecto por estes.
―Corpo de argumentación: importancia do galego como realidade histórica e como idioma propio herdado. Consideración legal como lingua cooficial na nosa comunidade autónoma. Rexeitamento de calquera prexuízo ou estereotipo que pexe o galego, especialmente aqueles que alimentan a situación diglósica deste respecto do castelán.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos.

-0,25 puntos

Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.

3.2. 1,25 puntos

-1 punto

Redactar un texto de opinión centrado na riqueza cultural, social, histórica e patrimonial que supón a diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica:
―Breve introdución: constatación da realidade plurilingüe da Península Ibérica e indicación dos idiomas nela existentes.
―Corpo de argumentación: riqueza do plurilingüísimo como vehículo de expresión cultural; necesaria preservación do legado histórico que os idiomas supoñen; valor patrimonial e inmaterial representado polas linguas propias; cumprimento das lexislacións estatais e autonómicas que referendan a convivencia e diversidade lingüísticas.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da diversidade lingüística na Península Ibérica.

-0,25 puntos

Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.

3.1. e 3.2: 0,25 puntos

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.


PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2,25+0,75=3 puntos).

Responda un dos dous apartados seguintes:

4.1. Este poema de Luís Pimentel pertence ao libro Sombra do aire na herba (1959). Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).

Solpores da miña vila

Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días, lentos).
A luz esvara
polo meu piano lustroso.
¿Que música lle poñeremos?
As maos, soñan.
Solpor de prata
sobor do ébano.
Penso nos poetas mortos.

Calma, calma...
Tarde inmóbil, eterna.
Quédase docemente
¿en que soedade, lonxe?
ceo, ceo, máis ben luz.
Equilibrio deste gris
tan tenro.
Non, non hai paisaxe
nin carne nin sangue.

Solpores da miña vila,
longos, lentos, música.
As maos, soñan.

Luís Pimentel, Sombra do aire na herba (1959)

Criterios de corrección 4.1

4.1. 2,25 puntos

-0,5 puntos

Relacionar o poema, brevemente, co resto da produción do autor e coa poesía do seu tempo.

-0,75 puntos

Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados del: contemplación melancólica dos vagarosos solpores dunha vila.

-1 punto

Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: preguntas retóricas, reiteracións, metáforas; estruturas paralelas.

-0,75 puntos

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.

 

4.2. Este texto de María Xosé Queizán pertence ao libro A orella no buraco (1965). Relacione o fragmento, brevemente, co movemento literario da Nova Narrativa. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do fragmento e o tratamento que nel se dá do espazo. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).

Pola mañán as grandes vilas do Norde durmen aínda cando os seus moradores espertan, e siguen rezagadas no leito do inverno, cubertas ca fumaxada matinal. (...)
Nista vila dáse moi acusadamente o contraste do vello e do novo, do fremoso e do feo, do probe e do rico. Asín, a carón dunha gran mole neoclásica, tan frecuentes na vila, unha miserable casoupa, apuntalada con grandes paus, estáse derrubando. E hai cafés luxosos, non contaminados, illados na promiscuidade da cidá, onde sempre fai frío a pesares da calefacción, frío orixinado nos ocos que separa á xente entre sí, no cheiro perfumado e xeado, nas voces refinadas e apenas perceptíbeles, nos ollos frigoríficos de ollada elegante. Istes son os cafés dos ricos. Dempóis hai os outros, mesturados, bruidosos, humáns. “Os outros” non son somentes os cafés dos probes sinón tamén dos que se sinten solidarios coiles, por cuia razón son chamados snobistas.
Pro onde o contraste resulta máis notorio é no aspeito humán. Polo feito de ter o país un nivel de vida elevado, os probes, os mendigos, os vagabundos desfarrapados, producen asombro e fan voltar a testa aos transeuntes. (...) Non é pois estrano que nas frías mañáns do inverno, moi cedo, un madrugador vislumbre antre a fumaxada, bultos mouros nos respiradeiros dos metros, nos recovecos das prazas, e nos bancos; bultos que a medida que o madrugador se vai achegando, ou que a fumaxada vai abrindo, fanse corpos aterecidos, suxos, fedorentos e mal cubertos con farrapos.

María Xosé Queizán, A orella no buraco (1965)

Criterios de corrección 4.2

4.2. 2,25 puntos

-0,5 puntos

Relacionar o texto, brevemente, co movemento literario da Nova Narrativa e co resto da produción da autora.

-0,75 puntos

Determinar o tema central do texto xustificándoo a partir de exemplos tirados del: descrición da cidade e do seu contraste de barrios e xentes ricas e pobres.

-1 punto

Sinalar a estrutura do texto e o tratamento que nel se dá do espazo: estrutura circular que comeza describindo nun primeiro bloque o espertar das xentes nas cidades (primeiro parágrafo), nun segundo bloque, central, o contraste de espazos e xentes e, no bloque final, novamente o amencer da cidade entre os máis desfavorecidos (parte final do último parágrafo). Canto ao espazo, hai tamén unha presentación contrastiva: espazos coidados e belos/ espazos descoidados e míseros, lugares para ricos/ lugares para pobres.

-0,75 puntos

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.

Consonte o disposto no apartado décimo do artigo 13 sobre as características básicas dos exercicios da proba de acceso á Universidade (PAU) do Real Decreto 534/2024 (BOE do 12 de xuño de 2024), no que se refire á corrección relativa á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados así como á súa presentación, e segundo o acordo adoptado no ámbito da Conferencia de Rectores y Rectoras de las Universidades Españolas (CRUE), a puntuación que se outorgará para estes efectos nas materias de linguas cooficiais (Lingua Galega e Literatura II, Lengua Castellana y Literatura II, Llengua Catalana i Literatura II, Euskal Hizkuntza eta Literatura II, Euskara eta Literatura II, Valencià: Llengua i Literatura II)será do 20% do total da proba.

No Decreto 157/2022 (DOG do 26 de setembro de 2022), polo que se estabelecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, aparece como obxectivo 5 para a materia de “Lingua Galega e Literatura II” o seguinte “Producir textos escritos e multimodais coherentes, cohesionados, adecuados e correctos, con especial atención aos xéneros discursivos do ámbito académico, para construír coñecemento e dar resposta de maneira informada, eficaz e creativa a demandas comunicativas concretas”, polo que en cada pregunta este obxectivo terá unha cualificación específica, de xeito que a suma desta valoración no conxunto de todas as preguntas da proba represente o 20% da cualificación total desta.

Máis aínda, no acordo de CRUE antes mencionado tamén aparece a seguinte anotación: “Naqueles territorios con linguas cooficiais,recoméndase ter en conta esta realidade á hora de definir os criterios específicos de corrección”. Xa que logo, en cada pregunta haberá unha valoración específica para ese apartado. Esta valoración só será de aplicación no caso de que a alumna/o teña un mínimo de resposta correcta nas outras partes da rúbrica da pregunta que se estea a valorar. Fíxase ese mínimo nun 20% da cualificación, polo que se a alumna/o non chega a ese mínimo na valoración da pregunta non se aplicará esta parte da rúbrica, outorgando un valor de 0 puntos por este apartado.

Finalmente, cómpre sinalar que os cambios na estrutura da presente proba con respecto á dos cursos anteriores (distinta puntuación para cada pregunta) derivan da asunción do acordo establecido no seo da CRUE polo que os territorios con linguas autonómicas (Galicia, Catalunya, Illes Balears, Euskadi, Nafarroa e Comunitat Valenciana) se comprometen á elaboración de probas cunha estrutura común respecto dos bloques de contidos e do peso na cualificación de cada un deles.

Pilar Ponte
Foto: Pilar Ponte "A Profa", amiga de ogalego.gal