![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
Audio-texto
A lingua estándar
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento. Mais hoxe xa contamos cun estándar consolidado que é indispensabél para o seu uso nos medios de comunicacion, no ensino, na Internet. O noso estándar agora está gobernado pola Real Academia Galega, a máxima autoridade sobre a lingua.
Tamén hai un importante movemento lusista: a variedade estándar do galego debe ser o portugués ou moi achegada a el porque nos permite entendernos cos moitos millóns de persoas da lusofonía (falantes de portugués). A súa institución máis importante é a Academia Galega da Língua Portuguesa.
Para que a lingua goce dunha normalización plena (uso normal en todos os aspectos e situacións) cómpre que dispoña dunha variante estándar consolidada, apoiada en gramáticas, dicionarios e métodos de aprendizaxe. Na actualidade as ferramentas informáticas serven de grande apoio grazas aos dicionarios e correctores ortográficos (tamén en liña e de balde).
Os sociolectos
Un sociolecto é unha variedade lingüística empregada por persoas do mesmo grupo social. Difire doutras formas de fala porque reflicte factores como a clase social, o nivel educativo, a idade, a profesión ou mesmo as actividades culturais daqueles que a empregan. O vocabulario, a pronuncia ou a fraseoloxía poden cambiar segundo o grupo social ao que pertencemos.
En galego teñen tradición algunhas xergas ou argots, linguaxes faladas propias de determinados oficios tradicionais. Normalmente teñen un carácter esotérico (só son coñecidas polos membros do oficio), utilízanse para se diferenciar e afirmar como grupo así como para evitar ser comprendido polos demais. Aprendíase o oficio o mesmo que se aprendía a xerga. Exemplos:
-O barallete: fala dos afiadores e paraugueiros.
-O verbo dos arxinas: fala dos canteiros.
-O latín dos chafoutas: fala dos albaneis.
Rexistros de lingua
Os rexistros lingüísticos son os diferentes niveis da lingua, os distintos xeitos de usar a lingua por parte dos e das falantes. Teñen que ver coa clase social, o nivel cultural, a situación concreta, as persoas a quen vai dirixida a comunicación. Por exemplo, un médico non fala o mesmo dunha doenza cando está coa familia que cando está nunha reunión de traballo, o mesmo lle pode pasar a un informático ou un enxeñeiro de telecomunicacións. Un alumno de 2.º Bach. non fala igual cando está cos compañeiros agardando a entrar na aula ou cando está na titoría cun profesor ou profesora. En xeral podemos falar dun texto culto, estándar, coloquial, vulgar e argot.
-Culto ou formal: gramática perfecta, uso correcto do vocabulario. Esixe un coñecemento fondo da lingua e un dominio dos seus recursos. Un exemplo pode ser unha palestra escrita.
-Estándar ou común: o máis habitual e corrente en situacións nas que non descoidamos a lingua. Exemplo, a lingua dos medios de comunicación nos informativos etc.
-Coloquial: o máis habitual no día a día, lingua oral, espontánea, expresiva e sen preocuparse de se é correcto ou non. Moi usada con familiares e coñecidos.
-Vulgar: con moitos vulgarismos, incorreccións lingüísticas, ás veces asociada á falta de formación lingüística dos falantes.
-Argot ou xerga: falas profesionais, linguaxes específicas de determinadas profesións que a maioría da xente non entende pero non son esotéricas, ocultas. Moita da terminoloxía usada polos médicos ou os xuristas nos seus documentos pode servir de exemplo.
Hai unha morea de tipos de textos falados e escritos: texto falado espontáneo, conferencia, homilía, conversa familiar, discusión científica, discusión espontánea, carta familiar, carta oficial, receita de cociña. Ademais dos textos escritos nas redes: email, entradas nas redes sociais etc.
Se temos que analizar un texto das PAU podemos atopar un texto científico, divulgativo, informativo, descritivo, expositivo, argumentativo, lírico, dramático, narrativo... E mesmo textos que se poden encadrar en dous ou máis apartados, como un texto expositivo-argumentativo.
Tipoloxía textual para analizar:
-Texto descritivo: pretende proporcionar información sobre o que unha persoa, obxecto ou fenómeno é, foi ou será (descrición obxectiva), ás veces con impresións ou opinións persoais (descrición subxectiva). É como unha imaxe feita con palabras. Pode ser a descrición do tempo, de lugares e paisaxes, dunha persoa (física ou moral) etc.
-Texto narrativo: representa unha sucesión de accións no tempo. Neste tempo dáse un cambio ou transformación desde unha situación de saída a un novo estado final.
-Texto expositivo: preséntanse de xeito neutral e obxectivo determinados feitos ou realidades. Non se intenta convencer, como no texto argumentativo, só informar e ensinar. Poden ser divulgativos (dirixidos a un público amplo e xeral) ou especializados (dirixidos a un público concreto e específico).
-Texto argumentativo: preséntanse razóns a favor ou en contra dunha determinada posición ou tese co obxectivo de convencer o lector mediante diferentes argumentos. Poden ter estrutura "causa-consecuencia" (analizan as causas dun feito ou as consecuencias que se derivan del) ou "problema-solución" (achéganse solucións a feitos ou situacións adversas en ensaios, artigos de opinión...).

Foto: Xosé Ballesteros e Manuela Rodríguez de Kalandraka, amigos de ogalego.gal
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |