Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Exames de 2025

Xuño -- Xullo


XUÑO 2025

O exame consta de 4 preguntas de resposta obrigatoria, de 2,5 puntos cada unha, das que a segunda, a terceira e a cuarta teñen posibilidade de elección entre apartados. En todas as preguntas a coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, terá unha valoración de 0,5 puntos.


TEXTO

Se ben é certo que no momento actual todas as persoas que falamos galego nos recoñecemos como falantes dun mesmo idioma, con todos os matices das falas de cadaquén, tamén o é que a lingua está nun proceso permanente e continuo de transformación, de cambio e de innovación. Conviría preguntarse se Martín Codax e Rosalía de Castro entenderían o galego do século XXI e, asemade, se se identificarían con el. Sobre a primeira resposta, poucas dúbidas temos de que si nos entenderían. Sobre a segunda, a cousa non é tan doada, sobre todo se pensamos na variedade do galego que, desde hai catro décadas, se está a estender como variedade referencial, e que coñecemos como variedade estándar. Con certeza, identificaríanse máis co galego de Fernández del Riego.

O galego estándar é unha variedade lingüística supradialectal, planificada desde posicións académicas co correspondente aval político, cuxa principal finalidade adoita ser idear e promover unha estratexia niveladora da extraordinaria diversidade que caracteriza a nosa lingua. A partir desa diversidade, sobre todo da variación diatópica, elabórase unha variedade orientada a potenciar o seu uso no sistema educativo, nos medios de comunicación e na administración, en particular no que atinxe aos usos escritos da lingua.

Fernando Ramallo, “Que é o galego estándar?”, Que pasa co galego? (2023)

PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (2+0,5=2,5 puntos).

Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:

1.1.. Realice un resumo do texto destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto, exprésese coas súas palabras. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto).
1.2.Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto)

PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda dous destes catro apartados:

2.1. Indique se a vogal tónica das seguintes palabras, destacadas en letra grosa no texto, é unha vogal media semiaberta ou semipechada: certo, resposta, desde, nosa, medios. (1 punto).

2.2. Sinale a que categoría gramatical pertencen as seguintes palabras que aparecen subliñadas no texto: todas, asemade, aval, niveladora, seu. Engada un segundo exemplo de cada tipo extraído tamén do texto. (1 punto).

2.3. Identifique e explique que clase de perífrase verbal é a contida nesta secuencia do texto: variedade do galego que, desde hai catro décadas, se está a estender. Escriba un segundo exemplo que amose esta mesma clase de perífrase verbal, pero empregando un verbo auxiliar diferente. (1 punto).

2.4. Clasifique as seguintes palabras do texto, que aparecen destacadas en cursiva, en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas e xustifique a súa resposta: mesmo, innovación, referencial, estratexia, extraordinaria. Escriba un sinónimo e un antónimo de cada unha delas. (1 punto).

PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (2+0,5=2,5 puntos).

Responda un destes dous apartados:

3.1. A partir do escrito de Fernando Ramallo, redacte un texto de opinión centrado na importancia da variedade estándar para calquera lingua e, en particular, para o galego. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).
3.2. Este texto pertence á novela Avelaíñas eléctricas (2022) de Sica Romero. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).

Sen máis nin máis, desacóughaste. Que che pasa? É o nerviosismo que aparese. Así, sen máis nin máis. Pásache muitas veses despois de días estraños, no momento de sentar, cando deixas de moverte e faser cousas. (...) Ó fondo, unha parella crusa frases soltas. Ela apoucada. El cani. Por pouco que mires entendes que nin se coñesen. (...) Apetéseche escribir. Faselo sen parar pra botar fóra. Pensas se deberías meter esta parte da nuite no caderno.

Sica Romero, Avelaíñas eléctricas (2022)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos).
Responda un destes dous apartados:

4.1. Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence ao libro Retrincos (1934). Relacione o relato, sucintamente, coa restante obra do autor e coa narrativa da Época Nós. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do relato e a caracterización dos dous personaxes principais. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Sabela

Cando eu andaba no estudo era un mozo das romerías, bailador e divertido. Non había festa na vila, nin nos arredores, onde non aparecese danzando como un trompo esgarabilleiro. ¡Ai, aqueles valses, aquelas mazurcas, aquelas polcas e aquelas habaneras! Entón o agarradiño aínda era un pecado venial, e bailábamos con tino, para que os vellos non refungasen.
(...) Había na vila unha rapaza do meu tempo, xeitosa de corpo, feitiña de cara, leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio e limpa de conducta; pero picante nos dicires. (...) A primeira vez que bailei foi con ela. (...) A rapaza comprometeuse a enseñarme, i eu pagáballe coa miña ledicia de estudante. (...) Pouco a pouco fun deprendendo, e non tardei en bailar valses e mazurcas con certa maestría. Dispois xa me fixen bailador e aproveitaba tódalas tocatas; pero afeito á miña compañeira non tiña gusto en bailar con outras. De remate os dous fixemos unha das mellores parellas.
(...) Marcheime da vila cangado cun tiduo universitario, e as preocupacións do meu vivir arredáronme das troulas. Perdín a mocedade, fíxenme home; o baile chegou a parecerme cousa de parvos, e fai moitos anos que nin tan siquera vexo bailar. Do tempo de estudante non gardei un recuncho para as lembranzas de romería, e Sabela esvaéuseme da memoria.
Cando se proclamou a República lanceime á política e saín diputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu. (...) Cheguei á casa de meus pais, e na beira da porta vin a unha muller... Era gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e vermella; a boca sen dentes; a postura de regateira.
Miroume, fite a fite, cos ollos mergullados en bágoas, e ó pasar a carón dela sioume con voz estremecida estas verbas: —¡Meu bailador!

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Retrincos (1934)

4.2. Este poema de Luz Pozo Garza pertence ao libro Verbas derradeiras (1976). Relacione o texto, sucintamente, co conxunto da escrita da autora. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Soidade

a soidade
é unha nena tristeira
un can late na sombra
unha porta
bateuse contra o medo
soidade meniña
sen amor
esquecida no medio do silencio
abandoada chuvia
caen as follas
soidade
meniña adormecida
nun curruncho
trema de frío
e noite
cabo da xente

Luz Pozo Garza, Verbas derradeiras (1976)


XUÑO 2025

CONVOCATORIA ORDINARIA
CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II
(Cód. 02)

Pregunta 1 (2,5 puntos)


1.1. (1 punto)

Resumir o contido do texto:
―Recoñecemento de pertenza idiomática.
―Constatación da gran variabilidade interna da lingua.
―Evolución diacrónica do idioma: dende a Idade Media ata os nosos días. ―Definición e caracterización do galego estándar.
(Cualificación máxima 0,75)


Evitar na redacción a paráfrase do texto e o abuso da reiteración textual das secuencias do mesmo.
(Cualificación máxima 0,25)


1.2. (1 punto)

Identificar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito: é un texto expositivo-argumentativo, pois a súa principal finalidade é convencer das teses que expón mediante o emprego de diversos argumentos.
(Cualificación máxima 0,5)


Xustificar a adscrición á tipoloxía textual servíndose de, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto: conectores explicativos, terminoloxía específica, modalidade enunciativa, argumentos causa-efecto, substantivos abstractos…
(Cualificación máxima 0,5)


(0,5 puntos) -pregunta 1-

Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
(Cualificación máxima 0,5)


PREGUNTA 2 (2,5 puntos; lémbrese que deben escollerse unicamente dúas opcións para responder das catro posibles)


2.1 (1 punto)

Determinar a natureza semiaberta ou semipechada das vogais tónicas das palabras indicadas: certo (semiaberta), resposta (semiaberta), desde (semipechada), nosa (semiaberta), medios (semipechada).
(Cualificación máxima 1)


2.2 (1 punto)

Determinar a categoría gramatical á que pertencen as palabras sinaladas: todos (determinante indefinido), asemade (adverbio), aval (substantivo), niveladora (adxectivo), seu (determinante posesivo).
(Cualificación máxima 0,5)


Engadir segundos exemplos de palabras da mesma categoría gramatical para cada caso.
(Cualificación máxima 0,5)


2.3 (1 punto)

Identificar e explicar a clase de perífrase verbal contida na secuencia pola que se pregunta: se está a estender (perífrase verbal aspectual imperfectiva).
(Cualificación máxima 0,5)


Engadir un segundo exemplo desa mesma perífrase verbal, mais empregando un verbo auxiliar diferente: anda a se estender, leva a se estender, vai estendéndose, vén estendéndose.
(Cualificación máxima 0,5)


2.4 (1 punto)

Clasificar as palabras sinaladas en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas xustificando cada adscrición: mesmo (simple), innovación (derivada de innovar co sufixo nocional deverbal de acción -ción), referencial (derivada de referencia co sufixo nocional desubstantival -al), estratexia (simple), extraordinaria (derivada de ordinaria co prefixo nocional negativo extra-).
(Cualificación máxima 0,5)


Indicar un sinónimo e un antónimo de cada unha das palabras polas que se pregunta (cada sinónimo/ antónimo ben indicado sumará 0,05).
(Cualificación máxima 0,5)


(0,5 puntos) -pregunta 2-

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
(Cualificación máxima 0,5)


PREGUNTA 3 (2,5 puntos; lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)

3.1 (2 puntos)

Redactar un texto de opinión centrado na importancia da variedade estándar para calquera lingua e, en particular, para o galego.
―Breve introdución: presentación das linguas como diasistemas; xustificación da necesidade dunha variedade estándar.
―Corpo de argumentación: constatación da variabilidade diacrónica e sincrónica das linguas; afirmación da idoneidade da variedade estándar para os usos formais, administrativos e educativos.
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da variedade estándar como instrumento imprescindible extensión normalizadora da lingua.
(Cualificación máxima 1,5)


Empregar na redacción do texto terminoloxía sociolingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos.
(Cualificación máxima 0,5)


3.2 (2 puntos)

Determinar a variedade dialectal da narración, xustificándoa a partir de, como mínimo, catro exemplos tirados do texto: texto pertencente ao bloque occidental, área fisterrá. Fenómenos: seseo prenuclear (aparese, veses, faser, crusa, coñesen, apetéseche, faselo); gheada (desacóughaste); ditongo -ui (nuite). A indicación do bloque sumará 0,25, a indicación da área sumará 0,1 e cada exemplo de dialectalismo ben determinado 0,1.
(Cualificación máxima 0,75)


Redactar un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega:
―Definición de variedade dialectal.
―Constatación da variabilidade como fonte de riqueza do diasistema.
―Importancia e relación das variedades dialectais na conformación da variedade estándar.
―As variedades dialectais como reflexo de trazos socioculturais e identitarios.
(Cualificación máxima 0,75)


Empregar na redacción do texto expositivo-argumentativo terminoloxía dialectolóxica especializada e axeitada aos argumentos sostidos.
(Cualificación máxima 0,5)


(0,5 puntos) -pregunta 3-

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
(Cualificación máxima 0,5)


PREGUNTA 4 (2,5 puntos; lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)

4.1 (2 puntos)

Relacionar o texto, sucintamente, coa restante obra de Castelao e coa narrativa da Época Nós:
―Castelao como mestre da novela curta, o relato e o subxénero narrativo das «cousas»: Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926, 1929), Os dous de sempre (1934) e Retrincos (1934).
―A narrativa da Época Nós: xurdimento das voces fundadoras da narrativa galega moderna, introdutores das correntes literarias europeas do momento e ponte entre a tradición e as novas fórmulas creativas. Castelao, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste, entre outros.
(Cualificación máxima 0,5)


Determinar o tema central do texto: lembranza (melancólica) da feliz mocidade bailadora.
(Cualificación máxima 0,5)


Describir a estrutura do relato:
―1ª Parte (1º parágrafo): presentación do motivo argumental e do narrador protagonista.
―2ª Parte (2ª parágrafo): corpo central do relato e da peripecia como parella de baile dos dous personaxes principais.
―3ª Parte (3ª parágrafo): salto temporal e confirmación do esquecemento da vida romeira e bailadora de mocidade.
―4ª Parte (os dous derradeiros parágrafos): regreso á vila natal do narrador protagonista e reencontro emotivo coa súa parella de baile na mocidade.
Caracterización dos dous personaxes principais:
―Narrador: Personaxe principal. Personaxe caracterizado etopeicamente (descrición moral): divertido, bailador, trompo esgarabilleiro, de primeiras, cangado cun tiduo, con preocupacións do vivir, perdida a mocidade, indiferente ao baile, de maior.
―Rapaza bailadora: Personaxe principal. Personaxe con retrato: descrición física (prosopografía) e moral (etopea). Descrición física: inicialmente, xeitosa de corpo, feitiña de cara, co pasar dos anos gorda de ventre, de pernas e de brazos, cara inflada e vermella, boca sen dentes, postura de regateira. Descrición moral: leda de xenio, traballadora de condición, pescantina de oficio, limpa de conducta, picante nos dicires.
(Cualificación máxima 1)


4.2 (2 puntos)

Relacionar o poema, sucintamente, co conxunto da escrita da autora:
―Luz Pozo Garza voz esencial da renovación lírica galega da segunda metade do século XX e autora destacada da Promoción de Enlace: poeta do amor, do sensualismo e do simbólico, en constante diálogo intertextual coa nosa tradición e a mellor poesía universal.
―Algunhas obras destacadas: O paxaro na boca (1952), Concerto de outono (1981), Códice calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992) ou Rosa tántrica (2016).
(Cualificación máxima 0,5)


Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto: A soidade.
(Cualificación máxima 0,5)


Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: personificación (a soidade como nena), conmoración (motivo da nena-soidade amplificado dende diversos ángulos), estruturas paralelísticas e anafóricas (un can... unha porta; soidade meniña/ sen amor... soidade/ meniña adormecida); campo semántico da orfandade e o desvalemento (soidade tristeira, medo, sen amor, esquecida, silencio, abandonada, adormecida, frío, noite), imaxes visionarias (unha porta/ bateuse/ contra a noite).
(Cualificación máxima 1)


(0,5 puntos) -pregunta 4-

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.
(Cualificación máxima 0,5)



XULLO 2025

O exame consta de 4 preguntas de resposta obrigatoria, de 2,5 puntos cada unha, das que a segunda, a terceira e a cuarta teñen posibilidade de elección entre apartados. En todas as preguntas a coherencia, cohesión, corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados, así como a súa presentación, terá unha valoración de 0,5 puntos.


TEXTO

O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) lanzou un novo informe (...) onde debulla o reto social dun problema que vai a máis e que require acción directa dende a nenez e a mocidade: as agresións online. En Violencia dixital de xénero: unha realidade invisíbel analízase esta problemática que afecta ás mulleres. (...) O informe indica que o 57% das vítimas de acoso en internet desenvolve fobia ao medio.
A investigación lembra que as mulleres sofren no plano dixital continuas agresións e delitos contra a súa honra e intimidade, moitas veces por parte de atacantes anónimos, “o que dificulta a súa solución”. (...)
Amais, un 15,2% experimentou acoso reiterado por parte da mesma persoa, e delas, unha de cada catro tivo que soportar comentarios ou propostas desapropiadas en internet. “A incidencia é maior canto máis novas son, pero hai casos de todas as idades”, sinálase no informe, onde tamén se pon o foco na vulnerabilidade das profesionais que teñen exposición en redes sociais e internet. (...)
O estudo tamén aborda as consecuencias psicolóxicas da violencia dixital de xénero. Unha enquisa de Amnistía Internacional destaca que o 54% das mulleres que sofre acoso nas redes ten ataques de pánico, ansiedade ou tensión; o 57% xera aprehensión polas canles online e un 41% sente ameazada a súa seguridade física. Noutro estudo da ONG Plan Internacional con nenas e mozas recollíase que a un 24% afectoulle á súa autoestima, o 19% comezou a ter problemas coas súas amizades e a súa familia e o 18% tívoos no seu colexio ou instituto.

Código Cero, nº 225, abril-maio de 2022

PREGUNTA 1. COMUNICACIÓN. (2+0,5=2,5 puntos).

Lea atentamente o texto anterior e responda estes dous apartados:

1.1. Realice un resumo do texto destacando nel as ideas principais. Evite parafrasear o texto, exprésese coas súas palabras. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto).

1.2. Indique e explique se o texto anterior é descritivo, narrativo ou expositivo-argumentativo. Xustifique a súa resposta con, como mínimo, tres exemplos tirados do texto. Extensión aproximada: 60 palabras. (1 punto)

PREGUNTA 2. REFLEXIÓN SOBRE A LINGUA. (2+0,5=2,5 puntos)

Responda dous destes catro apartados:

2.1. Indique se a vogal tónica das seguintes palabras, destacadas en letra grosa no texto, é unha vogal media semiaberta ou semipechada: reto, mulleres, acoso, novas, nenas. (1 punto).

2.2. Sinale a que categoría gramatical pertencen as seguintes palabras que aparecen subliñadas no texto: debulla, amais, catro, pero, física. Engada un segundo exemplo de cada tipo extraído tamén do texto. (1 punto).

2.3. Indique a función sintáctica que desempeñan na súa cláusula ou oración estas cinco unidades do texto (en vermello): un novo informe; ás mulleres; no plano dixital; unha de cada catro; maior canto máis novas son. (1 punto).

2.4. Clasifique as seguintes palabras do texto en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas e xustifique a súa resposta: problema, mocidade, fobia, atacantes, autoestima. Escriba un sinónimo e un antónimo de cada unha delas. (1 punto).

PREGUNTA 3. A LINGUA E OS SEUS FALANTES. (2+0,5=2,5 puntos).

Responda un destes dous apartados:

3.1. A partir do texto que figura na cabeceira da páxina, que contén diversos exemplos de terminoloxía médica, redacte un texto de opinión centrado na importancia dos sociolectos ou variedades sociais nas linguas, en xeral, e no galego, en particular. O texto deberá contar con: breve introdución, corpo de argumentación (dous argumentos como mínimo) e conclusión. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

3.2. Este texto pertence á novela Avelaíñas eléctricas (2022) de Sica Romero. Indique que variedade dialectal reflicte xustificando a súa adscrición mediante, como mínimo, catro exemplos tirados do relato. A partir desta narración e dos seus trazos dialectais elabore logo un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega. Extensión aproximada: 120 palabras. (2 puntos).

Papá Mighel mola muitísimo. Cando teu pai morriu, viviches cos avós ata os quinse, e aínda que daquela andaban tristeiros, lembras os momentos con vivesa e cariño porque sempre che quixeron ben. (...) De nena, teu avó levábache ó sentro cultural onde el pedía un caraghillo e a ti deixábache pedir un aquarius e dábache os seus asucarillos en que lambías ata que desaparesían... un visio.

Sica Romero, Avelaíñas eléctricas (2022)

PREGUNTA 4. EDUCACIÓN LITERARIA. (2+0,5=2,5 puntos).
Responda un destes dous apartados:

4.1. Este texto de Álvaro Cunqueiro pertence ao libro Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960). Relacione o relato, sucintamente, coa restante obra do autor e co movemento de recuperación da narrativa galega de Posguerra. Indique o tema principal e xustifíqueo a partir de exemplos tirados do texto. Analice, brevemente, a estrutura do relato e a presenza nel de elementos fantásticos. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

O gatipedro

O gatipedro é un gato branco que ten na cachola un corno mouro; o gatipedro ven pólas noites ás casas, e párase nas habitaciós nas que hai nenos durmindo. Entón o gatipedro ponse a verquer auga pólo seu corniño, i o neno, en sonos, escoitando o pingar da fontiña aquela, soña que mexa, e de verdade mexa na cama.
Pra espantar o gatipedro abonda con botar unhas areas de sal á porta do cuarto i ó pé da fiestra. O gatipedro anda apoiándose, ademáis de nas catro patas, na lingua, e probando coista o sabor do sal, o gatipedro dá a volta e prosegue a súa nouturnia viaxe, deixando ós nenos da casa en paz.

Álvaro Cunqueiro, Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960)

4.2. Este poema de Olga Novo pertence ao libro Nós nus (1997). Relacione o texto, sucintamente, co conxunto da escrita da autora e coa poesía galega dos anos 90. Indique o tema central do poema xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto e analice as principais figuras literarias que nel se empregan. Extensión aproximada: 200 palabras. (2 puntos).

Os líquidos íntimos

coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas

algunhas conservan estirados os nomes que gravei a navalladas
tódalas tardes ó volver da escola.

acostumada a tirar por un poema como por un becerro cando se lle ven as patas,
cando xa non se está en idade de medrar
toda maduración require un desgarro de tendóns
entón é cando corren polo meu peito rabaños de cabras que non se dirixen a ningunha parte

sóbenme ás paredes desde as que te vexo,
arrancan coa lingua o pasto mentres te vas.

o tacto dos teus violíns faime chorar terriblemente.

E case non podo soportar que as túas mans me acariñen
como a la dos xerseis que me facía a miña mai cando era nena

pero coa miña pel
........ coa miña pel podes facer enxertos nas mazairas.

Olga Novo, Nós nus (1997)


XULLO 2025

CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA
CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II
(Cód. 02)

Pregunta 1 (2,5 puntos)


1.1. (1 punto)

Resumir o contido do texto:
―Publicación do informe Violencia dixital de xénero: unha realidade invisíbel polo ONTSI.
―Constatación do alto número de mulleres acosadas en internet e da fobia que por isto padecen.
―Estimación estatística das mulleres afectadas e da incidencia segundo as franxas de idade.
―Consecuencias psicolóxicas da violencia dixital de xénero: ataques de pánico, ansiedade, tensión, aprehensión, baixa autoestima, problemas de relación. (0,75 puntos)


Evitar na redacción a paráfrase do texto e o abuso da reiteración textual das secuencias do mesmo. (0,25 puntos)


1.2. (1 punto)

Identificar e explicar a tipoloxía textual á que pertence o escrito: é un texto expositivo-argumentativo, pois a súa principal finalidade é informar dunha situación problemática e convencer da necesidade de mudar tal realidade servíndose de argumentos estatísticos e consideracións valorativas. (0,5 puntos)


Xustificar a adscrición á tipoloxía textual indicando, como mínimo, tres exemplos extraídos do texto: conectores explicativos, terminoloxía específica, modalidade enunciativa, argumentos causa-efecto… (0,5 puntos)


Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas. (0,5 puntos)


PREGUNTA 2 (2,5 puntos)


2.1

Determinar a natureza semiaberta ou semipechada das vogais tónicas das palabras indicadas: reto (semiaberta), mulleres (semiaberta), acoso (semipechada), novas (semiaberta), nenas (semipechada). (1 punto)


2.2

Determinar a categoría gramatical á que pertencen as palabras subliñadas no texto: debulla (verbo), amais (adverbio), catro (numeral), pero (conxunción), física (adxectivo). (0,5 puntos)


Engadir segundos exemplos de palabras da mesma categoría gramatical para cada caso. (0,5 puntos)


2.3

Determinar a función sintáctica das seguinte cinco unidades do texto: un novo informe (complemento ou obxecto directo), ás mulleres (complemento ou obxecto indirecto), no plano dixital (complemento circunstancial), unha de cada catro (suxeito), maior canto máis novas son (atributo). (1 punto)


2.4

Clasificar as palabras sinaladas en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas xustificando cada adscrición: problema (simple), mocidade (derivada do substantivo mozo co morfema derivativo sufixo - idade), fobia (simple), atacantes (derivada do verbo atacar co morfema derivativo sufixo -nte), autoestima (derivada do substantivo estima co morfema derivativo prefixo auto-).(0,5 puntos)


Indicar un sinónimo e un antónimo de cada unha das palabras polas que se pregunta (cada sinónimo/ antónimo ben indicado sumará 0,05). (0,5 puntos)

 


Toda a pregunta 2

Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas.


PREGUNTA 3 (Lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles, 2,5 puntos)

3.1

Redactar un texto de opinión centrado na importancia dos sociolectos ou variedades sociais para calquera lingua e, en particular, para o galego.
―Breve introdución: presentación das linguas como vehículos de comunicación conformados por múltiples variedades (diatópicas, diacrónicas, diastráticas, diafásicas).
―Corpo de argumentación: constatación da existencia de sociolectos ou variedades sociais, comúns para o galego e outros idiomas (por exemplo: linguaxes profesionais ou tecnolectos, linguaxes urbanas...) ou específicas (por exemplo: o barallete, o verbo dos arxinas...).
―Conclusión: síntese do argumentado e defensa da necesidade dos sociolectos ou variedades sociais e da súa funcionalidade. (1,5 puntos)


Empregar na redacción do texto terminoloxía lingüística especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,5 puntos)


3.2

Determinar a variedade dialectal da narración xustificándoa a partir de, como mínimo, catro exemplos tirados do texto: texto pertencente ao bloque occidental, área fisterrá. Fenómenos: seseo prenuclear (quinse, vivesa, sentro, asucarillos, desaparesían, visio); gheada (Mighel, caraghillo); ditongo -ui (muitísimo); vogal temática i na terceira persoa do pretérito (perfecto) de indicativo da segunda e terceira conxugación (morriu); cheísmo (sempre che quixeron ben; teu avó levábache ó sentro cultural). A indicación do bloque sumará 0,25, a indicación da área sumará 0,1 e cada exemplo de dialectalismo ben determinado 0,1. (0,75 puntos)


Redactar un texto expositivo-argumentativo sobre o valor das variedades dialectais das linguas, especialmente da lingua galega:
―Definición de variedade dialectal.
―Constatación da variabilidade como fonte de riqueza do diasistema.
―Importancia e relación das variedades dialectais na conformación da variedade estándar.
―As variedades dialectais como reflexo de trazos socioculturais e identitarios. (0,75 puntos)


Empregar na redacción do texto expositivoargumentativo terminoloxía dialectolóxica especializada e axeitada aos argumentos sostidos. (0,5 puntos)


Toda a pregunta 3

Producir textos escritos respectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas. (0,5 puntos)


PREGUNTA 4 (2,5 puntos; lémbrese que debe escollerse unicamente unha opción para responder das dúas posibles)


4.1

Relacionar o texto, sucintamente, coa restante obra de Álvaro Cunqueiro e coa recuperación da narrativa galega de Posguerra.
―Cunqueiro como mestre da narrativa que mestura realidade e imaxinación e dos libros de retratos de tipos populares: Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), Escola de menciñeiros (1960), Si o vello Sinbad volvese ás illas (1961), Xente de aquí e de acolá (1971), Os outros feirantes (1979).
―A narrativa galega de Posguerra e as súas voces principais: Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco-Amor e Xosé Neira Vilas. (0,5 puntos)


Determinar o tema central do texto: presentación ou retrato do ser imaxinario chamado O Gatipedro.(0,5 puntos)


Describir a estrutura do relato:

―1ª Parte (1º parágrafo): descrición física (ou prosoprografía) e descrición comportamental (ou etoloxía) do Gatipedro.
―2ª Parte (2ª parágrafo): revelación do proceder axeitado para liberarse das molestias causadas polo Gatipedro.

Elementos fantásticos relevantes no texto:
―O Gatipedro como ser imaxinario mestura de felino e pequeno unicornio.
―Capacidade do Gatipedro para verter auga a modo de fonte animal e inducir a micción infantil.
―Fobia ao sal do Gatipedro, que, como ser imaxinario, non é cuadrúpede como os felinos, senón que ten un quinto elemento de apoio que é a súa longa lingua. ―Natureza de eterno viaxeiro nocturno do Gatipedro. (1 punto)


4.2

Relacionar o poema, sucintamente, co conxunto da escrita da autora e da poesía dos 90:
―Olga Novo voz esencial da poesía galega dos 90 dende a súa estética renovadora, telúrica, erótica, neosurreal e feminista. Algunhas obras destacadas: A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997), A cousa vermella (2004), Cráter (2011), Feliz Idade (2019).
―A explosión poética dos 90: variedade de liñas temáticas e estéticas. A escrita de muller. (0,5 puntos)


Determinar o tema central do poema, xustificándoo a partir de exemplos tirados do texto: Amor apaixonado de intimidade radical. (0,5 puntos)


Sinalar as principais figuras literarias empregadas no poema: símiles (tirar por un poema como por un becerro), imaxes visionarias (corren polo meu peito rabaños de cabras), hipérbatos (cando xa non se está en idade de medrar/ toda maduración require un desgarro de tendóns), metáforas (o tacto dos teus violíns), anáforas (pero coa miña pel/ coa miña pel podes), estruturas paralelísticas (sóbenme... / arrancan...) e circulares (comezo e remate coincidentes)... (1 punto)


Toda a pregunta 4

Producir textos escritosrespectando as propiedades textuais (adecuación, coherencia e cohesión), con corrección (ortográfica e gramatical), servíndose dun léxico adecuado e preciso e observando a extensión recomendada para as respostas. (0,5 puntos)


Paulo González Ogando
Foto de PAULO GONZÁLEZ OGANDO, escritor galego, autor de Bocados matemáticos.

Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.