|
Lingua Galega e Literatura. 2.º Bach. PAU
Exames de 2026
O exame consta de 4 preguntas obrigatorias. Todas as preguntas, agás a primeira, teñen posibilidade de elección entre apartados. A cualificación das preguntas consigna unha puntuación específica para a adecuación, coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica das respostas e a observación da extensión recomendada dos textos.
TEXTO
...A terrible DINA (Depresión illada en niveis altos) que atravesou Valencia coma un raio na tempestade, con todas as súas mortíferas consecuencias, non foi unha catástrofe natural por máis que o repitamos. (...) Non é culpa da natureza: é, indiscutiblemente, de orixe humana.
...Xa hai días que renxe a expresión de “catástrofe natural”, coma quen bota balóns fóra, coma se o feito de que o Mediterráneo estivese a 30°C no verán fose o normal e non teña que ver con nós. (...)
...Hai moitos anos que a ciencia nos alerta de que este estilo de vida e de consumo no que estamos inmersos é un imposible. Antes de doar para as consecuencias desta DINA sen nome, habería que pensar na lóxica de caer na tolemia do Black Friday ou de comprar, por exemplo, uns calcetíns nunha web chinesa para que nolos traian á nosa casa a máis de 10.000 quilómetros. (...)
...É unha cegueira que mata e que o vai seguir facendo porque, sabendo o que hai que facer, seguimos correndo desnortados cara ao abismo. (...)
...Agocharse trala palabra “natural” non vale. Non hai nada máis antinatural que ir en contra da natureza.
Rosa M. Tristán, “As catástrofes climáticas do século XXI, de ‘naturais’ nada”, Luzes, nº 134, novembro
PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (3,25+0,75=4 puntos).
Lea atentamente o texto anterior e responda estes tres apartados:
1.1. Realice un resumo do texto destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,25 puntos).
1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 50 palabras. (1 punto).
1.3. Explique o significado dos seguintes termos resaltados en letra grosa no texto. (Non serán válidas as respostas que unicamente indiquen sinónimos): mortíferas, renxe, inmersos, desnortados, abismo. (1 punto).
PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (1,25+0,25=1,5 puntos).
Responda un dos dous apartados seguintes:
2.1. Determine a que clase de palabra pertencen os seguintes termos que aparecen subliñados no texto. Localice, para cada caso, outras dúas palabras da mesma categoría gramatical e indique a liña na que se atopan: con, xa, estilo, chinesa, vale. (1,25 puntos).
2.2. Indique a función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración estas cinco unidades que figuran en cursiva no texto. Localice, para cada caso, outras dúas unidades que desempeñen a mesma función sintáctica nas súas cláusulas ou oracións e sinale a liña na que se atopan: a expresión de “catástrofe natural”; bota; un imposible; uns calcetíns; á nosa casa. (1,25 puntos).
PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (1,25+0,25=1,5 puntos).
Responda un dos dous apartados seguintes:
3.1. Redacte un texto de opinión centrado na importancia do galego como lingua propia e no necesario rexeitamento dos prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 150 palabras. (1,25 puntos).
3.2. Redacte un texto de opinión centrado na importancia dos sociolectos ou variedades sociais nas linguas, en xeral, e no galego, en particular. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 150 palabras. (1,25 puntos)
PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2,25+0,75=3 puntos). Realice só un destes dous comentarios:
4.1. Este texto de Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) pertence ao libro Lar (1973). Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa narrativa do seu tempo. Indique o tema central do relato, describa a caracterización que nel se fai da figura do galo e explique a estrutura da narración. Xustifique as respostas axudándose de exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
O galo
...Escoitar outra vez o galo na amañecida é como sentir as cousas no seu lugar: quentura na lareira, fume nas chemineas, asento de homes e mulleres no porral onde naceron. Nenos camiño da escola. Mozas cantando na fonte e nos prados. Foliadas. Magostos. Días de entroido con “vivas” e freques e axóuxeres. Leiras traballadas. Rumbosos palleiros con bonecos e tarabelas no curuto. Mocidade leda. Rapaces batuxando no río...
...O galo canta. O seu cornetín é o mesmo de hai cen, mil, tres mil anos. Chove, ou neva, ou vai axexar o sol. Hai febreiros e agostos como sempre. Medran as árbores. Corren as augas. Garulan os paxaros.
...Mais, non. O galo non o di todo. Hai casas baldeiras. Camiños baldeiros. Terras baldeiras. Moita xente amañece cada día ben lonxe dese canto. Foise do lugar, xustamente porque todo seguía no mesmo lugar, na mesma fochanca. País-maleta, país-croio, país-andoriña. Vida en desacougo. Morte esfrangullada. ¿Cantos papeis teremos de queimar, canto sangue terá de ferver, cantos amenceres han de xurdir para lle dar sentido ó cantío do galo?
Xosé Neira Vilas, Lar (1973)
4.2. Este poema de Luisa Castro (Foz, 1966) pertence ao libro Baleas e baleas (1988). Relacione o texto, brevemente, coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto, describa o tipo de emisor (voz lírica) e comente tres figuras retóricas presentes nel. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Anque se rían dos versos que che escribo
e que deixo agochados entre as mantas do catre
pedaleo
e Vegadeo é de lonxe unha caixa de mistos,
levo alas nas rodas,
vou na llanta,
recoñezo a paisaxe e teño alma porque fago amizades
cunha recua de cans de varios pobos e diversa índole
.....Ládranme porque te amo
.....tíranseme ós zapatos coma fanecas salvaxes
Luisa Castro, Baleas e baleas (1988)
XUÑO 2026
CONVOCATORIA ORDINARIA
CRITERIOS DE CORRECCIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II
(Cód. 02)
Pregunta 1 (4 puntos)
1.1 (1,25 puntos)
Resumo do contido do texto destacando as súas ideas principais:
A catastrófica DINA (Depresión illada en niveis altos) de Valencia evidenciou un grave problema: o ser humano, co seu proceder consumista e antiecolóxico, está a mudar drasticamente o clima planetario con devastadoras consecuencias. Así, por exemplo, fixo que a temperatura do Mediterráneo alcanzase os 30° no verán. Polo mesmo, escudarse na etiqueta “catástrofe natural” non nos exime da nosa responsabilidade. (60 palabras). Cualificación máxima: 1
Evitar na redacción a paráfrase excesiva do texto e o abuso da reiteración textual das súas secuencias.
Cualificación máxima: 0,25
1.2. (1 punto)
Indicar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito e xustificar a adscrición á tipoloxía textual servíndose de, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto:
Trátase dun texto expositivo-argumentativo. Mostra disto é o emprego dunha modalidade enunciativa (“A terrible DINA (...) non foi...”; “Hai moitos anos que...”), unha terminoloxía específica (DINA, catástrofe natural), argumentos causa-efecto (“Antes de doar (...) habería que pensar...”; “É unha cegueira que mata...”) ou substantivos abstractos (“imposible”, “tolemia”, “abismo”), entre outros. (50 palabras)
Cualificación máxima: 1
1.3. (1 punto)
Explicar o significado dos termos resaltados en letra grosa no texto (0.2 puntos por cada termo ben definido; se está mal formulado ―é cando..., é que...― restarase 0.05). Observación: non serán válidas as respostas que unicamente indiquen sinónimos:
―Mortíferas: Que causan a morte ou que poden levar a ela.
―Renxe (figurado): Que resulta oposto ou contrario a outra cousa. ―Inmersos: Que están somerxidos, entregados por completo. ―Desnortados: Que perderon o norte, sen rumbo, desorientados.
―Abismo: Lugar moi profundo e insondable, caída no nada.
Cualificación máxima: 1
(0,75 puntos)
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Cualificación máxima: 0,75
PREGUNTA 2 (1,5 puntos)
2.1. (1,25 puntos)
Determinar a que clase de palabra pertencen os seguintes termos subliñados no texto (0,15 puntos por cada adscrición correcta):
―Con: preposición.
―Xa: adverbio.
―Estilo: substantivo.
―Chinesa: adxectivo.
―Vale: verbo.
Localizar dúas palabras da mesma categoría para cada un dos termos polos que se interroga (0,05 puntos por cada palabra da mesma categoría sinalada correctamente):
―Con: en (liña 1), por (liña 2), de (liña 3), para (liña 8)...
―Xa: non (liña 2), indiscutiblemente (liña 3), fóra (liña 4), antes (liña 7)...
―Estilo: depresión (liña 1), niveis (liña 1), Valencia (liña 1), raio (liña 1)...
―Chinesa: terrible (liña 1), illada (liña 1), altos (liña 1), mortíferas (liña 2)...
―Vale: atravesou (liña 1), foi (liña 2), repitamos (liña 2), é (liña 3)...
Cualificación máxima: 1,25
2.2. (1,25 puntos)
Indicar a función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración as cinco unidades que figuran en cursiva no texto (0,15 por cada adscrición correcta):
―A expresión de “catástrofe natural”: suxeito.
―Bota: verbo, núcleo do predicado.
―Un imposible: atributo.
―Uns calcetíns: complemento ou obxecto directo.
―Á nosa casa: complemento circunstancial.
Localizar dúas unidades que desempeñen a mesma función sintáctica nas súas cláusulas ou oracións (0,05 puntos por cada exemplo sinalado correctamente):
―Suxeitos como «a expresión de “catástrofe natural”»: A terrible DINA... (liña 1), o feito de que o Mediterráneo estivese a 30° no verán (liñas 4-5), a ciencia (liña 6)...
―Verbos, núcleos do predicado como «bota»: atravesou (liña 1), foi (liña 2), repitamos (liña 2), é (liña 3)...
―Atributos como «un imposible»: unha “catástrofe natural” (liña 2), culpa da natureza (liña 2), o normal (liña 5)...
―Complementos ou obxectos directos como «uns calcetíns»: Valencia (liña 1), balóns (liña 4), o que hai que facer (liña 10)...
―Complementos circunstancias como «Á nosa casa»: na tempestade (liña 1), fóra (liña 4), no verán (liña 5)...
Cualificación máxima: 1,25
Para 2.1 ou 2.2: 0,25 puntos
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.
Cualificación máxima: 0,25
PREGUNTA 3 (1,5 puntos)
3.1. (1,25 puntos)
Redactar un texto de opinión centrado na importancia do galego como lingua propia e no necesario rexeitamento dos prexuízos e estereotipos lingüísticos que impiden a súa positiva consideración:
―Breve introdución: valor dos idiomas como vehículo cultural diferencial das comunidades e necesario respecto por estes.
―Corpo de argumentación: importancia do galego como realidade histórica e como idioma propio herdado. Consideración legal como lingua cooficial na nosa comunidade autónoma. Rexeitamento de calquera prexuízo ou estereotipo que pexe o galego, especialmente aqueles que alimentan a situación diglósica deste respecto do castelán.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa do galego como idioma propio libre de prexuízos e estereotipos lingüísticos.
Cualificación máxima: 1
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.
Cualificación máxima: 0,25
3.2. (1,25 puntos)
Redactar un texto de opinión centrado na importancia dos sociolectos ou variedades sociais nas linguas, en xeral, e no galego, en particular.
―Breve introdución: presentación das linguas como vehículos de comunicación conformados por múltiples variedades (diatópicas, diacrónicas, diastráticas, diafásicas).
―Corpo de argumentación: constatación da existencia de sociolectos ou variedades sociais, comúns para o galego e outros idiomas (por exemplo: linguaxes profesionais ou tecnolectos, linguaxes urbanas...) ou específicas (por exemplo: o barallete, o verbo dos arxinas...).
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da necesidade dos sociolectos ou variedades sociais e da súa funcionalidade.
Cualificación máxima: 1
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.
Cualificación máxima: 0,25
Para 3.1 ou 3.2: 0,25 puntos
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Cualificación máxima: 0,25
PREGUNTA 4 (3 puntos)
4.1. 2,25 puntos
Relacionar o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa narrativa do seu tempo:
Este é un texto de Xosé Neira Vilas, autor fundamental na recuperación da narrativa galega de Posguerra, responsable dunha ampla obra na que está moi presente a descrición da vida do noso rural, a emigración e a infancia en textos como Memorias dun neno labrego (1961), Xente no rodicio (1965) ou Remuíño de sombras (1973). (55 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Indicar o tema central do relato:
Descrición do mundo rural e da lacra da emigración que tanto o ten golpeado. Fica plasmado na presentación de fogares, xentes, camiños, festas e climatoloxía. (25 palabras)
Cualificación máxima: 0,75
Describir a caracterización da figura do galo:
É presentado como unha testemuña simbólica de todo o que acontece no noso rural. A secuencia final identifica o galo e o seu canto coa nosa terra, que precisa frear a sangría da emigración para ser en plenitude. (38 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Explicar a estrutura da narración:
O texto presenta tres partes ben diferenciadas que se corresponden con cadanseu parágrafo: 1) Primeira parte (primeiro parágrafo): Descrición da realidade rural galega. 2) Segunda parte (parágrafo central): Afirmación da permanencia secular da nosa terra e do seu simbólico galo cantareiro no fluír dos ciclos naturais. 3) Terceira parte (derradeiro parágrafo): Denuncia da lacra da emigración e das moitas penurias que esta supón (“morte esfrangullada”), que engade na secuencia final unha exclamación a xeito de deprecación ou súplica polo remate desta situación. (82 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
TOTAL PALABRAS: 200
4.2. 2,25 puntos
Relacionar o poema, brevemente, coa poesía do seu tempo:
Este poema de Luísa Castro amosa algunhas das características principais da renovación estética e temática da poesía galega dos anos 80, como a poematización da vida cotiá, o profundar intimista ou a procura dunha expresión que combina imaxes neosurrealistas con rexistros coloquiais. (42 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Indicar o tema central do poema:
Amor intenso e exultante, para o que non hai obstáculo nin distancia. O poema transparenta esta paixón afirmándose nos afectos (a voz lírica escribe versos á persoa amada), aínda que poidan resultar irrisorios para algúns, aínda que a distancia dos amantes sexa importante (Vegadeo ao lonxe, cara ao que pedalea “na llanta”), mesmo aínda que haxa recuas de cans ladradores e adoecidos como “fanecas bravas” que tenten impedir a unión dos amantes.
Cualificación máxima: 0,75
Describir o tipo de emisor:
Este poema presenta un emisor individual, de visión uniforme (pois a súa percepción non varía ao longo do texto) e (co)protagónica (xa que os sentimentos que expresa proxectan o seu propio eu namorado), que se manifesta en primeira persoa e se dirixe a un ti ausente que é a súa persoa amada, ao encontro da cal vai. (57 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Comentar tres figuras retóricas presentes no poema:
―Metáforas (Vegadeo como “caixa de mistos”; “alas nas rodas”).
―Símiles (“tíranseme ós zapatos como fanecas salvaxes”).
―Hipérbatos (“Anque (...) pedaleo”).
―Paralelismos (“levo (...)/ vou (...)”; “Ládranme (...)/ tíranseme (...)”).
(29 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
TOTAL PALABRAS: 200
Para 4.1 ou 4.2: 0,75 puntos
Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Cualificación máxima: 0,75
NOTA
Consonte o disposto no apartado décimo do artigo 13 do Real Decreto 534/2004 sobre cualificación da probas PAU no que se refire á corrección relativa á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, a puntuación que se outorgará será do 20% do total do exame, acordo ratificado pola CRUE.
No Decreto 157/2022 aparece como obxectivo 5 para a materia de “Lingua Galega e Literatura II” o seguinte “Producir textos escritos e multimodais coherentes, cohesionados, adecuados e correctos, con especial atención aos xéneros discursivos do ámbito académico, para construír coñecemento e responder adecuadamente. informado, eficaz e creativo ante demandas comunicativas concretas”, polo que en cada pregunta este obxectivo terá unha cualificación específica.
De acordo co anterior, aplicaranse os seguintes criterios de corrección:
1. Faltas de cohesión, coherencia e adecuación (ata un máximo do 40% da cualificación reservada a este efecto)
Penalizarase o emprego inadecuado da puntuación ou das marcas gráficas (falla de guións, parénteses etc.), a falta de coherencia gramatical ou adecuación léxica, os anacolutos, o uso indebido ou inexistente de conectores textuais ou as reiteracións.
2. Faltas de corrección gramatical, léxicas ou ortográficas (ata un máximo do 40% da cualificación reservada a este efecto)
Faltas graves (0,1 puntos por falta). Faltas leves (0,05 puntos por falta). Faltas no emprego das normas de acentuación xeral (0,025 puntos por cada dúas faltas).
3. Desvío notorio na extensión recomendada (ata un máximo do 20% da cualificación reservada a este efecto)
Se na resposta a unha pregunta o texto producido supón un número total de palabras superior ou inferior nun 10% ao recomendado poderá detraerse ata un máximo dun 20% da cualificación reservada a este efecto.
Observacións
Cando nunha pregunta se cometa unha única incorrección, de calquera natureza, esta non penalizará. A partir da segunda falta de cada pregunta aplicarase o desconto na puntuación, pero se unha mesma falta se repite en varias ocasións só se contabilizará o desconto unha vez nesa pregunta.
En ningún caso o desconto por erros pode ser maior ao estipulado para cada apartado (un total dun 40% por faltas de cohesión, coherencia e adecuación, un 40% por faltas de corrección gramatical, léxicas ou ortográficas e un 20% por desvíos notorios na extensión recomendada).
Extraordinaria 2026 (xullo)
O exame consta de 4 preguntas obrigatorias. Todas as preguntas, agás a primeira, teñen posibilidade de elección entre apartados. A cualificación das preguntas consigna unha puntuación específica para a adecuación, coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica das respostas e a observación da extensión recomendada dos textos.
TEXTO
.O galego, como moitas outras linguas minorizadas, enfróntase a un reto fundamental: a súa presenza nos espazos tecnolóxicos. Porque, na sociedade actual, aquilo que non está en Internet, non existe. Se o galego non está nos buscadores, nos asistentes de voz, nas aplicacións móbiles, nos videoxogos ou nas plataformas de formación, corre o risco de quedar fóra do presente... e, por extensión, do futuro.
Neste senso, a tecnoloxía pode ser unha poderosa aliada. A intelixencia artificial, o procesamento da linguaxe natural, os sistemas de recoñecemento de voz e tradución automática ou os algoritmos de recomendación ofrecen enormes posibilidades para a normalización do galego. Pero tamén esixen acción, compromiso e recursos. A presenza da nosa lingua nas novas ferramentas dixitais non será froito do azar, senón do traballo coordinado entre administracións, universidades, sector tecnolóxico e sociedade civil.
Non se trata de idealizar a Internet nin de negar os seus riscos. A desinformación, a homoxeneización cultural ou a dependencia de grandes plataformas son perigos reais. Pero tamén é certo que nunca antes tivemos tantas ferramentas ao noso alcance para crear, compartir, ensinar e vivir en galego. O reto é saber aproveitalas, con visión estratéxica e con orgullo do que somos.
Fernando Suárez, “Internet e lingua galega: unha alianza de futuro”, Código Cero, nº 262, maio-xuño de 2025
PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (3,25+0,75=4 puntos).
Lea atentamente o texto anterior e responda estes tres apartados:
1.1. Realice un resumo do texto destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1,25 puntos).
1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 50 palabras. (1 punto).
1.3. Explique o significado dos seguintes termos resaltados en letra grosa no texto. (Non serán válidas as respostas que unicamente indiquen sinónimos): procesamento, algoritmos, idealizar, desinformación, homoxeneización. (1 punto).
PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (1,25+0,25=1,5 puntos).
Responda un dos dous apartados seguintes:
2.1. Indique se a vogal tónica das seguintes palabras, destacadas en letra cursiva no texto, é unha vogal media semiaberta ou semipechada: galego, reto, fóra, poderosa, somos. (1,25 puntos).
2.2. Determine a que clase de palabra pertencen os seguintes termos subliñados no texto. Localice, para cada caso, outras dúas palabras da mesma categoría gramatical e indique a liña na que se atopan: porque, enormes, para, nosa, tamén. (1,25 puntos).
PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (1,25+0,25=1,5 puntos).
Responda un dos dous apartados seguintes:
3.1. A partir do escrito de Fernando Suárez, redacte un texto de opinión centrado na importancia dos medios de comunicación e das redes sociais no proceso de normalización lingüística do galego. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 150 palabras. (1,25 puntos).
3.2. Redacte un texto de opinión centrado na riqueza cultural, social, histórica e patrimonial que supón a diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 150 palabras. (1,25 puntos)
PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2,25+0,75=3 puntos).
Realice só un destes dous comentarios:
4.1. Este relato de Rafael Dieste (Rianxo, 1899-Santiago de Compostela, 1981) forma parte do libro Dos arquivos do trasno (1926). Relacione o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa narrativa do seu tempo. Indique o tema central do relato, describa que tipo de narrador presenta e explique a súa estrutura. Xustifique as respostas axudándose de exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 200 palabras. . (2,25 puntos).
Sobre da morte de Bieito
Foi preto do camposanto cando eu sentín boligar dentro da caixa ó pobre Bieito. (Dos catro levadores do cadaleito eu era un). ¿Sentino ou foi aprensión miña? Entonces non podería aseguralo. ¡Foi un rebulir tan maino!... Como a teimosa pavulla que rila, rila na noite, rila de entón no meu maxín afervoado aquel mainiño rebulir.
Pero é que eu, meus amigos, non tiña seguranza, e polo tanto —comprendede, escoitade— non podía, non debía dicir nada. (...)
Cando o primeiro cadullo de terra, bicado por un neno, petou dentro da cova nas táboas do ataúde, rubíronme ata a gorxa as verbas salvadoras... Estiveron a punto de xurdiren. Mais entonces acudiu novamente ó meu maxín a case seguranza do arrepiante ridículo, da rabia da familia defraudada, se o Bieito se atopaba morto e ben morto. (...)
Todo o día, meus amigos, andei tolo de remorsos. Vía ó pobre Bieito grafiñando as táboas nese espanto absoluto, máis alá de todo consolo e de toda conformidade, dos enterrados en vida. (...)
E alá pola alta noite —non o puiden evitar— funme camiño do camposanto, coa solapa subida, ó arrimo dos muros.
Cheguei. (...)
Deiteime no chan, apliquei a orella, e axiña o que oín xioume o sangue. No seo da terra as unllas desesperadas rabuñaban as táboas. ¿Rabuñaban? Non sei, non sei. Alí preto había un sacho... Ía xa cara a el cando fiquei suspenso. Polo camiño que pasa a rentes do camposanto sentíanse pasadas e rumor de fala. Viña xente. Entonces si que sería absurda, tola, a miña presencia alí, daquelas horas e cun sacho na man.
¿Ía dicir que o deixara enterrar sabendo que estaba vivo?
E fuxín coa solapa subida, pegándome ós muros. A lúa era chea e os cans latricaban lonxe.
Rafael Dieste, “Sobre da morte de Bieito”, Dos arquivos do trasno (1926)
4.2. Este poema de Marica Campo (O Inicio, 1948), escrito en xullo de 2001, pertence á obra Mulleres (2002). Relacione o texto, brevemente, coa poesía do seu tempo. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto, sinale o tipo do composición lírica ao que pertence describindo as súas características métricas e comente tres figuras retóricas presentes nel. Extensión aproximada: 200 palabras. (2,25 puntos).
Como ovellas que van ao matadeiro
camiñades a serdes lapidadas
en reas, silenciosas e humilladas,
baixo a mirada atenta do carneiro.
Que o voso sangue sexa o derradeiro
a mollar esas terras magoadas
polo integrismo cruel, polas brigadas
dunha fe que vos nega todo abeiro.
¡Maldita sexa a man que tira a pedra!
¡Maldito na semente e no futuro
o nome dos que erguen ese muro
sobre peitos que alentan! ¡Sexa a hedra
nai piadosa a cubrilas, nai que medra
a reclamar a vida en berro puro!
Marica Campo, Mulleres (2002)
XULLO 2026
CONVOCATORIA EXTRORDINARIA
CRITERIOS DE CORRECCIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II
(Cód. 02)
Pregunta 1 (4 puntos)
1.1 (1,25 puntos)
Resumo do contido do texto destacando as súas ideas principais:
A presenza do galego nos espazos tecnolóxicos é un reto. As ferramentas dixitais ofrecen un enorme potencial para a normalización da lingua, mais este avance non pode depender do voluntarismo, senón que precisa do apoio das administracións, universidades, empresas e sociedade. Internet ten os seus riscos, pero é tamén unha oportunidade para vivir en galego orgullosos de estar e ser. (60 palabras)
Cualificación máxima: 1
Evitar na redacción a paráfrase excesiva do texto e o abuso da reiteración textual das súas secuencias.
Cualificación máxima: 0,25
1.2. (1 punto)
Indicar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito e xustificar a adscrición á tipoloxía textual servíndose de, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto:
Trátase dun texto expositivo-argumentativo. Mostra disto é o emprego dunha modalidade enunciativa (“O galego (...) enfróntase a un reto fundamental”), unha terminoloxía específica (“linguas minorizadas”, “algoritmos”, “homoxeneización cultural”), argumentos causa-efecto (“Aquilo que non está en internet, non existe”), substantivos abstractos (“azar”, “orgullo”) ou emprego de conectivos (“por extensión”, “neste senso”). (50 palabras)
Cualificación máxima: 1
1.3. (1 punto)
Explicar o significado dos termos resaltados en letra grosa no texto. Observación: non serán válidas as respostas que unicamente indiquen sinónimos:
―Procesamento: Acción e efecto de procesar. Neste caso, a linguaxe natural a través de tratamento informático.
―Algoritmos: Conxunto de regras que permiten resolver un problema mediante un número finito de operacións. Neste contexto, motor preditivo que analiza informaticamente datos para ofrecer contidos personalizados.
―Idealizar: Dar carácter ideal a algo ou alguén. Considerar que algo ou alguén reúne as mellores calidades posibles ou que é máis apropiado para algo.
―Desinformación: Difusión intencionada e deliberada de información falsa, enganosa ou descontextualizada co fin de manipular, confundir ou influír en crenzas e opinións do público.
―Homoxeneización: Acción e efecto de homoxeneizar. No texto, uniformización cultural producida pola perda de trazos identitarios como resultado dun proceso de globalización tecnolóxica.
Cualificación máxima: 1
(0,75 puntos)
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Cualificación máxima: 0,75
PREGUNTA 2 (1,5 puntos)
2.1. (1,25 puntos)
Indicar se a vogal tónica das seguintes palabras, destacadas en letra cursiva no texto, é unha vogal media semiaberta ou semipechada (0,25 puntos por cada adscrición correcta):
―Galego: semipechada.
―Reto: semiaberta.
―Fóra: semiaberta.
―Poderosa: semipechada.
―Somos: semipechada
Cualificación máxima: 1,25
2.2. (1,25 puntos)
Determinar a que clase de palabra pertencen os seguintes termos subliñados no texto (0,15 puntos por cada adscrición correcta):
―Porque: conxunción.
―Enormes: adxectivo.
―Para: preposición.
―Nosa: (determinante) posesivo.
―Tamén: adverbio.
Localizar dúas palabras da mesma categoría para cada un dos termos polos que se interroga (0,05 puntos por cada palabra da mesma categoría sinalada correctamente):
―Porque: se (liña 2), ou (liña 3), e (liña 4), pero (liña 7), senón (liña 9)... ―Enormes: minorizadas (liña 1), fundamental (liña 1), tecnolóxicos (liña 2), actual (liña 2)...
―Para: a (liña 1), en (liña 2), de (liña 3)...
―Nosa: súa (liña 1), seus (liña 10), noso (liña 12)...
―Tamén: non (liña 2), fóra (liña 4), nunca (liña 11), antes (liña 11)...
Cualificación máxima: 1,25
Para 2.1 ou 2.2: 0,25 puntos
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical) e servíndose dun léxico adecuado e preciso.
Cualificación máxima: 0,25
PREGUNTA 3 (1,5 puntos, lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)
3.1. (1,25 puntos)
Redactar, a partir do escrito de Fernando Suárez, un texto de opinión centrado na importancia dos medios de comunicación e das redes sociais no proceso de normalización lingüística do galego:
―Breve introdución: constatación dos medios de comunicación e as redes sociais como espazos esenciais para progresar na normalización lingüística.
―Corpo de argumentación: os medios de comunicación e as redes sociais como espazos nos que cuestionar e refutar prexuízos e estereotipos lingüísticos; perigos ante os prexuízos que se difunden nos medios e redes; respecto e valoración das variedades de lingua que conviven nestes espazos; importancia da presenza do galego nestes espazos como fomento dun plurilingüismo activo e integrador.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da importancia dos medios de comunicación e as redes sociais nos procesos de normalización lingüística
Cualificación máxima: 1
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.
Cualificación máxima: 0,25
3.2. (1,25 puntos)
Redactar un texto de opinión centrado na riqueza cultural, social, histórica e patrimonial que supón a diversidade de idiomas existentes na Península Ibérica:
―Breve introdución: constatación da realidade plurilingüe da Península Ibérica e indicación dos idiomas nela existentes.
―Corpo de argumentación: riqueza do plurilingüísimo como vehículo de expresión cultural; necesaria preservación do legado histórico que os idiomas supoñen; valor patrimonial e inmaterial representado polas linguas propias; cumprimento das lexislacións estatais e autonómicas que referendan a convivencia e diversidade lingüísticas.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da diversidade lingüística na Península Ibérica.
Cualificación máxima: 1
Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.
Cualificación máxima: 0,25
Para 3.1 ou 3.2: 0,25 puntos
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Cualificación máxima: 0,25
PREGUNTA 4 (3 puntos, lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)
4.1. 2,25 puntos
Relacionar o texto, brevemente, co conxunto da escrita do autor e coa narrativa do seu tempo:
Este é un texto de Rafael Dieste, escritor que modernizou a narrativa de Preguerra cos contos recollidos en Dos arquivos do trasno (1926), onde alternan elementos reais e fantásticos en historias nas que predomina o misterioso e o insólito, a relación co Alén ou a escrita simbólica e futurista.
Dieste tamén é autor dunha peza renovadora do teatro galego: A fiestra valdeira (1927).
(63 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Indicar o tema central do relato:
Obsesión do portador dun féretro ante a dúbida de ter axudado a soterrar unha persoa viva (“¿Sentino ou foi aprensión miña?”).
(21 palabras)
Cualificación máxima: 0,75
Describir o tipo de narrador do relato:
Trátase dun narrador protagonista, que relata os feitos en primeira persoa e se dirixe a un auditorio de “amigos” que escoita a historia (“Comprendede, escoitade”).
(25 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Explicar a estrutura da narración:
O texto presenta tres partes:
1) Primeira (parágrafos 1-3): O narrador protagonista cre sentir como o morto Bieito buliga no cadaleito, pero cala por temor a equivocarse (“Non podería aseguralo”).
2) Segunda (parágrafos 4-5): O narrador obsesiónase pensando que talvez enterrou vivo a Bieito e decide saír de dúbidas acudindo de noite ao camposanto (“Andei tolo de remorsos”).
3) Terceira (parágrafos 6-8): No cemiterio, o narrador volve ter a sensación de oír a Bieito rabuñar no cadaleito, pero sente chegar xente e foxe para evitar preguntas incómodas (“Fuxín coa solapa subida”).
(91 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
TOTAL PALABRAS: 200
4.2. 2,25 puntos
Relacionar o poema, brevemente, coa poesía do seu tempo:
Este texto de Marica Campo é representativo dunha das liñas temáticas máis cultivadas na poesía galega dos anos 90 e dous mil: a escrita reivindicativa e feminista, que tamén teñen cultivado outras poetas deste tempo como Olga Novo, Yolanda Castaño ou Lupe Gómez, entre outras.
(45 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Indicar o tema central do poema:
Denuncia e condena explícita do maltrato á muller (en Oriente Próximo) por parte do patriarcado misóxino que remata con elas lapidándoas. (“Que o voso sangue sexa o derradeiro/ a mollar esas terras magoadas/ polo integrismo cruel...”; “¡Maldita sexa a man que tira a pedra!”).
(44 palabras)
Cualificación máxima: 0,75
Sinalar o tipo de composición lírica ao que pertence describindo as súas características métricas:
Este poema é un soneto e, como tal, está composto por dous cuartetos ou serventesios e mais dous tercetos de versos hendecasílabos de rima consonante. O esquema rimático é: ABBA ABBA CDD CDD
(33 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
Comentar tres figuras retóricas presentes no poema:
―Metáfora (as ovellas como representación das mulleres ‘mansas’ que son sacrificadas; ou o carneiro como encarnación do macho violento que as humilla e maltrata).
―Encabalgamento (“Como ovellas que van ao matadeiro/ camiñades (...)”; “Que o voso sangue sexa o derradeiro/ a mollar esas terras (...)”)...
―Hipérbato (“Como ovellas que van ao matadeiro/ camiñades a serdes lapidadas”).
―Anáfora (“¡Maldita sexa (....)/ “¡Maldito na (...)”).
―Paralelismo (“polo integrismo cruel, polas brigadas”; “nai piadosa a cubrilas, nai que medra”). Entre outras.
(78 palabras)
Cualificación máxima: 0,5
TOTAL PALABRAS: 200
Para 4.1 ou 4.2: 0,75 puntos
Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
Cualificación máxima: 0,75
NOTA
Consonte o disposto no apartado décimo do artigo 13 do Real Decreto 534/2004 sobre cualificación da probas PAU no que se refire á corrección relativa á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, a puntuación que se outorgará será do 20% do total do exame, acordo ratificado pola CRUE.
No Decreto 157/2022 aparece como obxectivo 5 para a materia de “Lingua Galega e Literatura II” o seguinte “Producir textos escritos e multimodais coherentes, cohesionados, adecuados e correctos, con especial atención aos xéneros discursivos do ámbito académico, para construír coñecemento e responder adecuadamente. informado, eficaz e creativo ante demandas comunicativas concretas”, polo que en cada pregunta este obxectivo terá unha cualificación específica.
De acordo co anterior, aplicaranse os seguintes criterios de corrección:
1. Faltas de cohesión, coherencia e adecuación (ata un máximo do 40% da cualificación reservada a este efecto)
Penalizarase o emprego inadecuado da puntuación ou das marcas gráficas (falla de guións, parénteses etc.), a falta de coherencia gramatical ou adecuación léxica, os anacolutos, o uso indebido ou inexistente de conectores textuais ou as reiteracións.
2. Faltas de corrección gramatical, léxicas ou ortográficas (ata un máximo do 40% da cualificación reservada a este efecto)
Faltas graves (0,1 puntos por falta). Faltas leves (0,05 puntos por falta). Faltas no emprego das normas de acentuación xeral (0,025 puntos por cada dúas faltas).
3. Desvío notorio na extensión recomendada (ata un máximo do 20% da cualificación reservada a este efecto)
Se na resposta a unha pregunta o texto producido supón un número total de palabras superior ou inferior nun 10% ao recomendado poderá detraerse ata un máximo dun 20% da cualificación reservada a este efecto.
Observacións
Cando nunha pregunta se cometa unha única incorrección, de calquera natureza, esta non penalizará. A partir da segunda falta de cada pregunta aplicarase o desconto na puntuación, pero se unha mesma falta se repite en varias ocasións só se contabilizará o desconto unha vez nesa pregunta.
En ningún caso o desconto por erros pode ser maior ao estipulado para cada apartado (un total dun 40% por faltas de cohesión, coherencia e adecuación, un 40% por faltas de corrección gramatical, léxicas ou ortográficas e un 20% por desvíos notorios na extensión recomendada).
|
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |


