Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. PAU


Proba de Acceso á Universidade: 3ª Proposta da Comisión para 2025


O exame consta de 4 preguntas de resposta obrigatoria, de 2,5 puntos cada unha, das que a terceira e a cuarta teñen posibilidade de elección entre apartados. En todas as preguntas a coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, terá unha valoración de 0,5 puntos.


TEXTO

Non é a primeira vez. Hai cousa dun ano xa escoitei como Boyero se incomodaba co acento galego, e lembro que o locutor da radio se decataba do que o crítico viña de dicir e o avisaba para que recollese as súas palabras ou, cando menos, as matizase cunha rectificación en directo, pero el, con esa chulería lenta e un chisco macarrónica, teimaba no agravio amosando unha vez máis que non era quen de admitir esa complexidade que trae a diversidade lingüística, o mesmo que lle acontece cun certo tipo de cine exótico que moitos amamos e el despreza. Mais isto xa é cuestión de gustos. O acento non. Detrás do acento ferve en moita xente un complexo latente durante séculos e séculos de inxurias e sufrimento, e non só para os galegos, pero tamén hai unha liña de orgullo que nos ata con firmeza ao que somos, coma un primeiro lugar de pertenza. E aí é onde a ofensa a Luís Zahera se volve colectiva. Sería doado, mesmo comprensible, dicir que o actor non lle gusta por ser demasiado histriónico, por exemplo. Pero non. Para Boyero, se non hai humillación non hai diversión nin polémica. E el, aínda que non o saiba, arrastra os seus propios prexuízos, que mamou no franquismo e agora cospe con ese ton áspero de ruína melancólica. As palabras adoitan configurar os nosos desexos, e estas de Boyero non son palabras travestidas e inxenuas; son a expresión certa dun interese inconsciente para lles pechar a porta a eses galegos que non van servir a Madrid a señoritos coma el, intrusos que talvez non sofren o pracer vergonzoso dun acento no que se concentra todo o sentimento dun pobo. Non creo que o crítico rectifique e el seguirá a repetir sen piedade as súas opinións con ese acento un chisco cavernoso, cheo de estropallo e acidez, que, por moito que el pense, non é mellor ca o noso.

Antón Riveiro Coello, “Ofensa colectiva”, La Voz de Galicia, 11 de outubro de 2024

PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (2+0,5=2,5 puntos)
Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:

1.1. Realice un resumo do artigo destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto, exprésese coas súas palabras. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto)

1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto)

PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda dous destes catro apartados:

2.1. Indique se a vogal tónica das seguintes palabras, destacadas en letra grosa no texto, é unha vogal media semiaberta ou semipechada: certo, galegos, desexos, polémica, vergonzoso. (1 punto).

2.2. Sinale a que categoría gramatical pertencen as seguintes palabras que aparecen subliñadas no texto: isto, detrás, durante, onde, ca. Engada un segundo exemplo de cada tipo extraído tamén do texto. (1 punto).

2.3. Identifique no texto un enunciado concesivo, un disxuntivo, un adversativo e un copulativo. Engada un segundo exemplo de cada tipo, ben tirado do texto ben de colleita propia, que empregue un nexo oracional diferente. (1 punto).

2.4. Sinale os prefixos e sufixos das seguintes palabras e identifique os seus valores: firmeza, humillación, franquismo, prexuízos, inconsciente. Indique, para cada caso, outra palabra co mesmo sufixo/prefixo e co mesmo valor. (1 punto).

PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda un destes dous apartados:

3.1. A partir do artigo de Antón Riveiro Coello, escriba un texto de opinión centrado nos prexuízos lingüísticos, especialmente aqueles que teñen que ver coa pronuncia e coa fonética. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

3.2. Este relato, titulado “O passsota”, pertence ao libro Navia, nai (2005) de Toño Núñez. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).

O vrau pasado veu de vacaciois o fillo de Aurora do Pico, Pascual. O Pascual é destes rapaces de agora, moderno, pasota. Unha mañá díxolle súa avoa: “Oi, Pascualiño, vaille botar unha presada de verzas aos cochos”. “Paso Tata, eso es un mal rollo” (...) Pola tardiña arriba, o Pascual ergueuse de debaixo da figueira que hai tras da casa e foi ata a cociña. “Tata, tengo hambre: vete a buscarme un chourizo de eses guai que tienes en el horno”. A avoa mirouol con muita cachaza mentras abaneaba a cabeza (...) e espetoulle: “Sabes que che digo, pavilón? Que paso... E tu segue a pasar...fame”.

Toño Núñez, “O passsota”, Navia, nai (2005)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda un destes dous apartados:

4.1. Este fragmento pertence á novela de Vicente Risco, O porco de pé (1928). Relacione o texto, sucintamente, coa súa época e co seu autor. Comente, brevemente, o tema central do fragmento explicándoo a partir de exemplos tirados do texto e sinale os principais recursos empregados na caracterización do personaxe protagonista. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Na posguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita. Agora é presidente da Xuntanza Cidadá e de Outras Sociedades. A parenta botou abrigo de chinchilla e petit-gris. Fixeron casa nova e teñen outro automóbil. Aínda podían ter máis. (...)
Don Celidonio é gordo e artrítico. O carrolo sáelle para fóra; na calva ten unha que outra serda; ten as fazulas hipertrofiadas, da cor do magro do xamón, e tan lustrosas, que semella que botan unto derretido; as nádegas e o bandullo vánselle un pouco para baixo.
O lardo rezúmalle por todo o corpo, e no verán súao en regueiros aceitosos e en pingotas bastas, coma as que deitan os chourizos cando están no fumeiro.
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, que tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada había atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento.

Vicente Risco, O porco de pé (1928)

4.2. Este poema de Xohana Torres pertence ao libro Tempos de ría (1992). Relacione o texto, sucintamente, coa poesía do momento e coa escrita da autora. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice o sentido e a importancia dos elementos da mitoloxía clásica grecolatina presentes no poema. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos)

DECLARA o oráculo:
«QUE á banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.
QUE ramos de loureiro erguen rapazas.
QUE cor malva se decide o acio.
QUE acades disas patrias a vindima.
QUE amaine o vento, beberás o viño.
QUE sereas sen voz a vela embaten.
QUE un sumario de xerfa polos cons.”
Así falou Penélope:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR»

Xohana Torres, Tempos de ría (1992)


RÚBRICA

CRITERIOS DE CORRECCIÓN E CUALIFICACIÓN

Tres

treb

tresc

Consonte o disposto no apartado décimo do artigo 13 sobre cualificación da proba de acceso do citado Real Decreto 534/2024, no que se refire á corrección relativa á coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como segundo a súa presentación, a puntuación que se outorgará para estes efectos nas materias de linguas cooficiais (Lingua Galega e Literatura II, Lengua Castellana y Literatura II, Llengua Catalana i Literatura II, Euskal Hizkuntza eta Literatura II, Euskara eta Literatura II, Valencià: Llengua i Literatura II) será do 20% do total do exame, segundo o acordo adoptado recentemente a nivel de CRUE.

No Decreto 157/2022 aparece como obxectivo 5 para a materia de “Lingua Galega e Literatura II” o seguinte “Producir textos escritos e multimodais coherentes, cohesionados, adecuados e correctos, con especial atención aos xéneros discursivos do ámbito académico, para construír coñecemento e responder adecuadamente. informado, eficaz e creativo ante demandas comunicativas concretas”, polo que en cada pregunta este obxectivo terá unha cualificación que represente o 20% do valor total da pregunta.

Máis aínda, no acordo de CRUE antes mencionado tamén aparece a seguinte anotación: Naqueles territorios con linguas cooficiais, recoméndase ter en conta esta realidade á hora de definir os criterios específicos de corrección. Xa que logo, en cada pregunta de 2,5 puntos haberá unha valoración de 0,5 puntos para ese apartado. Esta valoración só será de aplicación no caso de que a alumna/o teña un mínimo de resposta correcta nas outras partes da rúbrica da pregunta que se estea a valorar. Fíxase ese mínimo nun 20% da cualificación, polo que se a alumna/o non chega a 0,4 puntos de valoración dos dous puntos dunha pregunta non se valorará esta parte da rúbrica, outorgando un valor de 0 puntos por este apartado


Xosé Lois García
Foto de Xosé Lois García, escritor galego, amigo de ogalego.gal

ogalego.gal - ogalego.gal son

Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.