![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, PAU
Audio-texto
O século XX supón en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.
O movemento agrario é desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Gallega (1912), dirixida por Basilio Álvarez; fortemente perseguida, vai esmorecer cara a 1915, mais esta presión social en contra dos foros consegue a lei de redención dos foros na Ditadura de Primo de Rivera en 1926.
En 1916 xorden na Coruña as Irmandades da Fala, que axiña se estenden por toda a Galicia. O seu obxectivo máis inmediato é a defensa do idioma galego para recuperar a cultura. No 1918 decláranse nacionalistas, mais no 1922 escindiranse nunha liña política e outra cultural, arredor desta nacerá a revista Nós.
Na poesía a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento, con autores como Leiras Pulpeiro ou Lugrís Freire.
O primeiro que marca timidamente o comezo de novos camiños é ***Antonio Noriega Varela*** (1869-1947). Podemos consideralo o máis destacado representante dunha xeración de transición ou “antre dous séculos”(segundo Méndez Ferrín): por unha parte acepta o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos escritores do Rexurdimento, pero por outra podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa.
Escribiu unha soa obra ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título é Montañesas; desde 1920, denominarase Do ermo. O cambio de título marca un cambio de tendencia na súa obra, con dúas liñas:
* poesía costumista (coma no XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida en edicións posteriores.
* poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados e lingüisticamente máis cultos; moi influenciados polos autores portugueses Antero de Quental e fundamentalmente o seu amigo saudosista Teixeira de Pascoaes. Un dos seus poemas máis coñecidos é "Toda humilde belleza" (ver comentario).
Pero o poeta máis destacado da época das Irmandades é ***Ramón Cabanillas*** (1876-1959): O Poeta da Raza polos seus poemas patrióticos foi considerado o grande poeta do seu tempo en Galicia. Recolle a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros (toda a nosa tradición) introducindo elementos renovadores modernistas. Pódense distinguir catro etapas na súa obra:
1. Etapa pregaleguista ou agrarista No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). De forma e temática do Rexurdimento (Rosalía e Curros), nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, son os máis coñecidos. Algúns poemas como "En pé" (ver comentario), "Acción gallega" ou "A Basilio Álvarez" (ver comentario) chegan a ser verdadeiros símbolos populares e converten a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo é Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas convértese no poeta civil de Galicia. A oposición xa non é cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
3. Etapa mítica (1921-30). No 1926 escribe tres longos poemas narrativos: A espada Escalibor, O cabaleiro do Sant-Grial e O soño do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprende unha actualización da materia de Bretaña (as fazañas do Rei Arturo e a Táboa Redonda) galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista. É unha reconstrución mítica do pasado con espazos galegos: a illa de Sálvora, onde aparece a espada mítica Excalibur, e as montañas do Cebreiro, onde se sitúa o mítico vaso do Santo Graal
4. Etapa de posguerra (1950-59). Non escribe poesía entre 1930-1950. Os seus últimos libros son Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recupera a súa maior altura poética.
Canto ao teatro, Cabanillas escribiu A man de Santiña (1921), unha comedia en prosa na que por primeira vez as clases señoriais falan en galego. En 1926 publicou O Mariscal, escrito por iniciativa de Vilar Ponte, drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
Audio-texto
A vangarda é un conxunto de movementos artísticos europeos (1910-1930), con afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. En poesía prescinden dos moldes tradicionais, ordenando os versos a xeito de caligramas, o poema baséase en imaxes vangardistas.
Os –ismos europeos foron abundantes e pouco duradeiros:
*Futurismo (+Info) // *Cubismo(+Info) // *Dadaísmo (+Info) // *Surrealismo -superrealismo- (+Info) // *Creacionismo (+Info)
As vangardas na Galiza.
É o grupo "Nós" co seu labor restaurador da nosa cultura e a súa visión universalizadora quen abre as portas á incorporación das vangardas á literatura galega. Especialmente Vicente Risco, que será quen informe a Manuel Antonio dos "ismos" europeos e trate de orientalo.
Os vangardistas galegos son mozos nacidos ao redor do ano 1900 que reciben tamén o nome de Xeración do 25, supoñen unha ruptura e actitude crítica coa poesía anterior: coa tradición de sentimentalismo (saudade, bágoas, queixas), folclorismo (romarías, costumes, rural) e paisaxismo do século XIX, e por primeira vez hai unha integración na poesía europea. Danse a coñecer en revistas como Alfar, Ronsel, Cristal...
Nesta xeración pódese incluír Luís Pimentel (Sombra do aire na herba, 1959), Na súa poesía obsérvanse influencias do modernismo, de ismos vangardistas, do simbolismo francés e do existencialismo de posguerra. Canto á forma, destaca o verso libre, imaxes vangardistas, os paralelismos e as anáforas.
Texto de Luís Pimentel nun exame PAU
Por un lado podemos atopar -ismos claramente seguidores das modas europeas e por outro movementos especificamente galegos:
1. Surrealismo: ***Álvaro Cunqueiro*** (1911-1981): Poemas do si e non (1933), é unha interpretación moi persoal, co fluír da asociación de ideas e a influencia dos soños pero cun pouso sentimental, gozoso, sen a carga dramática que soen ter os textos surrealistas, semella un especial conto erótico, unha historia de amor (desamor, elexía do amor) que ten lugar nunha verdadeira irrealidade espazo-temporal. Aparece nel un surrealismo ao noso xeito cun fondo accesíbel á emoción ou ao intelecto, sen automatismo aínda que con imaxes audaces, asociacións arbitrarias. Fundamentalmente hai nos seus poemas liberdade, recollendo elementos de todos os ismos, de toda a literatura que coñeceu.. Tamén se pode ver algo de cubismo ou creacionismo en Mar ao norde (1932), libro con poemas breves e concisos nos que se opoñen o mar e a terra, e a illa é o centro na última parte.
2. Creacionismo: O seu único cultivador é ***Manuel Antonio*** (Rianxo, 1900-1930). Malia morrer moi novo foi considerado un dos grandes poetas galegos, unha personalidade rebelde que representa o mellor expoñente vangardista en Galicia. En 1922 publicou o manifesto Máis Alá, novidoso polas alusións políticas e a non adscrición a un –ismo concreto.
A súa obra principal (e única publicada en vida) é De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo (1928). Son 19 poemas estruturados como unha viaxe marítima, case sempre de noite, simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida: monótona, repetitiva, en completa soidade (como perdido no mar), e continua despedida. É unha sucesión de imaxes vangardistas de ambiente e léxico mariñeiro, mais non se describe a vida no mar nin no barco.
Poderiamos falar dunha estrutura superficial: unha viaxe marítima (desde a súa preparación ata a súa finalización, con parada intermedia) monótona, repetitiva e contraditoria: o tempo pasa pero está parado, só existe o presente. E unha estrutura profunda: viaxe interior, iniciática; visión desilusionada, negativa, da vida desde a soidade. É o grande libro do mar da nosa literatura, con poemas moi coñecidos como "Sós" (ver comentario) ou "Navy Bar" (ver comentario).
-ismos autóctonos ou vangardismo matizado:
3. Hilozoísmo: Foi o movemento poético de máis éxito na época, con multitude de seguidores. Baixo unha forma tradicional (non é polo tanto unha vangarda plena) -estrofas populares, rima asonante, versos medidos, lingua popular- preséntanos, a base de imaxes vangardistas, unha natureza viva, aberta ao sensorial, ao auditivo, ao visual, fronte ao sentimentalismo e a anécdota. O poema deshumanízase (desparece o protagonista humano) e a paisaxe humanízase (compórtase como os humanos). O seu iniciador e representante máis destacado é Luís Amado Carballo (1901-1927), Proel (1927) e O galo (póstumo, 1928). Outro poeta que morreu moi novo pero deixou unha grande influencia. No seu poema "Solpor" vense perfectamente os trazos hilozoístas (ver comentario). Entre os múltiples seguidores destaca Eduardo Blanco Amor. O hilozoísmo segue despois da guerra.
4. Neotrobadorismo: No ano 1928 José Joaquim Nunes publica as cantigas medievais que acadan unha grande difusión e provocan a aparición desta corrente que non é propiamente vangarda, senón unha reformulación de estilos e temas da tradición medieval, engadindo imaxes da poesía moderna. Tamén continúa despois da guerra. Recréanse as cantigas medievais, os temas e as formas: as cantigas de amigo, as de amor, o paralelismo, o leixa-pren, o refrán...
Podemos distinguir dúas tendencias:
- Unha máis innovadora na que destacan Bouza Brey –o seu iniciador- (Nao senlleira, 1933), Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama Riveira, 1933, Dona do corpo delgado, 1950).
- Outra máis mimética que rematará con Xosé María Álvarez Blázquez cando no ano 1953 fai pasar o seu Cancioneiro de Monfero por un verdadeiro cancioneiro medieval.
Audio-texto
A etapa entre 1916 (Irmandades da Fala) e 1936 (guerra civil) é coñecida como a Época Nós pola importancia que estes autores terán na cultura galega.
Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (o Cenáculo Ourensán) teñen unha primeira etapa de inadaptados e só a partir de 1918 centran a súa atención en Galicia. Castelao en cambio provén do agrarismo. Todos eles son políglotas, cultos, universitarios e participan en todas as actividades galeguistas: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista... Eles son os creadores da moderna narrativa galega, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en galego.
Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política, reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e caciquismo), señorial (de pazo fidalgo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, que fará máis de cen representacións por ano, e outras Irmandades organizan tamén as súas "agrupacións artísticas". O Grupo Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, facéndoo participar tamén das correntes europeas. Con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas, superando o realismo do anterior: a partir de agora non só van falar galego labregos e caciques, senón tamén fidalgos e princesas, bocois e sapos, pipotes e penedos, os santos do Pórtico da Gloria, os fantasmas etc.
Autores máis destacados:
1. *** Ramón Otero Pedrayo*** (1888-1976). Foi considerado o "Patriarca das Letras Galegas) e foi fundamental no cultivo e modernización da narrativa longa. A súa obra xira ao redor da Galiza contemporánea e podemos clasificala en:
a) Novelas realistas: ambientadas na Galiza rural do século XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca Os camiños da vida (1928): novela longa en tres partes ou triloxía de tres novelas. Relata a historia de dúas familias fidalgas ourensás, mostrando a transformación da sociedade galega no século XIX, desde unha economía natural a unha baseada no comercio.
b) Novelas culturalistas: narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. A máis representativa é Arredor de si (1930), cuxo protagonista, Adrián Solovio, é un trasunto do propio Otero e a súa incorporación ao galeguismo. Tradicionalmente, Arredor de si foi interpretada como a aventura espiritual que levou á conversión ao galeguismo da Xeración Nós, da cal forma parte Otero Pedrayo. Adrián acabará descubrindo que a súa identidade está no seu propio país e non fóra del, despois de coñecer a cultura española e a europea.
Apartadas da súa temática habitual están Fra Vernero e A romeiría de Xelmirez .
A xeito de conclusión podemos dicir que hai tres temas recorrentes na narrativa de Otero Pedrayo:
* A tradición: sabedoría acumulada polas sucesivas xeracións ao longo de séculos, conforma a cultura espiritual dun pobo.
* A fidalguía: Otero non lle perdoa a súa deserción da aldea e do galeguismo, mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección da sociedade. Inventa unha fidalguía ideal, irreal, consciente do seu papel na sociedade galega.
* A paisaxe: dotada de vida, goberna a vida do home.
O seu estilo, persoal e barroco, levou a Carballo Calero a definilo como un cesto de cereixas. (Ver comentario de "As onzas")
Ramón Otero Pedrayo escribiu unha extensa obra teatral, na que podemos destacar A lagarada (1928) e Teatro de Máscaras. As súas obras teatrais son máis apropiadas para a lectura que para a representación escénica.
-A lagarada (1928) é unha traxedia rural de fondo dionisíaco (relacionado co viño), na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares, campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes.
-Teatro de máscaras (escritas no 1934 e publicadas no 1975). Son 16 pezas a xeito de guións ou bocexos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna e allea ao teatro-texto tradicional, pois son obras que só acadan a súa plenitude e naturalidade a través da montaxe e da representación escénica.
Canto ao ensaio, Otero Pedrayo dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933).
2. ***Alfonso Daniel Rodríguez Castelao*** (1886-1950). Foi unha personalidade polifacética, que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galiza e todos aqueles que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
-A 1ª obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), visión sintética da realidade social, na que sae particularmente maltratada a figura do cacique. O narrador é un esqueleto que conta sucesos da súa vida pasada.
-Cousas son relatos moi curtos que Alonso Montero considera un novo xénero narrativo porque combinan perfectamente o texto coas ilustracións. Son 45 relatos nos que aparecen as constantes do autor: humor, denuncia dunha realidade inxusta e posicionamento ao lado dos máis débiles. En “O pai de Migueliño” vemos o emigrante fracasado na mirada dun neno que busca un pai rico e triunfador e só atopa un vello pobre. En “Chegou das Américas un home rico”, a cousa do negro Panchito, vese que cada quen sente a súa terra aínda que non sexa a do documento de identidade, o rapaz naceu en Cuba mais como se criou aquí non atura aquelas calores da Habana e volve á aldea: “chegou pobre e endeble pero trouxo moita fartura no corazón”. En “Se eu fose autor” os pobres choran a morte dunha vaca e os ricos a morte dunha cadela provocando os risos do público dependendo da clase social de uns e outros (ver comentario).
-Os dous de sempre (1934). Tanto o título como o debuxo da portada (un paxaro e un sapo) fan referencia aos dous tipos humanos fundamentais: o emprendedor e o conformista. Narra as peripecias vitais e as ambicións de Pedro e Rañolas, contrapostos desde a súa infancia á madurez. Cada capítulo leva unha ilustración do propio autor. Rañolas é un idealista: malia ser eivado das pernas, sen pai e cunha nai borracha, é agudo, activo e emprendedor, loita por unha vida mellor e por superar os seus problemas. Pedro é un conformista: é ofillo máis vello dunha familia pobre, vive coa tía Ádega que o protexe de máis. Lacazán, só pensa en comer e ve pasar a vida sen ningún obxectivo.
-Retrincos (1934) Son cinco relatos (retrincos ou anacos) sobre cinco momentos pseudoautobiográficos (O segredo, O inglés, O retrato, Peito de Lobo e Sabela). "O retrato" conta como un pai, ao ver que o seu fillo vai morrer, lle encarga un retrato a Castelao para quedar coa súa lembranza.
Con estas tres obras Castelao converteuse xa nun dos clásicos da narrativa en galego grazas á súa fórmula máxica: algo de humor, moito sentimento e un galego ben fermoso.
Castelao estreou en 1941 a obra de teatro *** Os vellos non deben de namorarse *** comezada moitos anos antes.
Non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música.
O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos (un boticario, un fidalgo e un labrego rico), mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas (Lela, Micaela e Pimpinela).
Nesta peza Castelao conseguiu mesturar perfectamente a tradición e modernidade. Están na obra a presenza da vida de ultratumba, os casamentos amañados, a decadencia da fidalguía, mais presentados cunha escenografía vangardista na que as cores, a música e o vestiario teñen un papel primordial.
Exame PAU. Texto de Castelao, teatro
Canto ao ensaio, Castelao publica en Buenos Aires Sempre en Galiza (1944) onde partindo de ideas propias e alleas elabora unha nova teoría do nacionalismo, comenta a actuación da República... Converteuse na biblia do galeguismo despois da guerra civil. Ademais do ensaio político, Castelao escribiu tamén multidude de ensaios no terreo artístico: As cruces de pedra na Galiza, As cruces de pedra na Bretaña...
3.- ***Vicente Risco*** (1884-1963). Cultivou tamén a narrativa pero é fundamentalmente ensaísta. A súa obra máis coñecida é O porco de pé (1928), feroz sátira antiburguesa con gran carga humorística. É a sátira dun castelán que chegou a ser alcalde dunha localidade ourensá: "Na postguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita". Don Celidonio veu de Castela traballar de mancebo nunha tenda e foi ascendendo socialmente tras casar coa filla do dono. Nos comezos do século XX asistimos á loita de clases e as contradicións nunha sociedade marcada pola chegada da modernidade e e a perda de influencia dos valores tradicionais.
Vicente Risco escribiu unha única peza teatral, O bufón de El Rei, drama simbolista que relaciona deformidade física e moral.
Exame PAU. Texto de Vicente Risco
4. ***Rafael Dieste*** (1899-1981). Pertencente á Xeración do 25, escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a Cousas porque neles se conta só o esencial, sen elementos superfluos, hai lirismo e humorismo, mais o sentimento non é tan fondo como en Castelao. Moitos destes relatos figuran na maioría das escolmas da narrativa galega, por exemplo Sobre da morte de Bieito, no que se relatan os pensamentos de alguén que acompaña un cadáver nun enterro. En "O neno suicida" cóntase a historia de alguén que naceu de vello e morre de novo (como na película O curioso caso de Benjamin Button), relato cun final sorprendente.
Rafael Dieste é o autor teatral da Xeración dos vangardistas. A fiestra baldeira (1927) é unha comedia simbólica sobre a identidade (individual e colectiva).
Un mariñeiro volve rico da emigración e encarga un retrato diante dunha ventá. O pintor quere situar como fondo da fiestra unha paisaxe mariñeira, símbolo do pasado humilde do retratado. A muller e a filla opóñense. O pintor continuará o cadro arrincando a fiestra. Así aparece a “fiestra baldeira” como símbolo da anulación da identidade individual e colectiva. Ao final o conflito resólvese coa aceptación da realidade e do pasado humilde.
|
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |