Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2.º Bach. PAU.

PREGUNTAS DE DIALECTOLOXÍA NOS ÚLTIMOS EXAMES PAU/ABAU EN LINGUA GALEGA E LITERATURA



Xullo 2025

3.2. Este texto pertence á novela Avelaíñas eléctricas (2022) de Sica Romero. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).

Papá Mighel mola muitísimo. Cando teu pai morriu, viviches cos avós ata os quinse, e aínda que daquela andaban tristeiros, lembras os momentos con vivesa e cariño porque sempre che quixeron ben. (...) De nena, teu avó levábache ó sentro cultural onde el pedía un caraghillo e a ti deixábache pedir un aquarius e dábache os seus asucarillos en que lambías ata que desaparesían... un visio.

Criterios:

Determinar a variedade dialectal da narración xustificándoa a partir de, como mínimo, catro exemplos tirados do texto: texto pertencente ao bloque occidental, área fisterrá. Fenómenos: seseo prenuclear (quinse, vivesa, sentro, asucarillos, desaparesían, visio); gheada (Mighel, caraghillo); ditongo -ui (muitísimo); vogal temática i na terceira persoa do pretérito (perfecto) de indicativo da segunda e terceira conxugación (morriu); cheísmo (sempre che quixeron ben; teu avó levábache ó sentro cultural). A indicación do bloque sumará 0,25, a indicación da área sumará 0,1 e cada exemplo de dialectalismo ben determinado 0,1. (0,75 puntos)


Redactar un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega:
―Definición de variedade dialectal.
―Constatación da variabilidade como fonte de riqueza do diasistema.
―Importancia e relación das variedades dialectais na conformación da variedade estándar.
―As variedades dialectais como reflexo de trazos socioculturais e identitarios. (0,75 puntos)

Empregar na redacción do texto expositivoargumentativo terminoloxía dialectolóxica especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,5 puntos)


Xuño 2025

Este texto pertence á novela Avelaíñas eléctricas (2022) de Sica Romero. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).

Sen máis nin máis, desacóughaste. Que che pasa? É o nerviosismo que aparese. Así, sen máis nin máis. Pásache muitas veses despois de días estraños, no momento de sentar, cando deixas de moverte e faser cousas. (...) Ó fondo, unha parella crusa frases soltas. Ela apoucada. El cani. Por pouco que mires entendes que nin se coñesen. (...) Apetéseche escribir. Faselo sen parar pra botar fóra. Pensas se deberías meter esta parte da nuite no caderno.

Sica Romero, Avelaíñas eléctricas (2022)

Proposta da comisión:

Determinar a variedade dialectal da narración, xustificándoa a partir de, como mínimo, catro exemplos tirados do texto: texto pertencente ao bloque occidental, área fisterrá. Fenómenos: seseo prenuclear (aparese, veses, faser, crusa, coñesen, apetéseche, faselo); gheada (desacóughaste); ditongo -ui (nuite). A indicación do bloque sumará 0,25, a indicación da área sumará 0,1 e cada exemplo de dialectalismo ben determinado 0,1.
(Cualificación máxima 0,75)


Exame proposta da Comisión 2025

Este relato, titulado “O passsota”, pertence ao libro Navia, nai (2005) de Toño Núñez. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).

O vrau pasado veu de vacaciois o fillo de Aurora do Pico, Pascual. O Pascual é destes rapaces de agora, moderno, pasota. Unha mañá díxolle súa avoa: “Oi, Pascualiño, vaille botar unha presada de verzas aos cochos”. “Paso Tata, eso es un mal rollo” (...) Pola tardiña arriba, o Pascual ergueuse de debaixo da figueira que hai tras da casa e foi ata a cociña. “Tata, tengo hambre: vete a buscarme un chourizo de eses guai que tienes en el horno”. A avoa mirouol con muita cachaza mentras abaneaba a cabeza (...) e espetoulle: “Sabes que che digo, pavilón? Que paso... E tu segue a pasar...fame”.

Toño Núñez, “O passsota”, Navia, nai (2005)

Resposta proposta pola comisión:

Non se efectuou


Xullo 2024

A partir desta transcrición do Arquivo do Galego Oral, xustifique o bloque dialectal que lle corresponde e identifique os trazos que lle permiten caracterizalo como tal (catro como mínimo). Ademais, diferencie os trazos de lingua que revelan a diversidade dialectal dos que se corresponden con sociolectos ou rexistros. (Extensión aprox.: 250 palabras). (2,5 puntos)

Vouche contar muitas cousas que... vosoutros non sabedes nada das cousas de ante. E todo vai esquencendo. Si, porque vosoutros non queredes saber namais cás cousas modernas. Cousas dos vellos non queredes saber nada. Antes, mira, facíamos o pan na casa. Fiábamo-la la. Facíanse sempre as filloas, que ahora xa se vai perdendo: de quitado tu, teus irmaos tanto lles ten comelas como non comelas, a teu pai xa non lle gustan. Eu non sei, vanse perdendo as tradiciós i-as cousas que eso é unha cousa que non se cre. I-a min gustábame que non se perdera a costumbre da casa. ...

Cando se tendía o pan, pos cortábase un cachín com'on bolo e botábase elí nunha taza ou nunha cazola.

Proposta de comisión:

Identificación do bloque: zona central: os máis distintivos son irmaos, la (s.f., lat. -ANA) e tradiciós [se fose oriental sería montois] (0,75 ptos.).

• Outros trazos dialectais (0,75 ptos.): muitas, vosoutros, fiábamos, tu, lles, eso, cachín (lat. -INU) [este é do oriental, pero tamén de falas do leste de Lugo].
• Coloquialismos (alteracións do vocalismo átono, encontros vocálicos) (0,5 ptos.): namais, i-as, i-a, com’on, elí.
• Castelanismos (0,5 ptos.): ahora, a costumbre.

Observacións:
• Non se penalizará se non chegan ás 250 palabras pero contestan correctamente as preguntas.


Xuño 2024

4.2. A partir desta transcrición do Arquivo do Galego Oral, xustifique o bloque dialectal que lle corresponde e identifique os trazos que lle permiten caracterizalo como tal. Ademais, localice como mínimo catro formas non estándares e diga a que tipo pertencen. *Extensión aprox.: 250 palabras. (2,5 puntos)

O Liseo falábame a min o..., en paz estea o..., o abuelo; i-el claro, como eramos novios, pos il quiría que..., que non morrese na guerra, que viñese pa casarse cumigo e dixo, dixo: “Pos eu voume, eu voume pra que veña o Ghesús.” E díxenll'eu: “Non vaias, Liseo, non vaias que o que está de Dios á casa ha de vire. Tu non, non vaias.” E dixo: “Si, si, si que me marcho, si que me marcho” E marchouse vuluntario. E logo despois, a aviación, pois, matouno. Viñan ca xente, e... sacábanos por elí e matábanos nos camiños e nas devesas. Ás noites viñan… ¡boeno! ¡O abuelo das Fontes cantas veces lle deu pan!: “Tomai, tomai o pan e marchaivos.”

Proposta da comisión:

Identificación do bloque: zona central (0,75 ptos.).
• Trazos dialectais (0,75 ptos.): tu, il, tomai, eramos.
• Coloquialismos (alteracións do vocalismo átono, encontros vocálicos) (0,5 ptos.): quiría, pa, cumigo, pos, pra, pa, vire, vuluntario, ca (coa), elí, i-el.
• Castelanismos (0,5 ptos.): abuelo, novios, Ghesús, boeno.

Observacións:
• Non hai gheada (guerra, cumigo e algo). A palabra Ghesus está escrita con (gh), segundo a convención empregada no texto, para expresar a pronuncia do castelanismo, non como (x), senón como (h). Non se penalizará se se explica como gheada.
• En i-el, a vogal do pronome ábrese por contacto coa conxunción. É un trazo fonético propio desta área, pero que pode aparecer esporadicamente noutras. Non implica que a forma do pronome sexa el (o guión indica o encontro vocálico).
• Non se penalizará se non chegan ás 250 palabras pero contestan correctamente as preguntas.


Xuño 2023

Localice dous tipos de formas non estándar que aparezan neste texto, extraído de “A nosa fala” (culturagalega.org) e explique brevemente os criterios polos que non son aceptados na variedade normativa. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)
Informante: De vrau, ó acabar o curso, normalmente sempre traballo. Este ano tuvemos, este ano pasao tuven traballando no, no Servicio de Estinción de Incendios Forestais; o ano pasao, limpiando nas plaias, e os últimos dous anos na, na costrución. A ver este ano en que lle toca.
Entrevistador: E que facedes no, no das plaias?
I: Pois limpiar a, sacar a merda que deixaban os turistas o día anterior, e mais o que trae o mar, botes, botellas e as algas. Os botes metíamolos nunha bolsa de plástico e pa papelera. Pero as algas enterrábamolas todas. Despois, ás veces tamén viña unha pala do aiuntamiento, que che, xa che enterraba el todo.
E: Que iba decir eu? Que horario tíñades no da plaia?
I: Ó primeiro empezamos con horario de sete a doce da mañá. Sete había que tar alí. Parábamos ás nove pa tomar o bocadillo. Tíñamos media hora, pero normalmente era unha hora, e ás doce parábamos.

Proposta comisión:

1 punto cada tipo de forma non normativa localizada (teñen que ser de distinto tipo). Exs.:

- Dialectalismos, como vrau (pola terminación).

- Castelanismos, como tuvemos, limpiando, plaias, metíamolos, enterrábamolas, parábamos, aiuntamento, papelera, iba, decir, tíñades.

- Coloquialismos ou vulgarismos, como pasao, pa, estinción, costrución, vrau (pola elisión vocálica).

0,5 pola explicación: abonda con que indiquen que non se admiten porque son consideradas dialectalismos, castelanismos ou coloquialismos e que expliquen estes fenómenos.

Posible explicación: A variedade estándar ou normativa é creada para servir como “vehículo expresivo común e válido para todo o pobo galego”, tal como se recolle nas propias normas. Con este fin ha de ser continuadora da lingua falada pola comunidade, pero evitando dependencias do castelán (castelanismos). Das diferentes alternativas dialectais, escóllense aquelas con máis extensión xeográfica e demográfica, así como as que contan con tradición literaria. Dado que se trata dunha variedade destinada ao rexistro formal, tamén quedan fóra dela os coloquialismos de calquera tipo.

Nesta pregunta aceptamos unha resposta de extensión menor (arredor das 150 palabras).


Xullo 2019

4. A palabra rincós (Gardo dentro de min toda a fragancia/ dos amados rincós da miña infancia/ e os recendos que tiña a vella casa) amosa un fenómeno dialectal que caracteriza un dos bloques dialectais do galego. Cal é ese fenómeno? Que bloque dialectal caracteriza? Sinala outros dous fenómenos característicos dese bloque. [1 punto]

Proposta da comisión:

Avalíase a capacidade para identificar e explicar os principais trazos de variación dialectal do galego. Asígnanse 0'25 puntos á identificación do fenómeno dialectal que ilustra o exemplo proposto e a mesma puntuación á identificación do bloque dialectal e a cada un dos outros dous fenómenos característicos dese bloque.

A nosa proposta:

Encádrase no bloque central: plural das palabras agudas rematadas en -n (canción-canciós) que perde o n neste bloque.

Outros fenómenos deste bloque:

-masculino -ao, feminino á: irmao, irmá

-desmostrativos: iste, ise, aquil en lugar de este, ese, aquel



PRÁCTICA PARA ABAU

a) Substituír todos os dialectalismos das frases polas formas estándar

1.  Ten tino, que con iso xa se mancou miña mai nunha mao o verao pasado. solucion

2. Ises xamós son moi ruís e xa o dixo il cando os viu.solucion

3.  Xa che levei comingo.solucion

4.  Culle os cuartos e míteos no banco antes de que chos leven os ladrós.solucion

5.  Xa lle dixen aos nenos o que tiñan que faser, e ao deitárense que apaghen a lus.solucion

6. Aquel rapacín cantaba unhas canciois mui feitas.solucion

7.   Colleu a vara e parteuna dun golpe.solucion

8.  Miña avó truxo unhas roscas de Ribadavia que estaban mui ricas.solucion

9.Estaban beilando na aira unhos rapaces moi pándegos.solucion

10.  Fixéchedes ben, que eisí non vos van poder pillar.solucion

11.  Eu aprobín todo este ano, aínda que non tiña moi bons profesores.solucion

12.  Tu cantaste moito mellor que o resto, mais xa ves como son as cousas, o premio foi para os de Ortigueira. solucion

13. Esvaroume da mau, non o fixen adrede. Que sabía eu que ía estoupar daquil xeito?(A esmorga, Blanco Amor, p. 76) solucion

b) Substituír todos os dialectalismos das frases polas formas estándar sinalando o bloque dialectal no que se debe situar a frase.

1.- Anda, rapaz, cume e bibe, e o que che sobre míteo nos petos e lévao solucion

2.- O meu padrín vendeu os pantalois vellos na feira o domingo solucion

3.- Asende a lus da cosiña, que non se ve ben solucion

4.- Foi teu irmao o que meteu mao nos xamós do veciño solucion

5.- E logho por onde andabas que non te mirín, a última ves foi en Pasarón solucion

6.- Seica viñeron visitala unhos catalás moi educadiños iles solucion

7.- Onte á mañá meu irmao foi a unha puza pescar arrales. Il é moi arteiro neso, que o aprendeu de neno, di que non hai que tir moita práctica pra apañalas cun pano roxo. solucion
8.- Logo colleu un dos balós que hai no rocho e botamos unhos partidos na aira da señora Antonia. Estuvemos asta as catro ou cinco da tarde, non me acordo ben. solucion
9.- Dispois fomos merendar unhas mazás sentados no chau e cantamos unhas canciós mui bonitas que aprendemos na escola. solucion
10.- Ó chegarmos á casa sacamos os zocos e sentamos a ver a televisión un bon anaco, que poñían unhas viciñas beilando, eran unhas dazaoito ou dazanove e foron as millores da noite. solucion

11.-   Por aquel camín viñan uis cais alobados.solucion

12.- Aquel rapasiño cantaba unhas cancións moi ghuapas.solucion

Pedro Rielo
Foto de Pedro Rielo, escritor, xornalista e amigo de ogalego.gal

Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.