Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, PAU

A literatura galega de fins do século XX e comezos do XXI. Procesos e estratexias



I. A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.

Audio-texto

 

1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia –e para España- a etapa democrática máis extensa de toda a súa historia. A presenza da lingua e a literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as empresas editoriais, os premios e revistas literarias.
No campo da poesía, Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín (xunto con Mesteres -1976- de Arcadio López Casanova) foi quen marcou ese cambio. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político social, redescobre a linguaxe e aparece un novo estilo máis culturalista.

Nos anos oitenta as principais características definitorias da poesía galega son:
- Ruptura co social-realismo. Prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
- Busca de novos suxeitos líricos (=negación da perspectiva autobiográfica)
- Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...)
- Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas: literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais...)
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións, etc.
- Incorporación do erotismo explícito.
- Recreación mítica.
- Preocupación formalista, barroquismo. A poesía é a arte da linguaxe.

É moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) e unha clasificación dos mesmos, por iso faremos unha selección moi subxectiva e persoal.
A cabalo aínda entre o social-realismo e as novas tendencias está Darío Xohán Cabana (1952), con poesías cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, e nome recoñecido na narrativa actual.
Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de colectivos poéticos de curta duración: Rompente (poesía rompedora de Antón Reixa, Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo (Rodríguez Barrio, Ramiro Fonte). A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Destacamos:
Manuel Vilanova (1944-2019), mítico e simbolista: E direivos eu do mester de cobras (1980).
Xosé Mª Álvarez Cáccamo (1950)aberto á realidade a través de vivencias familiares: Praia das furnas (1983)
Miguel Anxo Fernán-Vello (1958): o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
- Lois Pereiro (1958-1996), Poesía última de amor e enfermidade (1995). Desde que foi o autor do Día das Letras Galegas en 2011 converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións pola orixinalidade, modernidade e autenticidade da súa poesía.
A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...)
Algunhas características máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo..
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.

A partir dos anos 1990 prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): 

-Chus Pato (1955). En 2024 gañou o Premio Nacional de Poesía polo seu libro Sonora. A súa poesía caracterízase por fuxir de coordenadas xeracionais e lazos compartidos con outros escritores galegos, cunha linguaxe propia, referencias temáticas e estilísticas inconfundibles e un compromiso político da palabra que vai máis alá da obviedade dos versos.
-Luísa Villalta (1957-2004): foi unha escritora que cultivou diversos xéneros: poesía, teatro, narrativa, ensaio e prosa xornalística. Destaca sobre todo pola súa poesía, na cal se reflicte a influencia da música, pois era violinista de formación antes de dedicarse á docencia. Dedicóuselle o Día das letras galegas de 2024.

Exame PAU. Texto de Luísa Villalta

-Pilar Pallarés (1957). En 2019 gañou o Premio Nacional de Poesía polo seu libro Tempo fósil. Pertenceu ao colectivo poético De amor e desamor.
-Yolanda Castaño (1977): está interesada en proxectos interxenéricos en que a poesía dialoga con outras artes. Ten desenvolvido distintas experiencias que fusionan a poesía coa plástica, a música ou o audiovisual. En 2023 gañou o Premio Nacional de Poesía polo seu libro Materia.
-Olga Novo (1975): voz esencial da poesía galega dos 90 dende a súa estética renovadora, telúrica, erótica e feminista. Algunhas obras destacadas: A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997), Feliz Idade (2019). En 2020 gañou o Premio Nacional de Poesía polo seu libro Feliz Idade.

Exame PAU. Texto de Olga Novo

Ademais: Lupe Gómez, Marta Dacosta, Lucía Aldao, María Lado, Xela Arias...

Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores:

-Claudio Rodríguez Fer (1956). Autor dunha obra moi ampla na que destaca a poesía erótica, a influencia do cine e os temas comprometidos, como a recuperación da memoria histórica. O seu poema "A cabeleira (fragmentos" está traducida a máis de 70 idiomas.

e outros como Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, Ismael Ramos etc., etc.

A poesía galega goza nos últimos anos dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade. A chegada da Internet supuxo unha grande axuda xa que facilita novas canles de publicación: blogs, redes sociais, portais específicos de poesía. Ademais permite a difusión de recitais e videopoemas (Vimeo, YouTube, Tiktok...). Hoxe é moi difícil publicar un libro en papel con poemas, máis é moi doado compartir na rede (seguramente con máis lectores) as creacións poéticas.


II. A prosa de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Prosistas e tendencias actuais máis relevantes.

Audio-texto

 

Como característica desta nova etapa debemos destacar unha maior diversificación en todos os aspectos, de estilos, de temas e de rexistros lingüísticos:
a) Publícanse parte das novelas centradas na guerra civil e posguerra, case todas escritas moitos anos antes no exilio.
b) Narrativa histórica, con introdución de elementos fantásticos ou de aventuras
c) Narrativa de xénero: do oeste, ciencia-ficción, erótica. Destaca en éxitos e vendas a novela negra (iniciada con Carlos G. Reigosa...). As novelas de Domingo Villar Ollos de auga, A praia dos afogados, O último barco son éxitos actuais tanto en galego como na tradución castelá. O mesmo acontece con Pedro Feijoo: Os fillos do mar, Memoria da choiva, Os fillos do lume. Ou Arantza Portabales: Beleza vermella.
d) Narrativa experimental
e) Narrativa realista
f) Narrativa humorística
g) Narrativa fantástica, en boa parte influenciada por Cunqueiro
h) Narrativa intimista
i) Narrativa urbana e experimental

Ademais doutros autores xa estudados en temas anteriores e que seguen publicando podemos sinalar:
*Carlos Casares (1941-2002) comezou coa Nova Narrativa Galega, mais as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. A súa prosa é sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. Ilustrísima é unha breve novela na que un bispo de principios de século en Ourense se ve obrigado por unha sociedade retrógrada e fanática a condenar o cine contra a súa vontade. O sol de verán, publicada pouco despois da súa morte está narrada por unha muller, Helena, que lembra un amor imposíbel, afectada polo repentino suicidio de Carlos.
*Xosé Manuel Martínez Oca. Ten unha extensa obra de novelas e relatos curtos. En Beiramar, combina realismo con elementos do mítico popular galego
*Alfredo Conde, cunha ampla obra na que destacamos Xa vai o Griffón no vento: narra alternativamente dúas historias; unha que acontece na Compostela do s. XVI, no ambiente da Inquisición, e outra na Provenza actual.
*Xavier Alcalá: A novela que, ata o momento, gozou de maior éxito foi A nosa cinza na que nos ofrece unha visión da infancia e a mocidade da xeración da posguerra.
*Carlos G. Reigosa, coñecido principalmente polas súas novelas detectivescas: Crime en Compostela. En Pepa a loba recrea a vida desta histórica muller.
*Darío Xohán Cabana: O seu mundo narrativo está fortemente influenciado por Cunqueiro: construción sinxela, fusión de fantasía e realidade, reutilización da materia de Bretaña e da mitoloxía popular, Galván en Saor é a máis representativa. 
*Suso de Toro: Ten unha obra extensa e moi variada. As súas primeiras obras (Polaroid) son libros fragmentarios, transgresores, con personaxes marxinais, múltiples voces narrativas. As súas obras posteriores son máis convencionais. A sombra cazadora é unha exitosa novela xuvenil de ciencia-ficción, ao mesmo tempo que un relato iniciático e unha reflexión sobre o poder manipulador dos medios de comunicación.
*Manuel Rivas: É o escritor actual con maior proxección editorial e mediática, dentro e fóra das nosas fronteiras. As súas primeiras obras no campo da narrativa foron libros de relatos, cheos de humor e lirismo -Que me queres, amor?-; entre as novelas sobresae O lapis do carpinteiro (1998) onde narra unha historia de amor ambientada na guerra civil e na inmediata posguerra; ambas as dúas obras foron levadas con éxito ao cine. Ademais podemos sinalar a monumental: Os libros arden mal, que colleitou unha morea de premios.
*Antón Riveiro Coello: cultiva unha temática moi variada (desde o xénero negro ata a evocación da infancia) nos moitos relatos e novelas publicados ata o momento. As rulas de Bakunin está protagonizada por un vello loitador anarquista e desenvólvese ao longo de case todo o s. XX. Laura no deserto é unha das mellores novelas dos últimos anos en galego.
*Xabier Quiroga. Un dos narradores máis interesantes dos últimos anos, creador de mundos de fición arredor de Monforte e a Ribeira Sacra: Atuado na braña, Zapatillas rotas, Izan o da saca.
Ademais, unha morea de autores e obras de calidade merecen ser citados. Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia), Xesús Constela (As humanas proporcións), Xosé Monteagudo (Todo canto fomos), Manuel Lourenzo González (O xardín das pedras flotantes), Xosé Ramón Pena (Para despois do adeus), Manuel Portas (Lourenço jograr) etc.

Nos últimos anos desta etapa está a producirse un boom de narrativa de mulleres (como sucedera pouco antes na poesía) que aínda sendo moi variada posúe algúns trazos comúns: protagonismo feminino, cuestionamento dos valores patriarcais e dos roles tradicionais, as relacións entre mulleres... Rosa Aneiros, Teresa Moure (Herba moura ambientada no s. XVI en Suecia e Ámsterdam), María Reimóndez (O club da calceta, trata sobre a condición feminina na sociedade actual a través de seis protagonistas moi diferentes), Inma López Silva, Anxos Sumai. Nesta narrativa de mulleres está:
** Begoña Caamaño -LETRAS GALEGAS 2026- (1964-2014): literatura, xornalismo e feminismo.
-Circe ou o pracer do azul: Reescritura de mitos desde a perspectiva feminista recreando as personaxes da Odisea Penélope e Circe, a dona e a amante de Ulises.
-Morgana en Esmelle: Unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética partindo do mito da materia da Bretaña, baseándose en elementos do Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro.  “Quixen formular un debate contemporáneo, sobre que modelo de sociedade queremos”, dixo a autora sobre a obra. 

Literatura infantil e xuvenil 

Audio-texto

 

Mención á parte merece a literatura infantil e xuvenil (frecuentemente premiada fóra das nosas fronteiras). Algúns dos seus autores, aínda que ningún deles se dedica en exclusiva a este xénero, son: Paco Martín (a máis lida, premiada e traducida de toda a súa obra é Das cousas de Ramón Lamote), Marilar Aleixandre (A expedición do Pacífico), Fina Casalderrey (O misterio dos fillos de Lú), Francisco Castro (Chamádeme Simbad, traducido a moitos idiomas) Ramón Caride Ogando (Perigo vexetal). E outros moitos autores e autoras como Andrea Maceiras, Elena Gallego Abad... que levaron a nosa literatura infantil e xuvenil a unha altura nunca antes vista nin soñada.
Podemos destacar ademais:
-María Victoria Moreno (1939-2005). Foi unha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil en galego: Mar adiante, Leonardo e os fontaneiros, Anagnórise.
-Agustín Fernández Paz (1947-2016). O autor de máis éxito, traducido a moitos idiomas (115 traducións a 16 linguas): Cartas de invernoAire negro.
-Ledicia Costas (1979). Autora de éxito cunha ampla obra traducida a varios idiomas. As series Os minimortos, Curriño, A señorira Bubble, Escarlatina... gozan dunha grande aceptación polo público máis novo.
E non podemos esquecer a poesía para nenos, A. García Teijeiro (premio nacional 2017 con Poemar o mar) e Fran Alonso (Poemas virollos pra ler cos ollos).

Exame PAU. Texto de Agustín Fernández Paz


III. O teatro de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Dramaturgos, tendencias e compañías actuais máis relevantes.

Audio-texto

 

O cambio de réxime vivido á morte do ditador Franco conlevou unha mudanza radical no terreo literario, reorientando e diversificando a oferta. O mesmo sucede no teatro, no que se produce unha revitalización que nunca tivera na nosa historia literaria, mais de todos os xeitos continúa a ser “a irmá pobre” da literatura, gozando dunha posición inferior á poesía ou á narrativa.
Podemos distinguir tres fases no teatro actual:
a) Formación de compañías profesionais (1978-1983). Grupos nacidos ao redor das Mostras de Ribadavia emprenden a aventura de facer do teatro a súa profesión, superando polo tanto a fase de afeccionados na que debían vivir doutro traballo. Podemos destacar Sarabela Teatro, en Ourense, como compañía exitosa que segue en primeira liña na actualidade. No plano estético, as obras de intencionalidade política explícita ou alegórica van deixando paso a propostas máis diversificadas e máis complexas.
b) Institucionalización (1984-1991). O primeiro fito é a creación do Centro Dramático Galego (1984), primeira compañía pública dependente da Consellería de Cultura, ademais da convocatoria de diversos premios amparados por outras institucións públicas. Xorden ademais novas compañías profesionais (Teatro do Morcego, Cangas, 1989).
c) Desenvolvemento (ata a actualidade). Multiplícanse as compañías profesionais e aparecen outras de teatro alternativo ou experimental. Ponse en funcionamento a Rede Galega de Teatros e Auditorios (1996) o que permite unha oferta máis estábel e descentralizada e no curso 2005/06 arranca en Vigo a Escola Superior de Arte Dramática, primeiro centro oficial para o ensino e aprendizaxe teatrais.
Ao longo destes 30 anos van aumentando tamén as publicacións e coleccións de teatro, como os Cadernos da Escola Dramática Galega ou os Libros do Centro Dramático Galego publicados por Xerais, pero tamén neste campo o teatro é a “Cinsenta” da literatura.

Entre os autores debemos comezar por lembrar a boa parte dos que participaron nas Mostras de Ribadavia, como Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Lourenzo ou Roberto Vidal Bolaño, auténticos “pais” do teatro actual e cuxa obra pertence maioritariamente a esta etapa. Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica), citaremos algúns:
*Manuel Guede Oliva (1956), Joao Guisán Seixas (1957), Xesús Pisón (1954), Quico Cadaval (1960). Manuel Núñez Singala (1963), Henrique Rabuñal, Miguel Anxo Fernán-Vello, Gustavo Pernas, Lino Braxe...

Miriam Ferradáns
Foto Miriam Ferradáns, escritora e amiga de ogalego.gal

ogalego.gal - ogalego.gal son Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

 
Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.