![]() |
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados |
PREGUNTAS DE FORMACIÓN DE PALABRAS NOS ÚLTIMOS EXAMES DE SELECTIVIDADE EN LINGUA GALEGA E LITERATURA
Xullo 2025
2.4. Clasifique as seguintes palabras do texto en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas e xustifique a súa resposta: problema, mocidade, fobia, atacantes, autoestima. Escriba un sinónimo e un antónimo de cada unha delas. (1 punto).
Criterios: Clasificar as palabras sinaladas en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas xustificando cada adscrición: problema (simple), mocidade (derivada do substantivo mozo co morfema derivativo sufixo - idade), fobia (simple), atacantes (derivada do verbo atacar co morfema derivativo sufixo -nte), autoestima (derivada do substantivo estima co morfema derivativo prefixo auto-).(0,5 puntos)
Indicar un sinónimo e un antónimo de cada unha das palabras polas que se pregunta (cada sinónimo/ antónimo ben indicado sumará 0,05). (0,5 puntos)
Xuño 2025
2.4. Clasifique as seguintes palabras do texto, que aparecen destacadas en cursiva, en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas e xustifique a súa resposta: mesmo, innovación, referencial, estratexia, extraordinaria. Escriba un sinónimo e un antónimo de cada unha delas. (1 punto).
Criterios de avaliación
Clasificar as palabras sinaladas en simples, derivadas, compostas ou parasintéticas xustificando cada adscrición: mesmo (simple), innovación (derivada de innovar co sufixo nocional deverbal de acción -ción), referencial (derivada de referencia co sufixo nocional desubstantival -al), estratexia (simple), extraordinaria (derivada de ordinaria co prefixo nocional negativo extra-).
(Cualificación máxima 0,5)
Indicar un sinónimo e un antónimo de cada unha das palabras polas que se pregunta (cada sinónimo/ antónimo ben indicado sumará 0,05).
(Cualificación máxima 0,5)
Xullo 2024
3.2. Tendo en conta a palabra illamento, constrúa derivados co sufixo -mento a partir de verbos das segunda e terceira conxugación (dous de cada unha delas) e explique o significado que o sufixo achega ás palabras creadas con el. (0,75 puntos)
Criterios de avaliación
-mento. Morfema derivativo. Forma substantivos a partir de verbos. Indica a acción e o efecto do expresado polo verbo. [0,35 ptos.]
- Algúns exemplos: CII: crecemento, desenvolvemento. CIII: recibimento, cumprimento. [0’1x2 + 0’1x2]
Xullo 2022
3.1. Segmente morfoloxicamente estas palabras do texto e indique o tipo de cada morfema, así como o significado que acheguen os morfemas derivativos e flexivos: acoitelaron, matasen, feminicidio, culpabilizar (Marcadas no texto) (1 punto)
Criterios de avaliación
.a (prefixo) / coitel (lexema) / a (vogal temática) / ron (morfema flexivo de número e persoa)
.mat (lexema ou raíz) / a (vogal temática) / se (morfema flexivo de modo e tempo) / n (morfema flexivo de número e persoa)
.fémina (lexema) / icidio (sufixo derivativo)
.culp (lexema) / a (vogal temática) / bil (sufixo derivativo) / iz (sufixo) / a (vogal temática) / r (morfema flexivo de infinitivo)
Xuño 2021
2.2. Segmente morfoloxicamente e indique o valor de cada morfema: seguidores, artificial, imperfeccións, branqueadora. (1 punto)
Proposta da comisión:
0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada. 0,10 p. se está ben segmentada e 0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas (de todos eles, de xeito que un valor mal por palabra xa supón 0 puntos).
0,25 - Segu-i-dor-es: raíz (morfema léxico) + morfema flexivo (VT) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de plural.
0,25 - Artifici-al: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo). Art-ifici-al: raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema derivativo (sufixo).
0,25 - Im-perfec-ción-s: prefixo (morfema derivativo) + raíz (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfemas flexivo de número.
0,25 - Branqu-ea-dor-a: branc (morfema léxico) + morfema derivativo (sufixo) + morfema derivativo (sufixo) + morfema flexivo de xénero.
Xullo 2020
2.1. Segmente morfoloxicamente as seguintes palabras do texto de Eli Ríos e indique o valor de cada morfema: “embaular”, “países”, “mercadotecnia”, “praguicida”. (1 punto)
Proposta da comisión:
0,25 cada palabra correctamente segmentada e analizada.
0,10 p. se está ben segmentada
0,15 p. se se indica o valor correcto dos morfemas.
|
![]() ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |


