![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
Lingua Galega e Literatura. 2.º Bach. PAU. A lingua e os seus falantes.
Audio-texto:
A diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica supón unha grande riqueza cultural, social, histórica e patrimonial. Responde á historia e á diversidade existente no territorio.
Podemos diferenciar entre as linguas oficiais dos estados e as linguas cooficiais dentro do estado (oficiais no seu territorio).
1.Linguas oficiais.
-O idioma oficial de Xibraltar é o inglés, usado polas institucións, a televisión pública e o ensino. A lingua coloquial de moita xente é o llanito, mestura de español, inglés e outras linguas.
-Andorra é o único estado que ten como idioma oficial o catalán, tamén se fala moito o castelán e o francés.
-O idioma oficial de Portugal é o portugués, por número de falantes nativos é a sexta lingua máis falada do mundo. Para os lusistas é a mesma lingua que o galego, para os non lusistas é unha lingua irmá. É lingua oficial en Brasil e outros estados africanos. Desde 1999 tamén está recoñecido en Portugal o mirandés, usado por uns 15.000 falantes.
-A lingua oficial do Estado español é o castelán ou español, a cuarta lingua máis falada no mundo, oficial en moitos estados americanos. É a lingua oficial única en moitas comunidades autónomas e cooficial noutras.
2. Linguas cooficiais.
-O catalán é a lingua oficial duns dez millóns de persoas en Cataluña, Illas Baleares e, segundo algúns, na Comunidade de Valencia.
-O valenciano é lingua oficial na Comunidade Valenciana. Existe unha controversia entre os que consideran o valenciano como unha variedade do catalán e os que o consideran unha lingua diferente.
-O aranés é unha lingua occitana usada por varios miles de persoas no Val de Arán pero considerada cooficial en toda Cataluña.
-O éuscaro é a lingua oficial no País Vasco e unha parte de Navarra (Euskal Herria). Non é unha lingua románica.
-O galego é a lingua oficial en Galicia. Fálase tamén no occidente de Asturias, no Bierzo, e en Seabra.
Non teñen consideración de oficiais o asturiano ou bable, o aragonés e a fala de Estremadura ou galego do Val do Ellas.
O plurilingüismo non é unha eiva que impide a comunicación entre os falantes ibéricos, máis ben é unha riqueza, serve de vehículo da expresión cultural das comunidades. Os diferentes idiomas axudan á preservación do legado histórico e teñen un grande valor inmaterial e patrimonial. A música, as artes plásticas, a literatura, o baile, as artes escénicas son máis completas na Península grazas ás diferentes linguas nas que se expresan.
As constitucións dos Estados regulan o uso das linguas peninsulares. No caso de España o artigo 3 da Constitución di que "O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos". Polo que a lexislación tamén protexe a pluralidade lingüística.
Conclusión: a variedade de linguas fai máis grande a Península Ibérica.
|
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |