![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, PAU
Audio-texto
A partir de 1936 o galego desaparece da vida pública durante anos, a ditadura de Franco non permite a literatura en galego. Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro e no ano seguinte, constitúese a Editorial Galaxia, que abre novos camiños.
Esta anómala situación provoca que vexan a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:
I. Xeración do 36. Poetas nados entre 1910-20; a guerra civil cólleos na súa xuventude. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, etc.
II. Promoción de Enlace, nados entre 1920-30. Tampouco son un grupo coherente. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea: Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...
III. Poetas das "Festas Minervais", nados entre 1930-40, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres ou Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas contribuíndo a crearen as organizacións nacionalistas de esquerdas.
Seguen as tendencias anteriores: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco irán aparecendo formas novas nesta posguerra: intimismo -seguindo a liña iniciada por Rosalía de Castro-, clasicismo... A forma poética máis característica será a Escola da tebra ou "poesía do neboeiro": poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas.
A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados os anos 70.
Centrarémonos nos seguintes poetas:
1.*** Celso Emilio Ferreiro .*** (1912-1979). Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
*Ten poesía intimista, influenciada polo existencialismo: un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo; nostalxia da infancia perdida en Celanova. Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. (ver comentario de "Xaneiro, 1972. II" e "O medo)
*Ten poesía satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais, ou o Quevedo máis mordaz.
*A súa poesía socialrealista, cunha linguaxe coloquial, quere chegar a todo o mundo. Temas: a guerra civil, a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas, unha das obras máis reeditadas da nosa literatura. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e Ferreiro no poeta galego máis coñecido dentro e fóra da Galiza.
2. Manuel Cuña Novás (1926-1992) é representante da Escola da Tebra, a súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.
3. ***Uxío Novoneyra *** (1930-1999). Autor de poucos libros, excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política. (ver comentario de "Letanía de Galicia" e "Do Courel a Compostela")
Exame PAU. Texto de Uxío Novoneyra
4. .***Xosé Luís Méndez Ferrín *** (1938). Comeza coa Escola da Tebra e seguiu con poesía social. O seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega, aportando novos temas e unha nova linguaxe poética. Neste libro combínase a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético –as magnolias-. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat...
5. *** Manuel María *** (1929-2004). Autor de moitas obras e de moitos dos poemas musicados na segunda metade do século XX. Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Coñecido como o poeta da Terra Cha, ten unha abundante obra poética.
6. ***Luz Pozo Garza*** (1922-2020). Voz esencial da renovación lírica galega da segunda metade do século XX e autora destacada da Promoción de Enlace: poeta do amor, do sensualismo e do simbólico, en constante diálogo intertextual coa nosa tradición e a mellor poesía universal. Poeta renovadora e sempre en débeda con Rosalía de Castro. Algunhas obras destacadas: O paxaro na boca (1952), Concerto de outono (1981), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) ou Rosa tántrica (2016).
Exame PAU. Texto de Luz Pozo Garza
7. ***Xohana Torres*** (1929-2017). En Estacións ao mar (1980) a intimidade participa das inquietudes esenciais do ser humano: a soidade, a fugacidade do tempo, o entusiasmo vitalista, a reflexión sobre a patria e un percorrido polas lembranzas conservadas na memoria. En Tempo de ría (1992) destaca o poema "Penélope", onde a autora non exclúe a ironía. Despois dun inicial oráculo de alusións enormemente crípticas, atopamos o final, que emula o inimitable humor de Álvaro Cunqueiro.
Exame PAU. Texto de Xohana Torres
No exilio en América destacan:
-Luís Seoane (1910-1979). Polifacético (máis coñecido como pintor), en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: funda revistas (Galicia emigrante), fai radio, ilustra libros... Xa en Galiza crea con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos. Fardel de exiliado (1952) é un dos seus títulos.
-Lorenzo Varela. (1916–1978). Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe (1954). Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na guerra civil na que canta ós guerrilleiros antifranquistas e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.
Audio-texto
Desde 1936 a literatura galega deixa de existir durante máis dun decenio. No exilio publícanse A Esmorga, de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.
Principais liñas da prosa de posguerra:
1.Continuación da prosa da Xeración Nós: Carballo Calero, autor da primeira novela de posguerra, A xente da Barreira, 1951.
2.Realismo fantástico: Álvaro Cunqueiro. Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), greco-latina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos da cultura popular.
3.Realismo popular: Ánxel Fole. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal.
4.Realismo social: Eduardo Blanco Amor. Situadas no Ourense (Auria) de principios do s. XX, plasman a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padecen.
5.Realismo rural: Xosé Neira Vilas. As penurias da vida labrega, non exentas de denuncia.
6.A Nova Narrativa Galega da man dos autores máis novos, como Méndez Ferrín ou Carlos Casares, unha prosa totalmente diferente e moderna.
Principais prosistas da etapa:
I. ***Álvaro Cunqueiro*** (1911-1981). Características:
*Mestura de realismo e fantasía: personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad...) comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
*Predominio da oralidade no estilo: coma os contos de súa nai e na botica do pai, o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar, cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes...
*Tendencia á disgregación da novela: Non hai unha estrutura clásica de presentación, desenvolvemento e desenlace, senón unha técnica de relato dentro do relato, ou relatos sucesivos cun débil fío argumental.
Merlín e familia (1955) é a máis coñecida: recreación da materia de Bretaña desde a particularidade dunha perspectiva galega: o mago Merlín, dona Xenebra e o paxe Felipe de Amancia están en Galicia. Escribiu tamén libros con breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional -Escola de menciñeiros (1960), Os outros feirantes (1979) son un claro exemplo. (Ver comentario de "Tristán García")
En teatro destaca Álvaro Cunqueiro coa súa obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) na que fai unha nova lectura do personaxe shakespeariano e dos seus problemas
Exame PAU. Texto de Álvaro Cunqueiro
II. ***Ánxel Fole*** (1903-1986). A súa obra está formada case exclusivamente por libros de contos (Á lus do candil, 1953 e Terra Brava, 1955) ambientados nesas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares, que se contaban antes “á luz do candil” entre varias persoas. Tamén os temas seguen esa tradición oral: contos de lobos, de aparecidos e premonicións da morte; de lendas populares (a Santa Compaña...) combinados cun agudo sentido do humor. (Ver comentario de "Os lobos")
III. ***Eduardo Blanco Amor*** (1897-1979). Toda a súa narrativa é en Ourense (que el chama Auria) a principios do século XX. Dúas das súas novelas están consideradas do mellor da narrativa galega.
-A esmorga (1959) participa da renovación na narrativa galega da época, tanto na temática (protagonismo compartido, das clases populares) como na forma (técnica telefónica: só escoitamos a declaración de Cibrán "O Castizo", as preguntas do xuíz non se escoitan... como se falasen por teléfono). É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedela e que acabará coa morte de todos. O Cibrán di que el é inocente de todo, foron o Bocas (violento e abusón) e o Milhomes (homosexual, falso). Os tres rematarán mortos.
-Xente ao lonxe (1972) é unha radiografía do Ourense de principios do XX a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa. O personaxe principal é Suso, neno de 12 anos que vai madurando ao longo da obra.
-
Os biosbardos (1962) contén relatos narrados en primeira persoa cun protagonista e narrador infantil distinto en cada conto e tamén ambientados en Auria. -biosbardo: ser imaxinario con que se engana a un incauto-
Tamén en Bos Aires Eduardo Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes Farsas para títeres (1973) e Teatro pra a xente (1974). Unhas son obriñas de realismo costumista, pensadas para “a xente do noso pobo”, público pouco afeito a ler ou ver teatro; outras son farsas, non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que lembran o esperpento de Valle Inclán ou o teatro do absurdo europeo; están pensadas para un público culto.
IV. ***Xosé Neira Vilas*** (1928-2015): Liñas da súa narrativa:
-Galicia interior: a sociedade campesiña, marcada pola opresión e pola pobreza económica, cultural e ideolóxica. Destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis lido da literatura galega e traducido a moitas linguas. Trátase dunha novela de estrutura sinxela, en boca dun neno, Balbino, que non se conforma con esa vida e se ve obrigado a emigrar. Balbino vainos mostrando a vida dos nenos na aldea: medos, traballos, violencia, festas, influencia da igrexa...
-Galicia emigrante: mostran os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria... Historias de emigrantes (1968). (Ver comentario de "Lucinda")
A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.
Audio-texto
Na década dos 50 xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas modernas, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Universitarios, galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana: o Nouveau Roman francés, M. Proust, Kafka, J. Joyce.
-No relativo ao argumento, ao tema: abandono do antropocentrismo,
localización espacial imprecisa, ambientes urbanos, mestura de realidade e mundo fantástico, situacións estrañas e opresivas nos límites do absurdo, presenza do sexo
-Formalmente: uso do monólogo interior, distorsión temporal e "flash-back", pluralidade de voces narrativas que se alternan e superpoñen.
O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo Rodríguez Mourullo) e 1971 ((Adiós, María, de Xohana Torres).
I. O autor máis destacado é ***Xosé Luís Méndez Ferrín*** (1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:
-Nova Narrativa Galega: 1961-1971. Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.
O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpábel. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.
As outras dúas etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG:
-Segunda etapa: 1971-1980. Maior riqueza temática e omnipresencia da preocupación política.
-Terceira etapa: a partir de 1980. Caracterízase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación estilística, con Tagen Ata -Galiza- entre fábulas imaxinarias que encerran unha denuncia social.
II. Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi ***Carlos Casares*** (1941-2002). Vento ferido (1967): son relatos breves sobre a violencia e o fatalismo, "Monólogo" (ver comentario) ou "O xogo da guerra" figuran en moitas escolmas e libros de texto. Seguiron as novelas Cambio en tres (1969) e Xoguetes para un tempo prohibido (1975), na que narra a adolescencia ourensaá e a vida universitaria santiaguesa na posguerra. As obras posteriores son de feitura moito máis clásica, lonxe da nova narrativa: Os escuros soños de Clío (1979), Ilustrísima (1980) -un bispo ourensán enfrontado aos intolerantes- etc.
III. Outra representante da Nova Narrativa é María Xosé Queizán (1939). En A orella no buraco (1965) aplica os postulados da Nova Narrativa. Narradora e ensaísta sempre desde unha óptica feminista, foi unha precursora en moitos aspectos.
Texto de María Xosé Queizan nun exame PAU
IV. No exilio americano as obras escritas son realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, así como o dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en 1ª persoa, outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notábel á historia: Non agardei por ninguén de Ramón de Valenzuela (1957), O silencio redimido de Silvio Santiago (1976), O siñor Afranio –ou como me rispei das gadoupas da morte de Antón Alonso Ríos (1979).
Audio-texto
O teatro sufriu aínda máis que os outros xéneros narrativos as consecuencias da guerra e a posterior ditadura, ao ser impensable un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia é posible grazas ao labor do exilio. Castelao estreou Os vellos non deben de namorarse en Bos Aires.
Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral foi tamén director e actor. As súas obras son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía “Maruxa Villanueva” foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse.
En Galicia, entre 1950 e 1965, escríbese un teatro máis pensado para ler que para representar, dirixido a unha minoría intelectual galeguista e coñecedora do teatro francés, que utilizaba os mitos e personaxes da traxedia clásica grega para expoñer conflitos do mundo actual, e con influencia do existencialismo. Ricardo Carballo Calero publica en 1971 Catro pezas (que contén a coñecida Farsa das zocas: obra en dous actos que mostra ao espectador uns personaxes galegos universais, o crego, o médico, o notario… e un enredo sobre unha herdanza).
No 1965 xorde o grupo teatral O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, que será tamén o fundador, dous anos máis tarde, do primeiro grupo independente. Extraordinaria importancia terán as Mostras de Teatro de Ribadavia, iniciadas no 1973 e que continuarán ata 1980, punto de encontro para os xa abundantes grupos teatrais independentes e estímulo para os autores, que poderán ver representadas as súas obras.
Algúns dos autores vinculados a esta iniciativa, e que continuaron a súa produción posteriormente, son:
-Euloxio Rodríguez Ruibal, (Zardigot, 1973), autor de teatro experimental que comezou escribindo obras influídas pola técnica cinematográfica comprometidas coa realidade social e política do país. Nunha segunda etapa ten textos máis cómicos e satíricos sobre a situación galega. Hai que mencionar tamén a súa contribución ao teatro infantil.
-Manuel Lourenzo, actor, director e autor teatral, é unha das figuras máis importantes e prolíficas dos últimos 40 anos do noso teatro. Dentro da súa extensísima obra podemos sinalar tres ciclos: mítico, no que se recrea personaxes míticos do teatro grego, como Electra; histórico; experimental. A súa interpretación dun mariñeiro na serie da TVG Mareas vivas deuno a coñecer a todo o público.
-Roberto Vidal Bolaño foi tamén autor, actor e director. O seu teatro seguiu dous camiños diferentes: por un lado atopamos textos simbólicos con raíces populares e por outro textos máis complexos cunha visión pesimista da vida: Laudamuco, señor de ningures, 1976.

Foto: Mercedes Queixas, escritora e profesora, amiga de ogalego.gal
ogalego.gal - ogalego.gal son Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados |
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |