Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Preguntas de literatura nos últimos exames PAU

-Luís Pimentel

-María Xosé Queizán

-Castelao (narrativa)

-Luz Pozo Garza (poesía)

-Álvaro Cunqueiro (narrativa)

-Olga Novo (poesía)

-Vicente Risco (narrativa)

-Xohana Torres (poesía)

-Agustín Fernández Paz (narrativa)

-Luísa Villalta (poesía)

-Castelao (teatro)

-Uxío Novoneyra (poesía)



Luís Pimentel (proposta da Comisión para 2026, coordinador Armando Requeixo)

4.1. Este poema de Luís Pimentel pertence ao libro Sombra do aire na herba (1959). Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).

Solpores da miña vila

Solpores da miña vila,
longos, case eternos.
(Os anos pasan rápidos;
os días, lentos).
A luz esvara
polo meu piano lustroso.
¿Que música lle poñeremos?
As maos, soñan.
Solpor de prata
sobor do ébano.
Penso nos poetas mortos.

Calma, calma...
Tarde inmóbil, eterna.
Quédase docemente
¿en que soedade, lonxe?
ceo, ceo, máis ben luz.
Equilibrio deste gris
tan tenro.
Non, non hai paisaxe
nin carne nin sangue.

Solpores da miña vila,
longos, lentos, música.
As maos, soñan.

Luís Pimentel, Sombra do aire na herba (1959)

Criterios:
-Relacionar o poema, brevemente, co resto da produción do autor e coa poesía do seu tempo. (0,5)
-Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados del: contemplación melancólica dos vagarosos solpores dunha vila. (0,75)
-Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: preguntas retóricas, reiteracións, metáforas; estruturas paralelas. (1)
-Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,75)



María Xosé Queizán (proposta da Comisión para 2026, coordinador Armando Requeixo)

4.2. Este texto de María Xosé Queizán pertence ao libro A orella no buraco (1965). Relacione o fragmento, brevemente, co movemento literario da Nova Narrativa. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do fragmento e o tratamento que nel se dá do espazo. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).

Pola mañán as grandes vilas do Norde durmen aínda cando os seus moradores espertan, e siguen rezagadas no leito do inverno, cubertas ca fumaxada matinal. (...)
Nista vila dáse moi acusadamente o contraste do vello e do novo, do fremoso e do feo, do probe e do rico. Asín, a carón dunha gran mole neoclásica, tan frecuentes na vila, unha miserable casoupa, apuntalada con grandes paus, estáse derrubando. E hai cafés luxosos, non contaminados, illados na promiscuidade da cidá, onde sempre fai frío a pesares da calefacción, frío orixinado nos ocos que separa á xente entre sí, no cheiro perfumado e xeado, nas voces refinadas e apenas perceptíbeles, nos ollos frigoríficos de ollada elegante. Istes son os cafés dos ricos. Dempóis hai os outros, mesturados, bruidosos, humáns. “Os outros” non son somentes os cafés dos probes sinón tamén dos que se sinten solidarios coiles, por cuia razón son chamados snobistas.
Pro onde o contraste resulta máis notorio é no aspeito humán. Polo feito de ter o país un nivel de vida elevado, os probes, os mendigos, os vagabundos desfarrapados, producen asombro e fan voltar a testa aos transeuntes. (...) Non é pois estrano que nas frías mañáns do inverno, moi cedo, un madrugador vislumbre antre a fumaxada, bultos mouros nos respiradeiros dos metros, nos recovecos das prazas, e nos bancos; bultos que a medida que o madrugador se vai achegando, ou que a fumaxada vai abrindo, fanse corpos aterecidos, suxos, fedorentos e mal cubertos con farrapos.

María Xosé Queizán, A orella no buraco (1965)

-Relacionar o texto, brevemente, co movemento literario da Nova Narrativa e co resto da produción da autora. (0,5)
-Determinar o tema central do texto xustificándoo a partir de exemplos tirados del: descrición da cidade e do seu contraste de barrios e xentes ricas e pobres. (0,75)
-Sinalar a estrutura do texto e o tratamento que nel se dá do espazo: estrutura circular que comeza describindo nun primeiro bloque o espertar das xentes nas cidades (primeiro parágrafo), nun segundo bloque, central, o contraste de espazos e xentes e, no bloque final, novamente o amencer da cidade entre os máis desfavorecidos (parte final do último parágrafo). Canto ao espazo, hai tamén unha presentación contrastiva: espazos coidados e belos/ espazos descoidados e míseros, lugares para ricos/ lugares para pobres. (1)
-Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso. (0,75)



Castelao (Xuño 2025, coordinador Armando Requeixo)


PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos).

4.1. Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence ao libro Retrincos (1934). Relacione o relato, sucintamente, coa restante obra do autor e coa narrativa da Época Nós. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do relato e a caracterización dos dous personaxes principais. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Sabela

Cando eu andaba no estudo era un mozo das romerías, bailador e divertido. Non había festa na vila, nin nos arredores, onde non aparecese danzando como un trompo esgarabilleiro. ¡Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras! Entón o agarradiño aínda era un pecado venial, e bailábamos con tino, para que os vellos non refungasen.
(...) Había na vila unha rapaza do meu tempo, xeitosa de corpo, feitiña de cara, leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio e limpa de conducta; pero picante nos dicires. (...) A primeira vez que bailei foi con ela. (...) A rapaza comprometeuse a enseñarme, i eu pagáballe coa miña ledicia de estudante. (...) Pouco a pouco fun deprendendo, e non tardei en bailar valses e mazurcas con certa maestría. Dispois xa me fixen bailador e aproveitaba tódalas tocatas; pero afeito á miña compañeira non tiña gusto en bailar con outras. De remate os dous fixemos unha das mellores parellas.
(...) Marcheime da vila cangado cun tiduo universitario, e as preocupacións do meu vivir arredáronme das troulas. Perdín a mocedade, fíxenme home; o baile chegou a parecerme cousa de parvos, e fai moitos anos que nin tan siquera vexo bailar. Do tempo de estudante non gardei un recuncho para as lembranzas de romería, e Sabela esvaéuseme da memoria.
Cando se proclamou a República lanceime á política e saín diputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu. (...) Cheguei á casa de meus pais, e na beira da porta vin a unha muller... Era gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e vermella; a boca sen dentes; a postura de regateira.
Miroume, fite a fite, cos ollos mergullados en bágoas, e ó pasar a carón dela sioume con voz estremecida estas verbas: —¡Meu bailador!

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Retrincos (1934)

Criterios de avaliación para o texto de Castelao:

Relacionar o texto, sucintamente, coa restante obra de Castelao e coa narrativa da Época Nós:
―Castelao como mestre da novela curta, o relato e o subxénero narrativo das «cousas»: Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926, 1929), Os dous de sempre (1934) e Retrincos (1934).
―A narrativa da Época Nós: xurdimento das voces fundadoras da narrativa galega moderna, introdutores das correntes literarias europeas do momento e ponte entre a tradición e as novas fórmulas creativas. Castelao, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste, entre outros.
(Cualificación máxima 0,5)


Determinar o tema central do texto: lembranza (melancólica) da feliz mocidade bailadora.
(Cualificación máxima 0,5)


Describir a estrutura do relato:
―1ª Parte (1º parágrafo): presentación do motivo argumental e do narrador protagonista.
―2ª Parte (2ª parágrafo): corpo central do relato e da peripecia como parella de baile dos dous personaxes principais.
―3ª Parte (3ª parágrafo): salto temporal e confirmación do esquecemento da vida romeira e bailadora de mocidade.
―4ª Parte (os dous derradeiros parágrafos): regreso á vila natal do narrador protagonista e reencontro emotivo coa súa parella de baile na mocidade.
Caracterización dos dous personaxes principais:
―Narrador: Personaxe principal. Personaxe caracterizado etopeicamente (descrición moral): divertido, bailador, trompo esgarabilleiro, de primeiras, cangado cun tiduo, con preocupacións do vivir, perdida a mocidade, indiferente ao baile, de maior.
―Rapaza bailadora: Personaxe principal. Personaxe con retrato: descrición física (prosopografía) e moral (etopea). Descrición física: inicialmente, xeitosa de corpo, feitiña de cara, co pasar dos anos gorda de ventre, de pernas e de brazos, cara inflada e vermella, boca sen dentes, postura de regateira. Descrición moral: leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio, limpa de conducta, picante nos dicires.
(Cualificación máxima 1)



Luz Pozo Garza (Xuño 2025, coordinador Armando Requeixo)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos).

Este poema de Luz Pozo Garza pertence ao libro Verbas derradeiras (1976). Relacione o texto, sucintamente, co conxunto da escrita da autora. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Soidade

a soidade
é unha nena tristeira
un can late na sombra
unha porta
bateuse contra o medo
soidade meniña
sen amor
esquecida no medio do silencio
abandoada chuvia
caen as follas
soidade
meniña adormecida
nun curruncho
trema de frío
e noite
cabo da xente

Luz Pozo Garza, Verbas derradeiras (1976)

Criterios de avaliación para o texto de Luz Pozo Garza:

4.2 (2 puntos)

Relacionar o poema, sucintamente, co conxunto da escrita da autora:
―Luz Pozo Garza voz esencial da renovación lírica galega da segunda metade do século XX e autora destacada da Promoción de Enlace: poeta do amor, do sensualismo e do simbólico, en constante diálogo intertextual coa nosa tradición e a mellor poesía universal.
―Algunhas obras destacadas: O paxaro na boca (1952), Concerto de outono (1981), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) ou Rosa tántrica (2016).
(Cualificación máxima 0,5)


Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto: A soidade.
(Cualificación máxima 0,5)


Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: personificación (a soidade como nena), conmoración (motivo da nena-soidade amplificado dende diversos ángulos), estruturas paralelísticas e anafóricas (un can... unha porta; soidade meniña/ sen amor... soidade/ meniña adormecida); campo semántico da orfandade e o desvalemento (soidade tristeira, medo, sen amor, esquecida, silencio, abandonada, adormecida, frío, noite), imaxes visionarias (unha porta/ bateuse/ contra a noite).
(Cualificación máxima 1)


(0,5 puntos) -pregunta 4-

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
(Cualificación máxima 0,5)



Álvaro Cunqueiro (Xullo 2025, coordinador Armando Requeixo)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos).

4.1. Este texto de Álvaro Cunqueiro pertence ao libro Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960). Relacione o relato, sucintamente, coa restante obra do autor e co movemento de recuperación da narrativa galega de Posguerra. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do relato e a presenza nel de elementos fantásticos. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

O gatipedro

O gatipedro é un gato branco que ten na cachola un corno mouro; o gatipedro ven pólas noites ás casas, e párase nas habitaciós nas que hai nenos durmindo. Entón o gatipedro ponse a verquer auga pólo seu corniño, i o neno, en sonos, escoitando o pingar da fontiña aquela, soña que mexa, e de verdade mexa na cama.
Pra espantar o gatipedro abonda con botar unhas areas de sal á porta do cuarto i ó pé da fiestra. O gatipedro anda apoiándose, ademáis de nas catro patas, na lingua, e probando coista o sabor do sal, o gatipedro dá a volta e prosegue a súa nouturnia viaxe, deixando ós nenos da casa en paz.

Álvaro Cunqueiro, Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960)

Criterios de avaliación para o texto de Álvaro Cunqueiro:

Relacionar o texto, sucintamente, coa restante obra de Álvaro Cunqueiro e coa recuperación da narrativa galega de Posguerra.
―Cunqueiro como mestre da narrativa que mestura realidade e imaxinación e dos libros de retratos de tipos populares: Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Escola de menciñeiros (1960), Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961), Xente de aquí e de acolá (1971), Os outros feirantes (1979).
―A narrativa galega de Posguerra e as súas voces principais: Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor e Xosé Neira Vilas. (0,5 puntos)


Determinar o tema central do texto: presentación ou retrato do ser imaxinario chamado O Gatipedro.(0,5 puntos)


Describir a estrutura do relato:

―1ª Parte (1º parágrafo): descrición física (ou prosoprografía) e descrición comportamental (ou etoloxía) do Gatipedro.
―2ª Parte (2ª parágrafo): revelación do proceder axeitado para liberarse das molestias causadas polo Gatipedro.

Elementos fantásticos relevantes no texto:
―O Gatipedro como ser imaxinario mestura de felino e pequeno unicornio.
―Capacidade do Gatipedro para verter auga a modo de fonte animal e inducir a micción infantil.
―Fobia ao sal do Gatipedro, que, como ser imaxinario, non é cuadrúpede como os felinos, senón que ten un quinto elemento de apoio que é a súa longa lingua. ―Natureza de eterno viaxeiro nocturno do Gatipedro. (1 punto)



Olga Novo (Xullo 2025, coordinador Armando Requeixo)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos).

4.2. Este poema de Olga Novo pertence ao libro Nós nus (1997). Relacione o texto, sucintamente, co conxunto da escrita da autora e coa poesía galega dos anos 90. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Os líquidos íntimos

coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas

algunhas conservan estirados os nomes que gravei a navalladas
tódalas tardes ó volver da escola.

acostumada a tirar por un poema como por un becerro cando se lle ven as patas,
cando xa non se está en idade de medrar
toda maduración require un desgarro de tendóns
entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras que non se dirixen a ningunha parte

sóbenme ás paredes desde as que te vexo,
arrancan coa lingua o pasto mentres te vas.

o tacto dos teus violíns faime chorar terriblemente.

E case non podo soportar que as túas mans me acariñen
como a la dos xerseis que me facía a miña mai cando era nena

pero coa miña pel
........ coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

Olga Novo, Nós nus (1997)

Criterios de avaliación para o texto de Olga Novo:

Relacionar o poema, sucintamente, co conxunto da escrita da autora e da poesía dos 90:
―Olga Novo voz esencial da poesía galega dos 90 dende a súa estética renovadora, telúrica, erótica, neosurreal e feminista. Algunhas obras destacadas: A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997), A cousa vermella (2004), Cráter (2011), Feliz Idade (2019).
―A explosión poética dos 90: variedade de liñas temáticas e estéticas. A escrita de muller. (0,5 puntos)


Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto: Amor apaixonado de intimidade radical. (0,5 puntos)


Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: símiles (tirar por un poema como por un becerro), imaxes visionarias (corren polo meu peito rabaños de cabras), hipérbatos (cando xa non se está en idade de medrar/ toda maduración require un desgarro de tendóns), metáforas (o tacto dos teus violíns), anáforas (pero coa miña pel/ coa miña pel podes), estruturas paralelísticas (sóbenme... / arrancan...) e circulares (comezo e remate coincidentes)... (1 punto)


Toda a pregunta 4

Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas. (0,5 puntos)



Vicente Risco (Proposta Exame-A 2024, Coordinador Armando Requeixo)

Este fragmento pertence á novela de Vicente Risco, O porco de pé (1928). Relacione o texto, sucintamente, coa súa época e co seu autor. Comente, brevemente, o tema central do fragmento explicándoo a partir de exemplos tirados do texto e sinale os principais recursos empregados na caracterización do personaxe protagonista. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Na posguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita. Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petit-gris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis. (...)
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco para baixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no verán súao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, que tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada había atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento.

Vicente Risco, O porco de pé (1928)

Criterios de avaliación para o texto de Vicente Risco: sen especificar as respostas polo coordenador.



Xohana Torres (Proposta Exame-B 2024, Coordinador Armando Requeixo)

Este poema de Xohana Torres pertence ao libro Tempos de ría (1992). Relacione o texto, sucintamente, coa poesía do momento e coa escrita da autora. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice o sentido e a importancia dos elementos da mitoloxía clásica grecolatina presentes no poema. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos)

DECLARA o oráculo:
«QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.
QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.
QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons.”
Así falou Penélope:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR»

Xohana Torres, Tempos de ría (1992)

Criterios de avaliación para o texto de Xohana Torres: sen especificar as respostas polo coordenador.



Agustín Fernández Paz (Xuño 2024, coordinadora Ana Isabel Boullón)

Contextualice o texto na época literaria correspondente e explique a relevancia da narrativa infantil e xuvenil no sistema literario galego; cite como mínimo outros dous narradores con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

R. Foi Ana, que ten alma de bruxa pero tamén alma de humana, quen deu coa clave que necesitabamos. Lembro ben a tarde en que me formulou a cuestión decisiva: “¿E por que ten que haber unha contradicción entre as dúas cousas? Quizais se pode ser bruxo e estar plenamente integrado entre os humanos”.

P. E foi entón cando decidiron que…

R. Efectivamente. A contradicción só se podía resolver cun cambio de rumbo imaxinativo. O oficio de bruxo estaba nun total desprestixio. Vostede cre que se pode andar, na época de televisión e dos ordenadores, con coceduras de sapo e ungüentos de cogomelo velenoso? Iso fai lembrar un pasado que a xente desexa esquecer. ¡Había que enmascarar a bruxería coas aparencias que á sociedade lle gustaban! ¡Adaptarse ós novos tempos, non deixar escapar o tren da modernidade! Así foi como os dous fixemos un máster na School of Big Business e, de seguido, abrimos o nos primeiro despacho.

Agustín Fernández Paz. Contos por palabras. 2002

Criterios de avaliación para o texto de Agustín Fernández Paz:

Contextualice o texto na época literaria correspondente [1 punto] e explique a relevancia da narrativa infantil e xuvenil no sistema literario galego [1 punto]; cite como mínimo outros dous narradores con cadansúa obra [0,5 ptos.]. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Este texto de Agustín Fernández Paz pertence a Contos por palabras, considerado un clásico contemporáneo da literatura infantil e xuvenil galega. Publicouse a principios do século XXI, cando se deu o asentamento definitivo da literatura en lingua galega para os primeiros lectores. Entre os factores que posibilitaron este asentamento, que se datan xa na década de 1980, poden citarse condicións políticas (a fin da ditadura, chegada da democracia), educativas (a entrada da lingua galega no ensino, que demanda creacións literarias para este sector do público), coas consecuencias derivadas para a cultura en xeral: a aparición de editoriais especializadas que prestaron máis atención á materialidade 5 dos libros (Kalandraka, OQO, etc.), o labor de asociacións relacionadas co libro (Gálix) e o alento dos galardóns literarios (Premio Merlín, Lazarillo, etc.).

A narrativa xuvenil sobresae por explorar unha ampla variedade de liñas formais e temáticas apegadas ás preocupacións, conflitos e situacións cotiás do lector mozo, situándose moitas das súas obras na fronteira da literatura de adultos. A relevancia desta narrativa non se limita ao valor estético dunha serie de textos, nos que se estableceu un diálogo entre o propio e o universal, senón que salienta tamén por abrir itinerarios para formar lectores en lingua galega.

Outras das voces máis singulares da narrativa son as dos compañeiros de xeración de Fernández Paz como Xabier P. Docampo (A casa da luz, 2002), Fina Casalderrey (A Pomba e o Degolado, 2007) e Marilar Aleixandre (A cabeza de Medusa, 2008). A estes nomes poden sumarse os de Ledicia Costas (Unha estrela no vento, 2000), Xosé Miranda (Pel de lobo, 2002), Manuel Lourenzo González (Irmán do vento, 2003), María Reimóndez (Usha, 2006), An Alfaya (A sombra descalza, 2006), Rosa Aneiros (Ás de bolboretas, 2009), Francisco Castro (Chamádeme Simbad, 2009), Marcos Calveiro (O pintor do sombreiro de malvas, 2010). [O alumnado ten que citar dúas como mínimo; aquí indícanse algúns outros para exemplificar]

Aínda que no enunciado non se pregunta especificamente polo texto, pódese avaliar positivamente se o fan (a adaptación paródica dunha materia tradicional coma a bruxería ós tempos modernos).



Luísa Villalta (Xuño 2024, coordinadora Ana Isabel Boullón)

6. Analice as características máis representativas deste poema. Contextualíceo historicamente e indique outras dúas voces poéticas da mesma época, con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

En soneto de sons que soan sendo
a melodia do que eu son na eséncia
inconsciente de ser, unha preséncia
sen máis sentido que soar sabendo,

a monodia do viver entendo,
fluindo como o son, en transcendéncia,
improvisado ritual, auséncia
no eco que a memória vai perdendo.

Número e canto, necesária via
por que ascendo as escadas, se afastasen
a razón da intuición que o ritmo cria,

e transgrido a palabra, se soasen
outras voces que o sentido ouviria
cando os sons da sua música calasen

Luísa Villalta, Música reservada (1991).

Criterios de avaliación para o texto de Luísa Villalta:

Analice as características mais representativas deste poema. Contextualíceo historicamente e indique outras duas voces poéticas da mesma época, con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Contido do poema, tipo de composición, métrica, rima e figuras retóricas (1,25 ptos.)

Neste poema obsérvase a reflexión de carácter existencial, a introspección e a fugacidade das vivencias. O uso da P1 (ascendo v. 10) subliña o subxectivismo. O paralelismo establecido entre a música-poesía e a existencia reflíctese no léxico empregado: sons, soan, soar, melodía, monodia, canto, ritmo, eco, voces, ouviría, música - soneto (referencia metapoética), palabra – o que eu son na esencia inconsciente de ser, viver, a memória. Apréciase unha busca do sentido último das cousas, máis alá incluso das palabras (último terceto).

A seguir, preséntase en esquema algunhas das características retóricas do poema, para que sirva de guía de avaliación, aínda que se espera do alumnado (tanto nesta pregunta coma na 4 e na 5) unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.

Soneto: estrutura métrica (ABBA ABBA CDC DCD). Arte maior: 11 sílabas cada verso (hendecasílabos). Rima consonante.
Figuras retóricas: Aliteración: “en soneto de sons que soan sendo” (v. 1), encabalgamentos: “esencia / inconsciente de ser” (vv. 2-3), “ausencia / no eco” (vv. 7-8), paronomasia: son (verbo ser) / son (s.m.), situados no mesmo verso dos cuartetos (o segundo), oxímoron, personificación: “os sons… calasen” (v. 12).
Contextualización histórica e cita de dúas voces poéticas con cadansúa obra (1,25 ptos.)

Luísa Villalta foi unha escritora que cultivou diversos xéneros: poesía, teatro, narrativa, ensaio e prosa xornalística. Destaca sobre todo pola súa poesía, na cal se reflicte a influencia da música, pois era violinista de formación, antes de dedicarse á docencia. Dedicóuselle o Día das letras galegas de 2024.

Aínda que non se pode falar de grupos cohesivos, posto que as voces poéticas da última década do século XX son moi diversas, si se poden citar certas características comúns. Son persoas novas que xa tiveron ocasión de estudar galego, fronte ó autodidactismo das xeracións anteriores. Moitos son de orixe urbana e reflicten novas vivencias acordes cos problemas e as condicións da súa época, pois están a experimentar un enorme cambio económico, sociolóxico e cultural. Producen textos rupturistas e experimentalistas (xa desde finais da década de 1980, como os colectivos Rompente e Rontsetlz). Nalgúns autores continúa o culturalismo dos anos anteriores e, en xeral, maniféstase interese polo feminismo, o antimilitarismo o ecoloxismo ou o homoerotismo.

Algunhas voces poéticas da mesma época [o alumnado só ten que citar dúas; aquí indícanse máis para exemplificar]: Ana Romaní (Últimas mareas, 1994), Chus Pato (Heloísa, 1991, Fascinio, 1995…), Yolanda Castaño (Elevar as pálpebras, 1995), Olga Novo (Nós nús, 1997), Lupe Gómez (Pornografía, 1996), Xela Arias (Tigres coma cabalos, 1990, Darío a diario, 1996), Antón Reixa (Viva Galicia Beibe, 1994), Lois Pereiro (Poesía última de amor e enfermidade, 1995, Poemas para unha loia, 1997), Rontsetlz, Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, 1994), Antón Lopo (Manual de masoquistas, 1991, Libro dos amados, 1996).



Castelao (Xullo 2024, coordinadora Ana Isabel Boullón)

Contextualice o texto de Castelao na época literaria correspondente e sinale a importancia desta obra na evolución do teatro galego. Ademais, identifique e explique dúas características do seu estilo apoiándose no propio fragmento. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Entra un mendicante con cara de morto. Trai unha careta na man e pona diante do público para tapar a súa caveira e transfigurarse.

A MORTE Chamando

¡Ei, da botica! Entra o boticario

O BOTICARIO

¡Que Deus o ampare, meu santo!

...

A MORTE

Eu teño unha doenza eiquí (Pon a man no peito.) ¡Levo chumbo derretido no corazón!

O BOTICARIO

¡Que me di!

A MORTE

Non se burle de min, señor, polo que lle vou contar. Eu... eu namoreime dunha rapaza máis bonita que os ouros do Perú. Ela ten ollos e... ¡Como vai cangar cun vello!

O BOTICARIO

¡Quen sabe! ¿Non me dixo vostede que ten diñeiro?

A MORTE

Con diñeiro non se merca o que eu apetezo. Hai galáns novos no mundo, e nós, os vellos, xa non temos engado para namorar mozas (...) Tódolos vellos cheiramos a morto. Todos damos noxo.

Castelao. Os vellos non deben de namorarse (1941)

Criterios de avaliación para o texto de Castelao:

Contextualice o texto de Castelao na época literaria correspondente e sinale a importancia desta obra na evolución do teatro galego. Ademais, identifique e explique dúas características do seu estilo apoiándose no propio fragmento. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Contextualización (1,5 ptos.)
• Grupo Nós (Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Castelao, Losada Diéguez), orixinado no cenáculo ourensán a partir de 1917, incorporado ás Irmandades da Fala: Galicia como proxecto, vinculada directamente a Europa.
• Evolución desde o evasionismo esteticista ó compromiso nacionalista, explicada nos autorretratos de Cuevillas (“Dos nosos tempos”, 1920), Otero (Arredor de si, 1930), Risco (“Nós, os inadaptados”, 1933).
• Ampla formación intelectual e espírito aberto e innovador. Tocaron todos os xéneros e disciplinas.
• Revista Nós (1920-1936). Obxectivo: universalización da cultura galega.
• Seminario de Estudos Galegos (1923): estudos etnográficos, xeográficos, históricos, prehistóricos, artísticos…

O teatro galego na época
• Na inmediata posguerra o teatro foi cultivado na diáspora, con dous tipos de propostas:
- Unha máis costumista e enxebrista, que evocaba a terra distante e pretendía manter a identidade galega (o idioma, os valores propios), baseada no sentimentalismo
- Outra con enfoques dramáticos innovadores: Castelao, Seoane e Blanco Amor (Farsas para títeres, 1953). Procuraba dotar as obras de validez universal, formulando aspectos non exclusivos do pobo galego, seguindo o espírito de Nós.
• Con esta obra de Castelao (Os vellos…), estreada en Bos Aires en 1941, culmina o camiño de renovación estética do teatro galego que no primeiro terzo do s. XX iniciaran as Irmandadas e o grupo Nós.
• Concepción da obra dramática como un espectáculo integral en que se combinan texto, escenografía, música e danza. Foi o propio Castelao quen se ocupou da escenografía, luces, vestiario e máscaras.

Análise do fragmento (1 pto.)
• Características: simbolismo e expresionismo (a personificación da morte, nesta escena; uso das caretas) combinados con elementos do humor e da tradición cultural galega.
• Teatro de protagonismo popular; nesta escena, o personaxe do mendicante. Castelao, de orixe vilega (a diferenza doutros membros de Nós, fidalgos) sentiuse sempre próximo ás clases populares, que retratou e interpretou nos seus debuxos. Uso de expresións populares (“¡Que Deus o ampare, meu santo!”, “¡Que me di!”).
• Outros recursos: metáfora (“Levo chumbo derretido no corazón”). Comparación (“máis bonita que os ouros do Perú”).



Uxío Novoneyra (Xullo 2024, coordinadora Ana Isabel Boullón)

Contextualice este poema na época correspondente e analice as súas características máis representativas. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

DO COUREL A COMPOSTELA
Os que así nos tein
Só tein noso os nosos nomes no censo,
Que hasta o noso suor sin alento pérdese na terra.

GALICIA, será a miña xeneración quen te salve?
¿Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!

Uxío Novoneyra, Elexías do Courel (1966).

Criterios de avaliación para o texto de Uxío Novoneyra:

Contextualice este poema na época correspondente e analice as súas características. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Contextualización histórica e dúas voces poéticas con cadansúa obra (1,25 ptos.)

Uxío Novoneyra encádrase na Xeración poética dos 50, canda Avilés de Taramancos (O tempo no espello, 1982, Cantos caucanos, 1985), Salvador García-Bodaño (Tempo de Compostela, 1979), Manuel María (Muiñeiro de brétemas, 1950, Terra Chá, 1954), Bernardino Graña (Poema do home que quixo vivir, Profecía do mar, 1966, Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, 1980), Méndez Ferrín (Con pólvora e magnolias, 1976, Poesía enteira de Heriberto Bens, 1980, O fin dun canto, 1982) e Xohana Torres (Estacións ao mar, 1982, Tempo de ría, 1992), entre outros.

Levaron a cabo unha renovación da linguaxe poética, seguindo correntes vangardistas e rupturistas e continuando coa tradición galega anterior (poesía cívica, celtismo pondaliano, paisaxismo, a influencia de Rosalía…).
Outros trazos:
• existencialismo, visión pesimista e angustiada na Escola da Tebra
• socialrealismo, reivindicación político social, en distintas formas.

Contido do poema, tipo de composición, métrica, rima e figuras retóricas (1’25 ptos.)
• Dúas estrofas con versos de métrica irregular sen rima.
• Contido sociopolítico. Na primeira estrofa denúnciase a opresión dun “eles” indeterminado cara a “nós”, pero é unha posesión superficial, burocrática (“só tein noso os nosos nomes no censo”). Galicia aparece en maiúsculas, focalizando visualmente a atención; remarca a colectividade do pobo, oprimido polo franquismo. Este valor colectivo está reforzado polo uso da P4 (“os tein”, “os nosos nomes”), aínda que a voz do poeta reaparece na segunda estrofa (“Irei”), nun diálogo con Galicia, personificada. Pese ó pesimismo da primeira estrofa, a segunda acaba cunha expresión esperanzada, reforzada pola exclamación. É o tópico literario “Omnia vincit amor”, o amor sempre triunfa.
• Figuras retóricas: aliteración (“só tein noso os nosos nomes no censo”), metonimia (“suor sen alento”, representa o esforzo do pobo traballador), preguntas retóricas (estrofa 2), exclamación (último verso), lítote (“Non, a forza do noso amor non pode ser inutle”).
• Uso da toponimia: Courel, Compostela, puntos concretos que abranguen o país todo, Galicia.

Xosé Lois García
Foto de Xosé Lois García, escritor galego, amigo de ogalego.gal

ogalego.gal - ogalego.gal son