![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
PRIMEIRA PROPOSTA (setembro 2025)
SEGUNDA PROPOSTA (febreiro 2026)
O exame consta de 4 preguntas obrigatorias. Todas as preguntas, agás a primeira, teñen posibilidade de elección entre apartados. A cualificación das preguntas consigna unha puntuación específica para a adecuación, coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica das respostas e a observación da extensión recomendada dos textos.
TEXTO
A saúde mental infantil e adolescente experimentou nos últimos anos unha importante deterioración que lles preocupa cada vez máis ás familias e ao profesorado. Esta semana as consellerías de Educación e Sanidade poñían en marcha un protocolo contra o risco suicida na infancia.
O 98,5 % de adolescentes están polo menos nunha rede social e o 85 en tres ou máis. É o seu espazo de socialización. Pero xa desde os 10 anos moitos cativos fan un uso intensivo do teléfono sen supervisión.
Ao chegar aos 15, o móbil acada o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais, segundo explica Antonio Rial, doutor en Psicoloxía Social: "Ten problemas e implicacións a nivel de saúde: hai novas formas de adicción e un malestar emocional e ten problemas a nivel de convivencia. A OMS o que di claramente é que un uso maior e máis intensivo a idades máis temperás implica maiores taxas de ciberacoso e implica multiplicar por 5 as taxas de depresión e mesmo de ideación suicida".
O acoso dixital é máis silente, pode darse a calquera hora e todos os días da semana. Rial advirte de que hai dous problemas fundamentais: o uso intensivo e sen supervisión da tecnoloxía a idades moi temperás e a educación, porque os espazos de convivencia que teñen as familias hoxe en día son escasos e impiden que se perciba o acoso desde o seu inicio. (...)
Insisten en que todos estes signos aparecen antes da baixada do rendemento académico, que é cando moitas familias se decatan do problema. E que o fenómeno é global, polo que calquera pode ser vítima e tamén agresor.
Fonte: www.g24.gal/-/a-saude-mental-na-infancia-e-adolescencia-empeora-co-mal-uso-das-tecnoloxias
Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:
1.1. Realice un resumo do texto, destaque as ideas principais e indique a estrutura. Evite parafrasear o texto, exprésese coas súas palabras. Extensión aproximada: 90 palabras. (1,75 puntos).
1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,5 puntos)
Criterios:
1.1.
Resumir o contido do texto:
―A saúde na infancia e na adolescencia agravouse nos últimos anos e este feito preocupa a familias e docentes.
―As consellerías de Educación e Sanidade estableceron un protocolo contra o risco suicida nas persoas menores.
―O alto emprego das redes sociais, de internet e dos móbiles favorece, segundo o experto Antonio Rial, a adicción dos adolescentes a estas realidades, o que provoca graves problemas emocionais e de convivencia, entre eles o ciberacoso.
―Segundo a OMS, o ciberacoso quintuplica as taxas de depresión e suicidio entre a mocidade.
―Rial advirte de dous problemas fundamentais: o emprego intensivo e sen supervisión da tecnoloxía en idades moi temperás e a falta dunha educación responsable no seu uso.
―Estas problemáticas adoitan ser detectadas polas familias só cando os menores baixan o seu rendemento escolar.
―En materia de ciberacoso calquera pode ser vítima e tamén agresor.
Identificar as ideas principais que presenta:
―O ciberacoso medrou nos últimos anos entre as persoas máis novas, provocando un significativo aumento de depresións e suicidios.
―As consellerías de Educación e Sanidade estableceron un protocolo para prever estas problemáticas.
―É preciso un uso moderado e responsable das novas tecnoloxías e unha educación dixital axeitada para a mellora da situación.
Indicar a súa estrutura:
―Introdución ou primeira parte: correspóndese co primeiro parágrafo, onde se anuncia a temática a tratar e se dá noticia da medida tomada polas consellerías. ―Corpo de argumentación ou segunda parte: correspóndese co núcleo argumentativo do texto, que iría dende o segundo parágrafo ata o penúltimo, onde se ofrecen datos e testemuños que defenden as teses sobre o tema tratado.
―Conclusión ou terceira parte: correspóndese co último parágrafo, no que se dá remate ao texto cunha idea forza conclusiva: o tema tratado é un fenómeno global no que calquera pode chegar a estar implicado.
(1,5)
Evitar na redacción a paráfrase excesiva do texto e o abuso da reiteración textual das secuencias do mesmo. (0,25)
1.2.
Identificar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito: é un texto expositivo-argumentativo, pois a súa principal finalidade é convencer das tese que expón mediante o emprego de diversos argumentos. (0,75)
Xustificar a adscrición á tipoloxía textual servíndose de, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto: conectores explicativos, terminoloxía específica, modalidade enunciativa, argumentos causa-efecto, substantivos abstractos…. (0,75)
1.1.+1.2
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas. (0,75)
Responda un dos dous apartados seguintes:
2.1. Sinale se o grafema ˂n˃ das seguintes palabras que aparecen no texto en letra grosa se corresponde cun fonema nasal alveolar ou un fonema nasal velar: unha, menos, novas, impiden, antes. Escriba un antónimo de cada unha das palabras. (1,25 puntos).
Criterios 2.1: -Determinar a que fonema corresponde (nasal alveolar ou nasal velar) o grafema ˂n˃ das palabras que aparecen no texto en letra grosa: unha (velar); menos (alveolar); novas (alveolar); impiden (nasal); antes (alveolar). (0.75)
-Engadir un antónimo de cada unha das palabras: unha ≠ ningunha; menos ≠ máis; novas ≠ vellas; impiden ≠ favorecen; antes ≠ despois. (0,5)
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,25)
2.2. Indique a función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración estas cinco unidades que aparecen subliñadas no texto: as consellerías de Educación e Sanidade; sen supervisión; o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais; máis silente; de que hai dous problemas fundamentais. (1,25 puntos).
Criterios 2.2: Identificar a función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración as cinco unidades que aparecen subliñadas no texto: as consellerías de Educación e Sanidade (suxeito); sen supervisión (complemento circunstancial de modo); o momento de maior risco como ferramenta de acoso entre iguais (complemento ou obxecto directo); máis silente (atributo); de que hai dous problemas fundamentais (complemento suplemento ou de réxime). (1,25)
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,25)
Responda un dos dous apartados seguintes:
3.1. Redacte un texto de opinión centrado na importancia do galego como lingua propia e no necesario rexeitamento dos prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 120 palabras. (1,25 puntos).
Criterios 3.1:
―Breve introdución: valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e necesario respecto por estes.
―Corpo de argumentación: importancia do galego como realidade histórica e como idioma propio herdado. Consideración legal como lingua cooficial na nosa comunidade autónoma. Rexeitamento de calquera prexuízo ou estereotipo que pexe o galego, especialmente aqueles que alimentan a situación diglósica deste respecto do castelán.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos. (1)
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,25)
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,25)
3.2. Redacte un texto de opinión centrado na riqueza cultural, social, histórica e patrimonial que supón a diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 120 palabras. (1,25 puntos)
Criterios 3.2:
―Breve introdución: constatación da realidade plurilingüe da Península Ibérica e indicación dos idiomas nela existentes.
―Corpo de argumentación: riqueza do plurilingüísimo como vehículo de expresión cultural; necesaria preservación do legado histórico que os idiomas supoñen; valor patrimonial e inmaterial representado polas linguas propias; cumprimento das lexislacións estatais e autonómicas que referendan a convivencia e diversidade lingüísticas.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da diversidade lingüística na Península Ibérica. (1)
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,25)
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,25)
Responda un dos dous apartados seguintes:
4.1. Este poema de Luís Pimentel pertence ao libro Sombra do aire na herba (1959). Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Solpores da miña vila
Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días, lentos).
A luz esvara
polo meu piano lustroso.
¿Que música lle poñeremos?
As maos, soñan.
Solpor de prata
sobor do ébano.
Penso nos poetas mortos.
Calma, calma...
Tarde inmóbil, eterna.
Quédase docemente
¿en que soedade, lonxe?
ceo, ceo, máis ben luz.
Equilibrio deste gris
tan tenro.
Non, non hai paisaxe
nin carne nin sangue.
Solpores da miña vila,
longos, lentos, música.
As maos, soñan.
Luís Pimentel, Sombra do aire na herba (1959)
Criterios 4.1:
-Relacionar o poema, brevemente, co resto da produción do autor e coa poesía do seu tempo. (0,5)
-Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados del: contemplación melancólica dos vagarosos solpores dunha vila. (0,75)
-Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: preguntas retóricas, reiteracións, metáforas; estruturas paralelas. (1)
-Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,75)
4.2. Este texto de María Xosé Queizán pertence ao libro A orella no buraco (1965). Relacione o fragmento, brevemente, co movemento literario da Nova Narrativa. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do fragmento e o tratamento que nel se dá do espazo. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Pola mañán as grandes vilas do Norde durmen aínda cando os seus moradores espertan, e siguen rezagadas no leito do inverno, cubertas ca fumaxada matinal. (...)
Nista vila dáse moi acusadamente o contraste do vello e do novo, do fremoso e do feo, do probe e do rico. Asín, a carón dunha gran mole neoclásica, tan frecuentes na vila, unha miserable casoupa, apuntalada con grandes paus, estáse derrubando. E hai cafés luxosos, non contaminados, illados na promiscuidade da cidá, onde sempre fai frío a pesares da calefacción, frío orixinado nos ocos que separa á xente entre sí, no cheiro perfumado e xeado, nas voces refinadas e apenas perceptíbeles, nos ollos frigoríficos de ollada elegante. Istes son os cafés dos ricos. Dempóis hai os outros, mesturados, bruidosos, humáns. “Os outros” non son somentes os cafés dos probes sinón tamén dos que se sinten solidarios coiles, por cuia razón son chamados snobistas.
Pro onde o contraste resulta máis notorio é no aspeito humán. Polo feito de ter o país un nivel de vida elevado, os probes, os mendigos, os vagabundos desfarrapados, producen asombro e fan voltar a testa aos transeuntes. (...) Non é pois estrano que nas frías mañáns do inverno, moi cedo, un madrugador vislumbre antre a fumaxada, bultos mouros nos respiradeiros dos metros, nos recovecos das prazas, e nos bancos; bultos que a medida que o madrugador se vai achegando, ou que a fumaxada vai abrindo, fanse corpos aterecidos, suxos, fedorentos e mal cubertos con farrapos.
María Xosé Queizán, A orella no buraco (1965)
Criterios 4.2
-Relacionar o texto, brevemente, co movemento literario da Nova Narrativa e co resto da produción da autora. (0,5)
-Determinar o tema central do texto xustificándoo a partir de exemplos tirados del: descrición da cidade e do seu contraste de barrios e xentes ricas e pobres. (0,75)
-Sinalar a estrutura do texto e o tratamento que nel se dá do espazo: estrutura circular que comeza describindo nun primeiro bloque o espertar das xentes nas cidades (primeiro parágrafo), nun segundo bloque, central, o contraste de espazos e xentes e, no bloque final, novamente o amencer da cidade entre os máis desfavorecidos (parte final do último parágrafo). Canto ao espazo, hai tamén unha presentación contrastiva: espazos coidados e belos/ espazos descoidados e míseros, lugares para ricos/ lugares para pobres. (1)
-Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,75)
O exame consta de 4 preguntas obrigatorias. Todas as preguntas, agás a primeira, teñen posibilidade de elección entre apartados. A cualificación das preguntas consigna unha puntuación específica para a adecuación, coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica das respostas e a observación da extensión recomendada dos textos.
TEXTO
Autismo, vacinas e paracetamol
Ás veces, os titulares xeran a sensación dunha epidemia: cada vez máis diagnósticos do trastorno do espectro autista (TEA). É certo que a prevalencia de TEA aumentou: no ano 2000 estimábase un caso por cada 150 nenos e nenas, e en 2022 a cifra ascendeu a un por cada 31. A primeira conclusión podería parecer alarmante, mais a explicación non é que haxa máis autismo, senón que o detectamos mellor.
E cales son as causas? A ciencia é clara: a xenética explica arredor do 80% do risco, con máis de cen xenes implicados e unha maior incidencia de mutacións en fillos de pais de máis idade. A iso engádense factores ambientais que poden ter unha influencia, como a exposición á contaminación durante o embarazo. Porén, non hai unha única explicación nin unha resposta sinxela. Así e todo convén insistir en algo claro e fundamental: as vacinas non causan autismo. Décadas de investigación, incluídos estudos con centos de miles de crianzas, demostraron con rotundidade que esa relación non existe. A insistencia en manter esa idea falsa só xera medo, desinformación, e pon en risco a saúde pública.
E que pasa co paracetamol? Nos últimos días tamén se xeraron debates sobre o seu uso durante o embarazo. Pois ben: os mellores estudos dispoñibles, incluíndo un en Suecia con dous millóns de crianzas, non atoparon ningunha asociación co autismo.
O autismo non é unha enfermidade que haxa que curar. É unha forma de diversidade neurolóxica que debemos comprender mellor. Unha maneira distinta de percibir o mundo, de comunicarse e de interactuar que tamén enriquece a sociedade. Hai retos, por suposto. O que precisamos non son explicacións simplistas nin discursos pseudocientíficos, senón comprensión, recursos e menos estigma.
Sonia Villapol, Neurocientífica no Texas Medical Center. Adaptado de La Voz de Galicia 05/10/2025
Lea atentamente o texto anterior e responda estes tres apartados:
1.1. Realice un resumo do texto destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,25 puntos).
1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 50 palabras. (1 punto)
1.3. Explique o significado dos seguintes termos resaltados en letra grosa no texto. (Non serán válidas as respostas que unicamente indiquen sinónimos): prevalencia, porén, rotundidade, simplistas, estigma. (1 punto).
Criterios 1: 4 puntos
-1.1 (1,25 puntos)
Resumo do contido do texto destacando as súas ideas principais: (1 punto)
O TEA non aumentou, mellorouse no seu diagnóstico.
As súas causas son múltiples, pero as vacinas non o provocan.
Ademais, o consumo de paracetamol no embarazo non o favorece.
Así mesmo, non é unha enfermidade, é unha diversidade neurolóxica, outra maneira de percibir o mundo e relacionarse.
Finalmente, no seu tratamento cómpre vontade de integración social, apoios e desterrar prexuízos.
Evitar na redacción a paráfrase excesiva do texto e o abuso da reiteración textual das súas secuencias. (0,25)
-1.2: 1 punto
Identificar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito: é un texto expositivo-argumentativo, pois a súa principal finalidade é convencer da tese que expón mediante o emprego de diversos argumentos. (0,5)
Xustificar a adscrición á tipoloxía textual servíndose de, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto: conectores explicativos, terminoloxía específica, modalidade enunciativa, argumentos causa-efecto, substantivos abstractos... (0,5)
-1.3: 1 punto
Significado dos termos resaltados en letra grosa no texto (0.2 puntos por cada termo ben definido):
Prevalencia: Termo empregado no mundo da medicina para definir a proporción de persoas que presentan unha determinada afección con respecto ao total de persoas desa poboación.
Porén: Conxunción que introduce unha oposición ou puntualización a algo que se dixo anteriormente.
Rotundidade: Calidade de rotundo, que non deixa posibilidade de dúbida ou de discusión.
Simplista: Que xulga ou resolve as cousas de xeito excesivamente simple e elemental, sen darlles importancia a aspectos que convén ter en conta.
Estigma: Aquilo que mancha a honra ou a reputación de alguén
-0,75 puntos
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Responda un dos dous apartados seguintes:
2.1. Localice no texto dúas palabras sinónimas entre si, outras dúas palabras antónimas unha respecto da outra e un hiperónimo cun hipónimo seu (1,25 puntos).
2.2. Determine a que a clase de palabra pertencen os seguintes termos subliñados no texto. Localice, para cada caso, outras dúas palabras da mesma categoría gramatical e indique a liña na que se atopan: titulares, máis, cen, últimos, haxa. (1,25 puntos).
Criterios (1,5 puntos; lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)
-2.1. (1,25 puntos)
Localizar no texto dúas palabras sinónimas entre si (0,5 puntos), outras dúas palabras antónimas unha respecto da outra (0,5 puntos) e un hiperónimo cun hipónimo seu (0,25 puntos): 1,25 puntos
Palabras sinónimas: nenos/as = crianzas; explica = demostraron; investigación = estudos; causas = factores; relación = asociación, aumentou = ascendeu...
Palabras antónimas: máis/menos; primeira/últimos; certo/falsa...
Hiperónimo e hipónimo: saúde (hiperónimo) > epidemia, diagnóstico, trastorno... (hipónimos); ciencia (hiperónimo) > xenética, mutacións, diversidade neurolóxica... (hipónimos); diversidade neurolóxica (hiperónimo)> autismo/trastorno do espectro autista (hipónimo); factores ambientais (hiperónimo)> contaminación (hipónimo).
-2.2. (1,25 puntos)
Determinar a que clase de palabra pertencen os seguintes termos subliñados no texto (0,15 puntos por cada adscrición correcta): 0,75 puntos
Titulares: substantivo.
Máis: adverbio.
Cen: numeral.
Últimos: adxectivo.
Haxa: verbo.
Localizar dúas palabras da mesma categoría para cada un dos termos polos que se interroga (0,05 puntos por cada palabra da mesma categoría sinalada correctamente): 0,5 puntos
Titular: sensación, epidemia, diagnósticos, trastorno...
Máis: non, arredor, tamén, mellor, menos...
Cen: un, centos, miles, millóns...
Últimos: alarmante, ambientais, sinxela, claro, fundamental...
Haxa: xeran, é, aumentou, estimábase, ascendeu...
-0,25 puntos (para 2.1 e 2.2)
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.
Responda un dos dous apartados seguintes:
3.1. O texto indica que a diversidade de persoas enriquece a sociedade. A partir desta idea redacte un texto de opinión centrado na importancia de conservar a diversidade lingüística, así como o galego como lingua propia, e sinale cales son os principais prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 150 palabras. (1,25 puntos).
3.2. O texto inicial menciona que os titulares dos medios de comunicación ou das redes sociais poden influír na realidade que nos rodea. Redacte un texto de opinión centrado nos medios de comunicación e as redes sociais nos procesos de normalización lingüística. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 150 palabras. (1,25 puntos).
Criterios: (1,5 puntos; lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)
-3.1. (1,25 puntos)
Redactar un texto de opinión centrado na importancia de conservar a diversidade lingüística, así como o galego como lingua propia, sinalar cales son os principais prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración: 1 punto
―Breve introdución: valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e necesario respecto por estes.
―Corpo de argumentación: importancia do galego como realidade histórica e como idioma propio herdado. Consideración legal como lingua cooficial na nosa comunidade autónoma. Rexeitamento de calquera prexuízo ou estereotipo que pexe o galego, especialmente aqueles que alimentan a situación diglósica deste respecto do castelán.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos.
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,25 puntos)
-3.2. (1,25 puntos)
Redactar un texto de opinión centrado nos medios de comunicación e as redes sociais nos procesos de normalización lingüística. (1 punto)
―Breve introdución: constatación dos medios de comunicación e as redes sociais como espazos esenciais para progresar na normalización lingüística.
―Corpo de argumentación: os medios de comunicación e as redes sociais como espazos nos que cuestionar e refutar prexuízos e estereotipos lingüísticos; perigos ante os prexuízos que se difunden nos medios e redes; respecto e valoración das variedades de lingua que conviven nestes espazos; importancia da presenza do galego nestes espazos como fomento dun plurilingüismo activo e integrador.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da importancia dos medios de comunicación e as redes sociais nos procesos de normalización lingüística.
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,25 puntos)
-0,25 puntos (para 3.1 e 3.2)
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Realice só un destes dous comentarios:
4.1. Este poema foi incluído en 1929 na terceira edición de Do ermo de Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869-Viveiro, 1947), un libro que primeiro se chamou Montañesas. Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto, sinale o tipo do composición lírica ao que pertence describindo as súas características métricas e comente tres figuras retóricas nel presentes. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Toda humilde belleza...
Vago xirón de brétema, atavío
soberbio de hirta xesta, reidora,
fulgurante doíña de rocío
(pazo d’o sol e lágrima d’aurora).
Rayóla de lunar que bica o río,
flor mareliña qu’entre espiñas chora,
ou d’as redes d’araña un tenue fío,
toda humilde belleza me namora.
É un vermiño de luz o amigo caro
d’o meu nume saudoso... Antes reparo
na nudez adorable d’unha estrela
que nas rosas d’os vales, que sorríen,
que nos mantos d’os pinos, que se engríen,
que nas blondas d’o mar, que se rebela.
Antonio Noriega Varela, Do ermo (1929, 3ª ed.)
4.2. Este texto da poeta, narradora e xornalista Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) foi publicado no libro Fisteus era un mundo (2001). Relacione o fragmento, brevemente, coa narrativa do seu tempo. Indique o tema central da narración xustificándoo a partir de exemplos tirados dela. Analice a voz narradora e o espazo no texto. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Eu nacín nunha aldea pequena, Fisteus. Un lugar impresionante. (...)
Ser de aldea non é mellor nin peor que ser doutro sitio. Cada un é dos seus pais e de onde nace. Cada un leva o peso da vida como pode. E xa bastante pesa a vida como para que aínda nos compliquen máis. Aínda agora hai quen vai ás vilas de Galicia e chámalles paletos aos que nunca saíron da vida do campo, que son diferentes a nós, que son como indios nunha reserva. E rinse deles. Eles teñen dereito a que ninguén se mofe deles, dos seus coloretes na cara, das súas expresións brutas, da súa roupa, do seu xeito de andar, comportarse e falar. Esa xente, que non viu moito mundo, está cargada de beleza. Eu quero defender esa xente, porque forman parte de min e eu formo parte deles. Non quero que a aldea morra. Quero levala sempre dentro de min como un tesouro. Un tesouro agochado que queren abrir. (...)
A cidade ten cousas boas para a xente do campo. Pero o que ignoramos enormemente é que a aldea ten cousas marabillosas para a cidade. E por iso agora vedes que está tanto de moda o turismo rural. Descubriuse que eses paletos que vivimos no campo, tan deostados historicamente, temos cousas boas para ofrecer. Descubriuse que a vida nas cidades cada vez é máis insufríbel. Demostrouse a beleza do campo. Ser da aldea é marabilloso. Ser da aldea é levar a forza e a paz nos ollos.
Lupe Gómez, Fisteus era un mundo (2001)
Criterios: (3 puntos; lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)
4.1. (2,25 puntos)
-Relacionar o poema, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa poesía do seu tempo. (0,5)
-Indicar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados del: predilección pola beleza contida nos elementos máis humildes da paisaxe montesía. (0,75)
-Sinalar o tipo de composición lírica ao que pertence o poema e describir as súas características métricas: soneto de versos hendecasílabos, composto por dous serventesios (ABAB) e dous tercetos (CCD e EED). (0,5)
-Comentar tres figuras retóricas empregadas no poema: metáfora (o “vago xirón de brétema” visto como “atavío soberbio/ de hirta xesta”; a “doíña de rocío” vista como “lágrima d’aurora”), hipérbole (a “doíña de rocío” vista como “pazo d’o sol”), personificación (a brétema “reidora”; a “rayola de lunar” que “bica o río”; a “flor mareliña” que “chora”, o “vermiño de luz” como “amigo caro”); hipérbato (“ou d’as redes d’araña un tenue fío”); anáfora (“que nas rosas d’os vales...”, “que nos mantos...”, “que nas blondas...”)... (0,5)
4.2 (2,25 puntos)
-Relacionar o texto, brevemente, coa narrativa do seu tempo. (0,5)
-Determinar o tema central do texto xustificándoo a partir de exemplos tirados del: afirmación entusiasta da pertenza á aldea e defensa dos valores, realidades e beleza do mundo rural. (0,75)
-Determinación da voz narradora: narradora en primeira persoa protagonista. Equiparación da voz narrativa coa voz autorial: autobiografismo (A narradora é a propia Lupe Gómez, nacida en Fisteus, Curtis, e as experiencias descritas no texto son autobiográficas). (0,5)
-Descrición do tratamento do espazo no texto: trátase dun espazo real e rural. É descrito de xeito positivo e a voz narrativa proxecta na descrición valores adhesivos de loa e de exaltación. A caracterización do espazo ten presente elementos tanto descritivos (paisaxe) coma reflexivos (importancia de ser de aldea), incorporando referencias explícitas á presenza humana no espazo (xentes da aldea, descritas e caracterizadas positivamente). (0,5)
-(0,75 puntos) (para 4.1 e 4.2)
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Consonte o disposto no apartado décimo do artigo 13 sobre as características básicas dos exercicios da proba de acceso á Universidade (PAU) do Real Decreto 534/2024 (BOE do 12 de xuño de 2024), no que se refire á corrección relativa á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados así como á súa presentación, e segundo o acordo adoptado no ámbito da Conferencia de Rectores y Rectoras de las Universidades Españolas (CRUE), a puntuación que se outorgará para estes efectos nas materias de linguas cooficiais (Lingua Galega e Literatura II, Lengua Castellana y Literatura II, Llengua Catalana i Literatura II, Euskal Hizkuntza eta Literatura II, Euskara eta Literatura II, Valencià: Llengua i Literatura II) será do 20% do total da proba.
No Decreto 157/2022 (DOG do 26 de setembro de 2022), polo que se estabelecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, aparece como obxectivo 5 para a materia de “Lingua Galega e Literatura II” o seguinte “Producir textos escritos e multimodais coherentes, cohesionados, adecuados e correctos, con especial atención aos xéneros discursivos do ámbito académico, para construír coñecemento e dar resposta de maneira informada, eficaz e creativa a demandas comunicativas concretas”, polo que en cada pregunta este obxectivo terá unha cualificación específica, de xeito que a suma desta valoración no conxunto de todas as preguntas da proba represente o 20% da cualificación total desta.
Máis aínda, no acordo de CRUE antes mencionado tamén aparece a seguinte anotación: “Naqueles territorios con linguas cooficiais,recoméndase ter en conta esta realidade á hora de definir os criterios específicos de corrección”. Xa que logo, en cada pregunta haberá unha valoración específica para ese apartado. Esta valoración só será de aplicación no caso de que a alumna/o teña un mínimo de resposta correcta nas outras partes da rúbrica da pregunta que se estea a valorar. Fíxase ese mínimo nun 20% da cualificación, polo que se a alumna/o non chega a ese mínimo na valoración da pregunta non se aplicará esta parte da rúbrica, outorgando un valor de 0 puntos por este apartado.
Finalmente, cómpre sinalar que os cambios na estrutura da presente proba con respecto á dos cursos anteriores (distinta puntuación para cada pregunta) derivan da asunción do acordo establecido no seo da CRUE polo que os territorios con linguas autonómicas (Galicia, Catalunya, Illes Balears, Euskadi, Nafarroa e Comunitat Valenciana) se comprometen á elaboración de probas cunha estrutura común respecto dos bloques de contidos e do peso na cualificación de cada un deles.