Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2.º Bach. PAU.

Pregunta 1. Comunicación


Audio-texto

 


ATENCIÓN: A pregunta máis importante do exame, supón o 40% da nota e non hai contidos para estudar. Por iso hai que ter moi claros os conceptos, pensar ben o que escribir e facelo con corrección.

**RESUMO: esta pregunta debe responderse en catro ou cinco liñas, coas propias palabras e nun único parágrafo sen copiar as frases do texto. Outro erro moi habitual é introducir a opinión propia cando o que se pide é que se resuma a opinión do autor do texto.

**ESQUEMA: se o que piden é un esquema, isto suporía algo máis de tempo. Trátase de subliñar ideas principais e secundarias. Consello: non convén subliñar na primeira lectura, todo parece importante. Mellor despois da segunda e reflexiva lectura. Se o texto tiver título, fixarse nel; é parte a miúdo moi importante do texto. Se non se pide xustificación non hai que achegala. Pode facerse en forma de chave, satélite, cun gráfico ou simplemente clasificándoas en principal e secundarias.

**IDEAS PRINCIPAIS E SECUNDARIAS: para entender ben cales son as ideas principais é importante entender a estrutura do texto. Marcar claramente unhas e outras sen interpretalas, a non ser que o pidan.

**ESTRUTURA: esta cuestión tamén pode ter máis dificultade que o resumo ou o esquema; non debemos confundir esquema e estrutura. O obxectivo na estrutura é detectar as partes en que podemos dividir o texto e a súa  interrelación
-introdución/argumentación/conclusión
-problema/solución
-pregunta/resposta
-tese/antitese/(síntese); distribución diacrónica etc
.
Cada texto ten a súa singularidade e o importante é xustificar a interpretación. Unha vez máis cómpre lembrar que, se ten título, debemos telo en conta. A xustificación da estrutura pode ser un bo resumo do texto.

Nun texto expositivo habería que sinalar a introdución, desenvolvemento e conclusións.
Nun texto argumentativo habería que sinalar a tese, argumentación e conclusións.
Nun texto narrativo habería que sinalar o inicio ou presentación, o nó ou desenvolvemento e o desenlace.

Canto á organización interna (a estrutura interna) podemos atopar:
-Estrutura dedutiva: a información vai do máis xeral ao máis específico. Vaise expoñendo aos poucos a información sobre un tema.
-Estrutura indutiva: a información vai do particular ao xeral. O contido máis importante queda para o remate. Por exemplo, a partir dun caso ou anécdota chegar a unha situación xeral.
-Estrutura circular (menos usada): a información máis importante está ao comezo e no remate, os argumentos iniciais e finais están relacionados.

*TEMA: é a unidade de información xenérica que lle outorga unidade de sentido ao texto, é unha información xeral, sen detalles nin especificacións. O mellor é preguntarse de que fala o texto, de que trata?
Poden ser exemplos de temas: ensinanzas da pandemia do coronavirus, o cambio climático en Galicia, a alimentación sa na mocidade, os beneficios de facer deporte... No tema sempre poucas palabras.
Pode haber no texto varios temas, mesmo un tema principal e varios secundarios.

**INTENCIÓN COMUNICATIVA: fai referencia á intención que ten o emisor da información ao crear un texto, relacionada coa reacción que busca provocar no receptor ou receptora.

O alumnado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía, as implicaturas, presuposicións... que quere comunicarnos o autor e que recursos usa para ese fin.

**XÉNEROS DISCURSIVOS (fonte): Os xéneros discursivos son estruturas que conteñen e ordenan, de xeito particular, as palabras dun falante.
-Son enunciados que manteñen coherencia dentro dun contexto determinado.
-Reflicten as condicións externas do falante (influencia da cultura, factores sociolingüísticos, capacidade de interacción...).
-Ordenan a comunicación.
-Son dinámicos (desenvólvense co tempo e permiten a coherencia).
-Están contextualizados nun ámbito cultural, idiomático ou contextual determinado.
-Constrúen estruturas sociais (ex. un grupo de estudantes, un de seareiros dun equipo).

Os xéneros discursivos poden ser primarios (fan referencia á comunicación informal e cotiá, son simples e espontáneos: unha conversa entre alumnos) ou secundarios (fan referencia a unha comunicación complexa e elaborada: un texto literario, un informe cientifico).

Os tres elementos principais nun xénero discursivo son:
-Tema: establece de que se debe falar.
-Estrutura: establece a orde ou diagrama das palabras (nunha carta formal está establecida, nunha informal é libre).
-Estilo: establece o grao de formalidade ou informalidade da comunicación (non é o mesmo unha entrevista de traballo que unha conversa entre compañeiros de traballo).


Xosé Randolfe
Foto de Xosé Randolfe Vilariño, pintor galego, amigo de ogalego.gal

Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.