Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +
Anxo González Guerra

Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra

Catedráticos de Lingua Galega e Lit. xubilados

@: ogalego@ogalego.gal

LINGUA GALEGA E LITERATURA: 2º BACHARELATO

PAU, Probas de Acceso á Universidade



Estrutura do exame das PAU en Lingua Galega e Literatura no curso 2025-2026 (Modelo de exame 2026 // Circular CIUG 18/09/25)

O exame constará de 4 preguntas de resposta obrigatoria.

**TEXTO DE INICIO**



** PREGUNTA 1. Comunicación (4 puntos)**

Esta primeira pregunta non terá optatividade de xeito que todos os seus apartados serán obrigatorios para todo o alumnado. Centrarase en cuestións sobre algún aspecto de comprensión e análise do texto:
1. Resumir o texto ou unha parte del.
2. Realizar un esquema ou indicar o tema ou temas.
3. Indicar a estrutura.
4. Identificar as ideas principais e secundarias.
5. Explicar o significado concreto no texto dalgunha palabra, expresión ou fragmento.
6. Recoñecer a intencionalidade. Será especialmente interesante que se perciba o sentido real do texto, alén da súa literalidade (pénsese en recursos como, por exemplo, a ironía, as presuposicións etc.).
7. Identificar xéneros discursivos desde o punto de vista da comprensión, produción e análise crítica.
8. Escoller entre varias opcións, para avaliar as competencias relacionadas coa comprensión etc.

A puntuación total desta primeira pregunta será sempre de 4 puntos.

Axudas de ogalego.gal para a pregunta 1

**Resumo / esquema / tema / ideas principais e secundarias / intención comunicativa, xéneros discursivos.

**Explicar o significado concreto no texto dalgunha palabra, expresión ou fragmento.


** PREGUNTA 2. Reflexión sobre a lingua (1,5 puntos)**

Esta pregunta pode presentar opcionalidade ou non. Nela traballaranse saberes básicos relativos ás disciplinas lingüísticas (fonética e fonoloxía, morfoloxía e sintaxe, semántica e lexicografía).

Con este fin formularanse cuestións sobre:
1. Identificar e describir as principais características da fonética da lingua galega.
2. Identificar e usar as diferentes clases de palabras.
3. Evidenciar a comprensión das posibilidades de creación de palabras e enriquecemento do léxico mediante a composición, derivación, parasíntese e acronimia.
4. Identificar e empregar axeitadamente as formas verbais e perífrases.
5. Identificar e empregar as clases de sintagmas/frases, os seus constituíntes e as funcións que poidan exercer nas cláusulas/oracións.
6. Identificar e usar as funcións primarias da cláusula/oración (suxeito, predicado e complementos).
7. Identificar e usar as relacións existentes entre estruturas sintácticas.
8. Evidenciar a comprensión das diferentes relacións léxico-semánticas das palabras (sinonimia, antonimia, hiperonimia, cohiponimia, hiponimia, familia léxica e campo semántico) mediante a identificación nun texto ou o emprego de sinónimos, antónimos etc.).

Para maior claridade, sinálanse catro aspectos adicionais sobre esta segunda pregunta:
1. Non se solicitará unha análise fonética completa de secuencias ou fragmentos, só de determinados fonemas.
2. Non se pedirá unha análise sintáctica formal de oracións/cláusulas.
3. Non se pedirá análise morfolóxica de palabras, pero poderá pedirse identificación de elementos dalgún dos seus constituíntes para relacionalos con outras palabras e atopar familias léxicas ou descubrir os significados dos mesmos morfemas noutras palabras e comprender mellor o léxico do texto.
4. Poderase preguntar por algúns dos elementos que contribúen a dotar de cohesión e coherencia un texto, como antecedentes de relativos, referentes textuais de pronomes, valores anafóricos e catafóricos dalgún elemento, nexos e conectores etc., pero non se pedirá unha análise xeral dos mecanismos de cohesión dun texto determinado (aínda que se valorará o seu uso na produción textual).
5. As preguntas non serán unicamente teóricas; non se trata de reproducir memoristicamente, senón de identificar o valor de unidades lingüísticas nun contexto determinado para unha máis profunda comprensión textual.

A puntuación total desta segunda pregunta será sempre de 1,5 puntos.

Axudas de ogalego.gal para a pregunta 2

Fonética e fonoloxía:

*Documento de axuda para fonética e fonoloxía

-Preguntas de fonética e fonoloxía nos anteriores exames das PAU-ABAU

-Práctica de fonética e fonoloxía

Sintaxe:

*Documento de axuda para sintaxe

-Preguntas de sintaxe nos anteriores exames das PAU-ABAU

-Exercicios de sintaxe para PAU

Morfoloxía:

*Documento de axuda para morfoloxía

-Preguntas de morfoloxía nos anteriores exames das PAU-ABAU

-Exercicios de axuda para morfoloxía

*Paradigmas do verbo e Perífrases verbais

*Documento de axuda para formación de palabras

-Preguntas de formación de palabras nos anteriores exames das PAU-ABAU

-Práctica para a formación de palabras

Semántica:

-Documento de axuda para semántica

-Preguntas de semántica nos anteriores exames das PAU-ABAU

-Práctica 1 para semántica

-Práctica 2 para semántica


** PREGUNTA 3. A lingua e os seus falantes (1,5 puntos)**

Esta pregunta pode presentar opcionalidade ou non. Procurarase (aínda que non é imprescindible) que as respostas se elaboren a partir da análise de estímulos (textos, viñetas, estatísticas, gráficas, mapas...) vinculados a contidos do Bloque 1.

Con carácter orientador e non excluínte, as cuestións poderán versar sobre:
1. As linguas da Península Ibérica.
2. As variedades dialectais do galego.
3. A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua.
4. Os prexuízos e estereotipos lingüísticos.

Como normal xeral, procurarase que esta pregunta implique na súa resposta a produción dun texto cunha extensión aproximada de 120 palabras.

A puntuación total desta terceira pregunta será sempre de 1,5 puntos.

Axudas de ogalego.gal para a pregunta 3

*As linguas da Península Ibérica

*Variedades dialectais do galego

*A variedade estándar, os sociolectos e os rexistros de lingua

*Os prexuízos e estereotipos lingüísticos

 

-Preguntas de dialectoloxía en exames PAU-ABAU

-Preguntas de sociolingüística en exames PAU-ABAU

-Prácticas de dialectoloxía.


** PREGUNTA 4. Educación literaria (3 puntos)**

Esta pregunta pode presentar opcionalidade ou non. Os textos escollidos serán representativos dos períodos literarios indicados no currículo.

Entre as posibles preguntas que poden formularse neste bloque atópanse:
1. Caracterizar brevemente o conxunto da escrita do/a autor/a do texto incardinándoo no seu contexto histórico-literario.
2. Comparar dous textos literarios en función da súa temática, forma...
3. Elaborar un comentario literario guiado.

Nas cuestións de análise intratextual precisarase que se xustifique a resposta con exemplos do propio texto.
Esta pregunta implicará a produción dun texto cunha extensión aproximada de 200 palabras.

A puntuación total desta terceira pregunta será sempre de 3 puntos.

(Currículo: Lectura guiada de obras relevantes da literatura galega dos séculos XX e XXI, inscritas en itinerarios temáticos ou de xénero ao redor de tres eixos: (1) A literatura galega no primeiro terzo do século XX (1916-1936); (2) A literatura galega entre 1936 a 1975; (3) A literatura galega de fins do século XX e comezos do XXI. Procesos e estratexias.)

Axudas de ogalego.gal para a pregunta 4

*A literatura galega no primeiro terzo do século XX (1916-1936).

*A Literatura galega entre 1936 e 1975.

*A literatura galega de fins do século XX e comezos do XXI. Procesos e estratexias.

-Preguntas de literatura nos últimos exames PAU


Consideracións finais

En resposta a algunhas cuestións que con frecuencia o profesorado da materia trasladou a este Grupo de Traballo, queremos aclarar:
1. Os modelos, rúbricas ou circulares de pasadas PAU poden consultarse tan só a título orientador ou comparativo. A proba deste ano responderá unicamente ao proposto nos modelos, rúbricas e circulares deste curso.
2. A extensión indicada para os textos das respostas ten que respectarse. Neste sentido, e como norma xeral, un desvío maior dun 10% do total de palabras indicado pode ser obxecto de penalización na cualificación.
3. A proba de “Lingua Galega e Literatura II” das PAU responde aos contidos do currículo vixente (Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, DOG do 26 de setembro de 2022) e este indica como contido:
Lectura guiada de obras relevantes da literatura galega dos séculos XX e XXI, inscritas en itinerarios temáticos ou de xénero ao redor de tres eixos: (1) A literatura galega no primeiro terzo do século XX (1916-1936); (2) A literatura galega entre 1936 a 1975; (3) A literatura galega de fins do século XX e comezos do XXI. Procesos e estratexias.
O documento legal non fai mención a subperíodos concretos nin salienta voces literarias significativas nestes.
Non compete ao Grupo de Traballo da nosa materia a modificación dun currículo oficial concretando nada que non apareza explícito no propio documento, pois facelo sería contravir as disposicións normativas.
4. Na resposta a determinadas cuestións sobre o funcionamento da lingua (Fonoloxía, nomenclatura verbal, Sintaxe...) poden empregarse diferentes terminoloxías sempre e cando estas describan con coherencia e rigor científico os fenómenos descritos. Agora ben, o que debe evitarse é o emprego simultáneo de diferentes terminoloxías nunha mesma resposta, debendo optar por unha delas de principio a fin.


VER EXAMES DA PAU-ABAU (2025 e anteriores)


 
Indice de Exercicios
Modesto Hermida
Pronome
Letras de cantigas populares galegas
qr

Foto: Modesto Hermida, escritor galego e amigo de ogalego.gal
ogalego.eu/ogalego.gal 2005-2025

Licenza Creative Commons
ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.